Derradeiro voluntariado do ano

11 Decembro 2016

 
Esta mañá oito persoas achegáronse ó lugar de Chelo para participar na última xornada de voluntariado do ano. O obxectivo era erradicar a tradescantia (Tradescantia fluminensis) no entorno da área recreativa.

Foto dos voluntariosA fortaleza desta planta exótica invasora é a súa fraxilidade. Cando se arrinca rompe moi facilmente, o que dificulta a súa retirada. Ademais, calquera cachiño que quede pode prender e recoloniza-la zona. Por iso hai que ser moi metódico na súa eliminación e tamén constante na supervisión posterior da zona.

Os voluntarios encheron unha saca cos restos (aproximadamente 1 m3). A maiores arrincaron hortensias (Hydrangea sp.), pois é unha especie orixinaria do Extremo Oriente, e dous pes de acacia negra (Acacia melanoxylon) que xa estaban collendo un bo tamaño.

Tras ter eliminado anteriormente outras catro invasoras, o próximo ano esperamos poder ter erradicado tódalas especies exóticas nas beiras do río Mandeo entre a pontella de Chelo e a ponte de Teixeiro (obviamente, coa excepción dos eucaliptos, pois para iso habería que contar co improbable permiso de numerosos propietarios).

Deste xeito mellorarémo-lo hábitat dun tramo de río que, malia ser moi frecuentado por veciños e visitantes, alberga na ribeira animais e plantas ameazadas, como o escaravello Carabus galicianus, o amarelle Narcissus asturiensis, e na auga moluscos como o mexillón de río (Margaritifera margaritifera) ou peixes como o salmón (Salmo salar).


A custodia do territorio diante da Administración

18 Novembro 2016

 
Invitados pola AGCT e a Deputación de Lugo, hoxe participamos na xornada Custodia do Territorio e Administracións Públicas celebrada no Centro de Interpretación Terras do Miño (Lugo).

Na nosa intervención tivemos a ocasión de expoñe-lo proxecto da reserva de anfibios do Catorce. Os organizadores estaban moi interesados en que explicáramos a un público composto principalmente por técnicos da Administración en qué consiste o acordo de custodia do territorio que asinamos co Concello de Coirós, cómo vincula a ambas entidades e as potencialidades da implicación directa no uso e na xestión dos espazos naturais por parte de entidades como a nosa.

A intención dos organizadores era achegar a práctica da custodia do territorio ós técnicos, funcionarios e políticos que xestionan terreos das administracións públicas e zonas pertencentes ós dominios públicos fluviais e marítimo-terrestres. Para elo elaboraron un intenso programa, que tamén contou coas intervencións de Antonio Ruíz (FRECT), Marc Ordeix (Museu del Ter), Martiño Cabana (AGCT) e Ramsés Pérez (ADEGA). Esperamos que este traballo de difusión facilite a colaboración das distintas Administracións coas entidades de custodia do territorio.


Dóannos un monte en Chelo

16 Novembro 2016

 
Esta tarde asinamos a escritura da doazón dun monte de 3.050 m2 de superficie que linda co río Mandeo. Dª. Maruxa López e o seu fillo D. Luisco Monteiro tiveron a xenerosidade de cederllo a Fragas do Mandeo para que conserve a perpetuidade os seus valores naturais.

Fotografía do doadorEste monte está preto do lugar de Chelo (Coirós), nun lugar moi accesible. Situado nunha ladeira de forte pendente, a zona inferior forma parte do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo e alberga un bosque de ribeira considerado hábitat prioritario. No resto, as árbores caducifolias compoñen un bosque de ladeira frecuentado pola fauna local, tal como evidencian os numerosos carreiros que o cruzan.

Fragas do Mandeo está moi agradecida a Dª. Maruxa e D. Luisco por esta doazón. Aparte do valor ambiental intrínseco deste monte, esta é a segunda doazón que recibimos dende a nosa constitución. Esperamos que o seu xesto serva de exemplo e anime a outras persoas a cedernos montes que teñen un rendemento marxinal como explotacións forestais.

Fotografía do monteDoar montes a Fragas do Mandeo ten dúas vantaxes. A primeira, e máis importante, é a satisfacción de comprometerse activamente na conservación da natureza da nosa bisbarra, coa garantía da perdurabilidade. A segunda son as vantaxes fiscais: unha dedución de até o 30 % do valor doado no imposto da renda dos particulares (no caso de empresas, do 35 % no imposto de sociedades).

Se ti tamén estás a valorar a posibilidade de contribuír en favor da nosa biodiversidade, podes informarte na sección Colabora ou ben consultarnos directamente (na sección Contacto atopara-los datos que precises).


Recordando a Luís Muíño

14 Novembro 2016

 
Hoxe recibimos a triste noticia do falecemento de Luís Muíño.

Nas poucas ocasións que tivemos de tratalo, Luís mostrouse como unha persoa discreta, carácter acaído á súa condición de notario. Pero xa era menos convencional nesta profesión o seu amor pola natureza. De feito, sorprendía gratamente que a súa notaría estivera decorada con retratos de flora e de fauna feitos coa súa cámara.

En Fragas do Mandeo estabámoslle moi agradecidos polo xeneroso apoio que nos deu xusto no momento en que máis o precisabamos, no intre de constituírnos e botarnos a andar, cando eramos descoñecidos e careciamos de recursos. Mandamos desde aquí unha forte aperta ós seus familiares e amigos máis achegados.


Xornada no Ollo da Roda

22 Outubro 2016

 
Se a anterior xornada de voluntariado tivo unha participación elevada, hoxe só cinco persoas achegáronse até o Ollo da Roda. Seguramente o aspecto ameazante do tempo desanimou, pero o certo é que cumpriuse o prognóstico meteorolóxico de que non chovería en toda a mañá.

Nunha das parcelas que custodiamos neste enclave hai varios eucaliptos de bo tamaño no medio do bosque autóctono. Antes de eliminalos, precisábase rozar unha silveira que dificultaba o traballo. Hai un mes, grazas á xentileza do Distrito Forestal II, un tractorista rozouna, aparecendo un montón de lixo que estaba oculto baixo as silvas. Había que recoller estes refugallos antes de que viñera un madeireiro a corta-los eucaliptos, pois no caso contrario quedarían enterrados baixo os restos da talla.

Malia ser poucos, os voluntarios conseguiron rematar este traballo, ocupando o lixo recollido todo un remolque. Aínda sobroulles tempo, que aproveitaron para secar rebrotes de eucalipto noutra das parcelas custodiadas. Agora só falla que o madeireiro libere o bosque deses eucaliptos.


Rematada a primeira fase da reserva de anfibios

12 Outubro 2016

 
Esta mañá, 25 persoas achegáronse á reserva de anfibios do Catorce: o voluntario máis maduro era sesaxenario e o máis novo tiña… ¡18 meses! O obxectivo era tentar remata-la primeira fase de actuacións na reserva. Conseguírono.

Malia a dificultade de organiza-lo traballo dun grupo tan numeroso e diverso, cada un soubo buscar aquela tarefa que podía afrontar. Cortáronse eucaliptos con motoserra e con machados Pulaski, xuntáronse as toradas e amoreouse a ramallada, apañouse o lixo que apareceu e transportouse ó punto de recollida, cortouse algunha silveira e anciñouse a biomasa dunha charca renovada, arrincáronse toxos e retiráronse paus que estorbaban nos camiños. Os participantes quedaron tan cansados coma contentos polo traballo feito.

Pasados 99 días dende que asinamos o acordo de custodia do territorio co Concello de Coirós, coa axuda de 61 voluntarios que dedicaron un total de 384 horas, máis unha xornada laboral dun tractorista grazas á xentileza do Distrito Forestal II, as melloras do hábitat previstas na zona húmida están executadas, xusto cando empezan a chegar as choivas outonais.

Agora comeza a segunda fase. Temos que buscar financiamento externo para poder contratar profesionais que corten mediante métodos de escalada os eucaliptos que medran nas paredes da canteira, que retiren e procesen as uralitas con amianto contaminante, que coloquen un valado nos desniveis para evitar que os visitantes se esnafren accidentalmente, que elaboren os paneis informativos e que reformen un par de edificacións abandonadas, unha onde poidan acubillarse ante o mal tempo os visitantes e a outra como refuxio para morcegos e aves nocturnas.


Avances na reserva de anfibios do Catorce

2 Outubro 2016

 
Esta mañá seis voluntarios estiveron traballando duro na reserva. Carreando grandes pedras e colocándoas na beira dunha das charcas, reforzaron a barreira de retención da auga e melloraron as condicións do seu hábitat, pois baixo elas refúxianse os anfibios.

A falta de poucos días para que se cumpran tres meses dende a sinatura do acordo de custodia que nos permitiu conservar este enclave, os avances son notables: creamos catro novas charcas, aumentámo-la dimensión doutra e renovamos dúas que estaban colmatadas, retirando nelas o exceso de vexetación. Neste tempo tamén eliminamos eucaliptos e vexetación exótica invasora, amoreamos a ramallada abandonada na última corta, recollemos lixo, rozámo-lo exceso de mato e librámo-los camiños da vexetación que dificultaba o paso.

Soamente quedan pendentes pequenas intervencións para dar por rematada a primeira fase de actuacións. A prema por finalizala ven imposta pola proximidade das choivas outonais, que anegarán toda a zona húmida e atraerán de novo ós anfibios, o que dificultaría as tarefas de mellora do hábitat.

Calquera que coñecera o estado deste enclave antes do acordo acollerá con satisfacción esta metamorfose. Hai que agradecerlla a 56 voluntarios, que lle dedicaron 304 horas do seu tempo libre, e ó Distrito Forestal II, que nos cedeu un tractorista durante unha xornada de traballo.


Estudantes de bioloxía traballan na reserva

15 Setembro 2016

 
Malia as ameazas de choiva, 11 membros da Asociación Estudantil Bota e Bata da Universidade de Santiago de Compostela, acompañados por dous voluntarios de Fragas do Mandeo, foron traballar esta tarde á reserva de anfibios do Catorce.

Antes de poñerse mans á obra, estes estudantes de bioloxía puideron observa-los avances da primeira fase de melloras do hábitat da reserva. Tras unha prolongada seca, esta semana comezou a chover con forza, polo que xa se anegaron as charcas, tanto as que xusto acabamos de escavar coma as que renovamos debido a que estaban colmatadas. Así puidemos comprobar que a intervención realizada, na que contamos coa axuda de persoal e maquinaria do Distrito Forestal II, deu o resultado previsto.

Posteriormente os voluntarios procederon a arrincar un exceso de espadanas que atacaba unha das charcas, secaron eucaliptos, amorearon paus e recolleron o lixo que a roza do mato deixou á vista.

Esta xornada de voluntariado ambiental ofreceulles a estes futuros biólogos a oportunidade de coñecer un caso práctico de restauración ambiental dun espazo degradado, onde para ter éxito hai que ponderar numerosos parámetros. Marcharon contentos da experiencia e nós agradecidos pola súa colaboración.


Xa chega a V Semana de Custodia

6 Setembro 2016

 
Faltan poucos días para a quinta edición da Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Todo está programado e listo para que empece o sábado día 17.

O programa deste ano está centrado na recuperación de espazos naturais, unha tarefa na que hai que combinar un coñecemento detallado das zonas a intervir co dominio das técnicas actualmente dispoñibles. Por este motivo, a xornada de charlas desta edición estará dedicada especificamente a esta cuestión, dividíndose en dúas partes. Na primeira tratarase o caso dos bosques que, baixo un aspecto naturalizado, poden estar moi condicionados polo seu pasado. Na segunda a atención recaerá nas posibilidades de recuperación de espazos degradados, aproveitando para poñer como exemplo un caso próximo: os avances na creación da reserva de anfibios do Catorce.

Imaxe do programa da V Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do MandeoDe xeito similar a edicións anteriores, as xornadas de voluntariado ambiental estarán centradas en dous tipos de actuacións: a erradicación de especies exóticas invasoras e a retirada de plásticos na costa e nos ríos da bisbarra. As invasoras están consideradas a segunda causa en importancia de perda de biodiversidade a nivel planetario segundo a UICN. Pola súa banda, a plastificación do mar causa a morte cada ano dun millón de aves mariñas e de cen mil tartarugas e mamíferos mariños. Aínda que as actividades programadas son accións modestas fronte á gravidade destes problemas, actuando localmente poñeremos a parte que nos toca para solucionar estes dous graves problemas globais.

A Semana volve a estar organizada conxuntamente entre a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e Fragas do Mandeo. O financiamento corre totalmente a cargo da primeira, pois nós destinamos o 100 % das doazóns que recibimos a mercar montes de interese ambiental e, xa que logo, non dispoñemos de medios económicos propios para actos deste tipo.

Por favor, descarga o programa, o cartel da Semana e o cartel da eco-regata para compartilos no teu entorno persoal e redes sociais: así facilitarás que cheguen a tódolos interesados en participar.

Para apuntarte nas actividades, ponte en contacto coa organización no teléfono 981 669 541 ou envía un correo electrónico a info@marinasbetanzos.org. Deste xeito terás un seguro de accidentes e recibirás indicacións detalladas por adiantado.

Eco-regata na ría de Betanzos: Os refugallos que recollémo-lo ano pasado na marisma encheron dous contedores industriais, sumando un volume total de 16 m3. ¿Repetiremos nesta edición ese récord? Para intentalo animamos a tódolos cidadáns a participar nesta competición lúdica na que a rivalidade será por coida-la ría. As embarcacións, apoiadas en terra polos seus equipos, afanaranse por ver cal é a que máis lixo recolle e a que atopa o refugallo máis singular. A saída e a meta estarán no porto de Betanzos, onde haberá comida, bebida, música e actividades infantís. Colaboran Amigos dos Ríos de Betanzos, Asociación Ría do Pedrido, Lar de Unta, Roxín Roxal e Casa Castillo Betanzos. Tamén colaboran o Concello de Betanzos, Protección Civil, restaurante Casa Vidal e comercial Vicente de la Fuente. Ponte en contacto connosco se queres participar, aínda que non teñas lancha. Máis datos na folla informativa.
Data: Sábado 17 de setembro, de 16:00 a 20:30 horas.
Lugar: Porto de Betanzos.

Voluntariado en Ponte do Porco: A segunda xornada de voluntariado ambiental estará centrada na eliminación da flora exótica invasora que ameaza a biodiversidade da praia da Alameda. Como sempre, retiraremos de paso todo o lixo que poidamos. Nos últimos cinco anos arrincámo-la uña de gato (Carpobrotus edulis), os plumachos (Cortaderia selloana), a santalina de auga (Cotula coronopifolia) e o eixerón (Conyza canadensis). Aparte de revisar se algunha delas apareceu de novo, este ano atacaremos tamén outras invasoras: a crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora), o Aster squamatus e o Cyperus eragrostis. Igual que nas ocasións anteriores, contamos coa colaboración do Concello de Miño. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 18 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Praia da Alameda (Ponte do Porco, Miño).

Xornada sobre a recuperación de espazos naturais: Como acto central da Semana programouse un conxunto de charlas titulado Recuperando espazos naturais mediante a custodia do territorio. Trala apertura a cargo do alcalde de Betanzos, D. Ramón García, e do presidente da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, D. José Antonio Santiso, faremos un breve resumo dos logros acadados por Fragas do Mandeo tras seis anos de andadura, nos que estivemos a traballar intensamente na restauración dos nosos bosques autóctonos.

Imaxe do cartel da III Eco-regata Ría de BetanzosO primeiro bloque de conferencias versará sobre as fragas e os bosques de ribeira. A primeira delas correrá a cargo do Dr. José Guitián, investigador e profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela, que nos explicará as relacións de mutua dependencia entre o arborado autóctono e as aves fruxívoras. A continuación intervirán o Dr. Javier Amigo e o Dr. Manuel Antonio Rodríguez Guitián, ámbolos dous tamén investigadores e profesores da mesma universidade. Coñecedores da flora local (acaban de publicar unha guía da vexetación da bacía do río Mandeo), exporán cal é a composición dos nosos bosques e canto se afastaría do que sería totalmente natural. O segundo bloque de charlas comezará trala pausa de media mañá. O Dr. Serafín González, investigador do CSIC e presidente da SGHN, informaranos de distintos casos de restauración de hábitats degradados, tanto naturais coma resultado de actividades industriais. Por último, D. Juan Neira, secretario do padroado de Fragas do Mandeo, exporá un exemplo moi próximo de recuperación dun espazo degradado: a creación da reserva de anfibios do Catorce, que acometemos hai tan só dous meses.
Data: Sábado 24 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Salón azul do Liceo de Betanzos.

Limpeza simultánea de ríos: Por cuarta vez imos achegarnos ó río Mendo para participar na novena edición da limpeza simultánea de ríos de toda Galicia que coordina o Proxecto Ríos. Aínda que este ano adiouse a causa das eleccións, nós mantémo-la data inicial por razóns organizativas. O ano pasado participamos 691 persoas de 54 entidades, e logramos retirar máis de 13 toneladas de refugallos en 47 ríos. En función do número de inscritos repartirémo-los tramos, coa intención de recoller canto refugallo atopemos entre a ponte das Moas e a ponte de Taibo. Son 8 km de percorrido de gran beleza, no que boa parte está integrada no espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo. O traxecto non é dificultoso, pero convén vestir calzado e roupa axeitados para andar polo monte, ademais de levar luvas e un bastón. O Concello de Coirós colaborará transportando e procesando todo o que recollamos. Continuarémo-la xornada pola tarde recollendo lixo dende embarcacións no tramo navegable do río Mandeo, coa colaboración da Amigos dos Ríos de Betanzos. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 25 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Partiremos dende o Centro de Saúde de Betanzos.

A Semana de Custodia é algo máis que outro evento da axenda cultural local. Busca proporcionar unha ocasión ás persoas preocupadas polo patrimonio natural da nosa bisbarra de actuar de xeito directo, eficaz e coordenado na súa conservación.

É tempo de moverse polo noso patrimonio natural: ¡Apúntate!

Foto de voluntarios na praia da Alameda


Segunda xornada na reserva de anfibios

29 Agosto 2016

 
Este domingo 4 de setembro retomarémo-lo traballo na reserva de anfibios do Catorce (Coirós), para o que convocamos esta segunda xornada de voluntariado.

O obxectivo é continua-las tarefas iniciadas o pasado día 20, mentres non chegan as choivas outonais. Non haberá que recoller lixo, pois xa se retirou todo o que se atopou, pero quedan algunhas invasoras por erradicar, algo de ramallada que amorear e bastantes eucaliptos que cortar e secar. De xuntarse tantos voluntarios coma na xornada anterior, pensamos que daremos rematada a primeira fase de actuacións previstas na zona húmida.

Foto de voluntariosComo sempre, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, onde quedaremos ás 9:30 horas para compartir vehículos, contando con estarmos de volta ás 14:00. Posiblemente non cheguen as ferramentas para todos; xa que logo, leva se podes unha macheta ou un gabillo. Tamén é conveniente dotarse dunhas luvas de coiro e vestir roupa e calzado axeitados para traballar no monte, así como algo de picar e de beber para cando fagamos a pausa de media mañá.

Se queres apuntarte a esta xornada, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil) por correo electrónico (podes atopa-lo noso enderezo na sección Contacto), indicando se debemos esperarte no punto de encontro ou se irás directamente. Deste xeito poderemos facerche un seguro de accidentes e avisarche de cambios de última hora, ademais de que nos facilitas a organización.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).