Aínda que a situación sanitaria disuadiunos de programar este ano unha nova edición da Semana de Custodia, non imos deixar de participar nunha actuación que incluíamos habitualmente: a limpeza simultánea dos ríos galegos. Programada para este domingo día 27, será a oitava vez que colaboremos nela.
Esta decimoterceira edición da limpeza coordinada polo Proxecto Ríos ven precedida por uns resultados que amosan a importancia desta iniciativa. Como mostra, o ano pasado participamos 1.158 persoas de 72 entidades, retirando 14,2 toneladas de refugallos en tramos de ríos de 52 concellos galegos.
A nosa actuación será no río Mendo. Nesta ocasión non percorreremos a súa ribeira, pois xa a limpamos en tres ocasións este ano. Optamos por ir retira-lo lixo acumulado dende hai décadas a carón dos piares da ponte da Ermida.
Para evita-los riscos de contaxio limitarémo-las prazas a dez persoas. Tódolos participantes deberán leva-la súa propia máscara sanitaria e as súas luvas. O punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, aínda que por seguridade non compartiremos vehículos (os que vaian directamente deben avisarnos para non esperalos inutilmente). Non fai falla levar ferramentas, pero viste roupa e calzado axeitados para traballar no monte. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.
Se queres mollarte pola conservación do río Mendo, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.
Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 27 de setembro de 2020.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.
A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.
Post data: A choiva caída en días precedentes non animou a participación, pero aínda así soamente quedou unha praza libre. Os nove voluntarios distribuíronse en torno ós catro piares da ponte para encher rapidamente o remolque con refugallos de todo tipo, destacando unha lavadora e numerosos entullos. O balance foi de 781 kg de lixo, que incrementan o total do lixo que temos recollido no ano até a cifra de 4 toneladas. Como colofón da xornada fixemos unha pequena ruta polo río, na que os voluntarios comprobaron o seu bo estado grazas ás nosas actuacións periódicas para eliminar invasoras e retirar lixo. Non rematamos o traballo nesta ponte, pero está claro que a súa contorna quedou algo máis limpa.