Como continúa o bo tempo, o próximo domingo día 30 despedirémo-lo ano cunha xornada de voluntariado na praia Grande de Miño.
Apadriñamos este areal dende marzo de 2015, cando iniciámo-la rexeneración ecolóxica do seu sistema dunar como parte da nosa campaña Litoral. Daquela erradicamos varios focos de 7 plantas exóticas invasoras. Dende entón xa aumentamos a 11 o número de especies distintas que temos ou ben erradicado totalmente ou ben reducido as súas poboacións notablemente.
Na xornada deste domingo percorreremos as dunas para localiza-los focos que teñan rexurdido, ou os exemplares de novas especies exóticas, para erradicalos. Igual que en ocasións anteriores, retiraremos todo o lixo que atopemos no sistema dunar. O obxectivo final é avanzar na recuperación da súa delicada vexetación, moi afectada polo elevado número de visitantes que soporta no verán.
Como sempre, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, para compartir vehículos (os que vaian directamente deben avisarnos para non esperalos inutilmente). Non te preocupes polas ferramentas, pero lembra que é conveniente levar unhas luvas e vestir roupa axeitada para traballar.
Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.
Se queres participar nesta última xornada de voluntariado ambiental do ano, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.
Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 30 de decembro de 2018.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.
Post data: Obxectivo cumprido. Os 11 voluntarios que participaron nesta xornada limparon e eliminaron invasoras en toda a praia Grande de Miño. O lixo recollido pesou 185 quilos, ós que hai que sumar 39 quilos de biomasa de 6 especies exóticas invasoras. Entre elas figuran dúas especies que xa erradicaramos pero que reapareceron: unha ramiña de uña de gato (Carpobrotus edulis) que tiña logrado enraizar e unha pequena planta de yuca (Yucca gloriosa). O resto son especies con gran capacidade de dispersión que eliminamos en ocasións anteriores: eixerón (Conyza canadensis), áster (Aster squamatus) e cyperus (Cyperus eragrostis), ás que engadimos desta vez o té americano (Bidens aurea).
A edición deste ano está centrada en forma-los asistentes en actividades auxiliares de conservación e mellora de montes, polo que o mestre especialista forestal do curso, Miguel Ángel Franco López, propuxo a incorporación desta charla no programa formativo. Os dez alumnos escoitaron con atención a exposición do noso punto de vista, no que a xestión do monte debe contemplar, paralelamente á súa explotación económica, a conservación da súa biodiversidade.
Dende agosto, os voluntarios estiveron traballando para des-eucaliptizar as dúas hectáreas de monte da reserva. Agora toca darlle un repaso ós rebrotes dos eucaliptos, para que a humidade invernal acabe podrecéndoos. O traballo consistirá en corta-los rebrotes e danar severamente os cepos coa axuda de machados e pulaskis.
Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
O Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva desta universidade acaba de inicia-lo proxecto de investigación titulado Desenvolvemento de modelos predictivos da conectividade funcional de poboacións ameazadas en zonas de especial conservación da Rede Natura 2000, co apoio económico da 
O destino desta subvención era abordar aquelas actuacións que requirían da intervención de profesionais e non podían ser realizadas por voluntarios. Un xestor autorizado retirou tódalas uralitas con amianto, tanto as fixadas nos edificios coma as moreas que alí foron abandonadas. Especialistas en poda en altura eliminaron os eucaliptos que medraban nas paredes rochosas. Rehabilitouse o vestiario da canteira para que os voluntarios e as visitas organizadas teñan onde abrigarse no caso de inclemencias meteorolóxicas. O edificio do antigo transformador converteuse nun refuxio de morcegos e rapaces nocturnas. Por último, instaláronse un valado para evitar caídas accidentais polos desniveis, unha barreira que impide o paso de vehículos non autorizados e varios paneis informativos.
Tras a longa seca, esta madrugada a choiva por fin mollou a terra. Isto permitiunos comprobar que as actuacións que efectuamos este verán para mellora-la retención de auga deron resultado. Xa apareceron algunhas charcas e pronto volverán os anfibios a elas.

















