Un ano máis de voluntariado eficaz

1 Xaneiro 2020

 
Rematado o ano 2019, é o momento de facer balance do conseguido. Non é difícil, pois estivemos levando unha detallada conta en tódalas xornadas de voluntariado. Vexamos un resumen dos resultados.

Foto dos voluntariosO lixo que recollemos no litoral e nos ríos pesou 8.417,5 kg. Na loita contra as especies exóticas invasoras, eliminamos focos de 21 especies distintas de plantas exóticas, ascendendo o peso total da biomasa retirada a 4.653 kg. As especies que precisaron máis dedicación foron a tradescantia, da que retiramos 2.920 kg, e a crocosmia, da que arrincamos 9.385 tubérculos.

As zonas de actuación nos ríos sumaron 43 km de ribeira no Mandeo, Mendo, Lambre e rego das Bouzas. No litoral actuamos na ría de Betanzos, na desembocadura do Lambre (marisma e praias da Alameda e da Abeleira) e na praia Grande de Miño (incluíndo o lado norte da súa marisma). Aparte destas zonas de dominio público que apadriñamos, obviamente tamén traballamos no mantemento das parcelas de monte que custodiamos (mediante adquisicións e convenios), entre elas as microrreservas que creamos no Ollo da Roda e no Catorce.

Todo isto foi posible grazas ó traballo das 114 persoas que participaron nunha ou varias das xornadas de voluntariado que convocamos, máis as 51 persoas remitidas pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. A todos eles, ¡moitas grazas!

¡Feliz aninovo!


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).