As árbores autóctonas

Unha diversidade a conservar

Na bacía dos ríos Mandeo e Mendo as árbores son omnipresentes. Forman bosques nas ribeiras e nas ladeiras dos vales fluviais, configurando a paisaxe e condicionando os hábitats nos que desenvolven a súa vida as distintas especies de animais e plantas.

Durante séculos a intensa explotación do medio restrinxiu a súa distribución. Lugares actualmente arborados aínda amosan evidencias de cando foron prados ou incluso viñedos. Daquela moitas especies soamente sobrevivían nos lugares máis abruptos.

A frecuencia das nosas árbores está determinada pola súa adaptación ás características físicas do medio, á resistencia ante a competencia das outras especies e á capacidade de dispersión das súas sementes, o que lles facilita a recolonización de novos espazos. Pero a distribución actual, malia o progresivo abandono das partes do monte economicamente menos rendibles, segue a estar condicionada por aqueles sistemas de aproveitamento xa esquecidos.

Un dos numerosos papeis que representan as árbores silvestres é o de proporciona-los froitos que forman parte da dieta das aves e dos mamíferos, sen esquece-los insectos e mailos réptiles. Por este motivo é beneficiosa a existencia dunha gran diversidade de especies no bosque, de maneira que ó longo do ano sempre exista algunha ofrecendo os seus froitos ou as súas bagas.

Cando se procede á restauración ecolóxica dun monte, trala corta de arborado exótico, bótase en falta un coñecemento preciso de cómo podería se-la composición natural do bosque. Ante esta carencia parece conveniente favorece-la diversidade, reforestando cun elevado número de especies locais axeitadas ás condicións físicas concretas de cada parte da parcela, para que logo a natureza siga o seu curso.

As nosas vinte e dúas especies

Os botánicos teñen localizado na nosa bisbarra a presenza espontánea de 22 especies de árbores autóctonas. Clasificándoas polo tamaño que poden acadar, son as seguintes:

Macroárbores carballo (Quercus robur)
(máis de 24 m de alto)    castiñeiro (Castanea sativa)
ameneiro (Alnus glutinosa)
freixo (Fraxinus excelsior)
pradairo (Acer pseudoplatanus)
lamigueiro (Ulmus glabra)
cerdeira (Prunus avium)
 
Mesoárbores cerquiño (Quercus pyrenaica)
(de 12 a 24 m de alto) bidueiro (Betula pubescens subsp. celtiberica)
freixa (Fraxinus angustifolia)
 
Microárbores abeleira (Corylus avellana)
(de 5 a 12 m de alto) salgueiro (Salix atrocinerea)
loureiro (Laurus nobilis)
acivro (Ilex aquifolium)
érbedo/alvedro (Arbutus unedo)
sabugueiro/bieiteiro (Sambucus nigra)
pereira brava (Pyrus cordata)
sanguiño (Frangula alnus)
estripo/espiño (Crataegus monogyna)
abruñeiro (Prunus spinosa)
viburno (Viburnum opulus)
maceira brava (Malus sylvestris)

Algunhas especies poden cruzarse, dando lugar a híbridos que dificultan a súa identificación. Estes son os casos de Quercus x andegavensis (híbrido dos carballos Quercus robur e Q. pyrenaica) e de Fraxinus x oxycarpa (híbrido dos freixos Fraxinus excelsior e F. angustifolia).

Por último, a queiroa branca (Erica arborea) e o frundio (Myrica gale), aínda que están considerados arbustos, poden acadar certa altura.

Na lista anterior non figura o capudre (Sorbus aucuparia), pois de momento non se ten localizado, pero non se desbota a súa presenza na parte alta da bacía porque aparece nas proximidades.

Tampouco se inclúen a nogueira (Juglans regia) nin o piñeiro marítimo (Pinus pinaster), por non estar acreditado o seu carácter autóctono; do mesmo xeito que o buxo (Buxus sempervirens) e a tamargueira (Tamarix spp.), no caso dos arbustos.

As árbores exóticas

Boa parte dos montes da nosa bisbarra están ocupados por explotacións forestais. Localízanse preferentemente nas zonas de menor pendente, onde poden mecanizarse os traballos e así obter unha maior rendibilidade económica. Nelas dominan o eucalipto branco (Eucalyptus globulus) e o eucalipto peludo (E. obliqua). Nos últimos anos pasouse a plantar habitualmente E. nitens, reducíndose a presenza de coníferas como o pino insigne (Pinus radiata). O carballo americano (Quercus rubra) é a máis destacable entre as caducifolias cultivadas.

O carácter invasor de determinadas especies exóticas permítelles formar rodais que acadan dimensións suficientemente grandes como para ser detectables a distancia. As máis comúns son a mimosa (Acacia dealbata), a acacia negra (Acacia melanoxylon) e a robinia (Robina pseudoacacia).

Debido á intensa presenza humana, a lista de especies alóctonas que aparecen no monte ou na costa é longa. As máis frecuentes son o loureiro romano (Prunus laurocerasus), o ligustro asiático (Ligustrum ovalifolium), o chopo híbrido (Populus x canadensis), o álamo branco (Populus alba), o ailanto (Ailanthus altissima), o mioporo (Myoporum laetum) e o plátano de paseo (Platanus hispanica).

Recursos

Guía da vexetación natural na bacía do río Mandeo: Esta breve e detallada descripción da flora dos nosos montes foi elaborada en 2016 con motivo das XXV Xornadas Internacionais de Fitosocioloxía. Os seus autores son os destacados botánicos Javier Amigo Vázquez, Manuel Antonio Rodríguez Guitián, Joaquín Giménez de Azcárate Cornide e María Inmaculada Romero Buján.

Data publicación: 3-5-2018
Última modificación: 15-5-2018
>> Páxina seguinte: As árbores senlleiras

Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).