Xornada de voluntariado o domingo día 12

8 Xaneiro 2020

 
Imos empezar as xornadas de voluntariado deste ano o próximo domingo, pois o prognóstico meteorolóxico afirma que non vai chover pola mañá.

Foto dos voluntariosAs últimas enchentes do Mandeo teñen removido a terra e a area na canle que forma o río na área recreativa de Chelo (Coirós). Así deixou á vista cachos de ladrillos, tellas, azulexos e outros materiais de construción que alí foron ciscados hai moitos anos. Xa fixéramos unha recollida hai tempo, pero agora fai falla repetila se queremos manter esta zona libre de artefactos humanos.

Como habitualmente, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, para compartir vehículos (os que vaian directamente deben avisarnos para non esperalos inutilmente). Pola canle non está correndo auga, pero é conveniente levar botas de auga e luvas de goma (as de coiro non son recomendables para esta tarefa). Non te preocupes polas ferramentas, pero lembra levar algo de comer e de beber para a pausa de media mañá.

Se queres participar nesta primeira xornada de voluntariado ambiental do ano, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento, código postal e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 12 de xaneiro de 2020.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

A Deputación da Coruña financiou nun 80 % os seguros de voluntariado.

Post data: Afortunadamente o día foi menos frío do esperado, aínda que daba pereza mete-las mans na auga para recoller entullos. Os seis participantes na xornada retiramos a bo ritmo ladrillos, tellas, azulexos e outros prefabricados usados na construción, logrando deixar limpa a canle e as súas beiras a media mañá. Cos entullos enchémo-las 20 esportas que levábamos, que pesaron 743 kg, ó cal hai que sumar 35 kg de ferros e lixo diverso. Futuras enxurradas descubrirán novos entullos, pero mentres esta canle presentará un aspecto natural.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).