Última xornada de voluntariado do ano

23 Decembro 2019

 
Tras varias semanas de mal tempo, para o próximo sábado día 28 anuncian un día soleado. Xa que logo, imos aproveitar esta ocasión para despedi-lo 2019 cunha xornada de voluntariado na praia Grande de Miño.

Foto dos voluntariosOs temporais do último mes teñen deixado moitos refugallos nas dunas e na praia. Ademais de recollelos, durante a xornada percorreremos o areal repasando a presenza de invasoras. Dende que empezamos a apadriñalo en marzo de 2015, como parte da nosa campaña Litoral, temos eliminado 11 especies de plantas exóticas invasoras, erradicándoas definitivamente nuns casos e reducindo notablemente as súas poboacións noutros. O obxectivo desta actuación é seguir avanzando na recuperación da súa delicada vexetación dunar, moi afectada polo elevado número de visitantes que soporta no verán.

Como habitualmente, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, para compartir vehículos (os que vaian directamente deben avisarnos para non esperalos inutilmente). Non te preocupes polas ferramentas, pero lembra que é conveniente levar unhas luvas e vestir roupa axeitada para traballar.

Se queres participar nesta última xornada de voluntariado ambiental do ano, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento, código postal e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Sábado, 28 de decembro de 2019.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: Cando chegamos á praia observamos que boa parte do lixo que tiñamos previsto recoller xa fora retirado polo concello. Xa que logo, os oito participantes nesta xornada repasamos o areal na busca de lixo miúdo, como os palillos de lambetadas e de bastonciños hixiénicos, ou os utilizados nas cordas das bateas. Tamén recollemos refugallos voluminosos, entre os que se atopaban seis rodas, dúas nasas, unha boia e unha estacha. Finalmente, sumaron 252 kg de lixo.

Foto dos voluntarios


O voluntariado xuvenil volve á Abeleira

7 Decembro 2019

 
Os participantes no Proxecto Lewo da Xunta de Galicia volveron hoxe á praia da Abeleira (Paderne) para continuar colaborando connosco na eliminación das especies exóticas invasoras.

As nove rapazas e os catro rapaces participantes, acompañados de dous monitores de Ribeirán e dun voluntario de Fragas do Mandeo, pasaron toda a mañá arrincando invasoras e recollendo refugallos, para logo continuar pola tarde.

Cando xa quedaba pouca luz, procedemos a pesa-los sacos, sumando un total de 249,5 kg de biomasa de tradescantia. Tamén arrincamos 626 tubérculos de crocosmia. Por último, o lixo pesou 150 kg. Estes resultados falan por si mesmos do esforzo realizado

A praia da Abeleira está situada na desembocadura do río Lambre e forma parte do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo. Malia as cinco xornadas de traballo dedicadas a este enclave, aínda queda moita tradescantia por eliminar. Esperamos poder continuar o próximo ano até a súa completa erradicación.


Por un venres máis verde

29 Novembro 2019

 
Logo de Despensa 77Ante o bombardeo publicitario poucos serán os que descoñezan que hoxe é o Black Friday. Pola contra, moitos sucumbirán ó consumismo desenfreado destas rebaixas, sen ter en conta o impacto ambiental de comprar artigos dos que poderían prescindir facilmente.

Como contrapunto, outros propoñen para hoxe o Green Friday, co obxecto de promover un consumo responsable e sostible. Como forma de unirse a esta iniciativa verde, o comercio coruñés Despensa 77, especializada en produtos ecolóxicos e naturais a granel, en lugar de descontos ofrece hoxe a doazón dun 15 % do importe de cada compra para a recuperación dos nosos bosques autóctonos.

Agradecemos a Despensa 77 a súa preocupación polo medio ambiente e ternos escollido como entidade destinataria da campaña.


De novo na Universidade da Coruña

27 Novembro 2019

 
Esta mañá participamos na xornada Oportunidades da custodia urbana para a recuperación de espazos, celebrada na Universidade da Coruña.

Logo da Universidade da CoruñaInvitados pola Oficina de Medio Ambiente, abrimos a serie de charlas para explicar a nosa actividade como entidade de custodia do territorio. Aínda que realmente non facemos custodia urbana, a nosa experiencia sen dúbida será útil para aqueles decididos a traballar directamente no ámbito urbano co obxecto de mellorar a biodiversidade das vilas e das cidades.

Aproveitamos a nosa intervención para proporcionar a alumnos e profesores datos concretos de tódalas actuacións que levamos realizado nos últimos nove anos, das campañas en marcha e do convenio de colaboración coa universidade que asinamos no ano 2016, para a realización de prácticas mediante proxectos de aprendizaxe-servizo.


Na loita contra os plumachos

20 Novembro 2019

 
Hoxe participamos na segunda reunión do Grupo de Traballo de Loita contra o Plumacho organizada por SEO/Birdlife nas instalacións do CEIDA en Santa Cruz (Oleiros).

Logo do Life Stop CortaderiaEsta reunión encádrase no proxecto Life Stop Cortaderia, que ten por obxecto poñer en común as técnicas, estratexias e modelos de xestión empregados na erradicación dos plumachos (Cortaderia selloana) nas comunidades autónomas da costa cantábrica e do norte de Portugal.

Na nosa intervención explicamos o papel que está a xogar unha entidade de custodia do territorio coma a nosa na erradicación desta especie exótica invasora. Nela describimos como hai nove anos trazámonos unha liña de traballo para a recuperación de hábitats, na que eliminamos todo tipo de flora exótica ―incluídos os plumachos― mantendo a constancia e a continuidade das actuacións no tempo, dentro dun contexto no que aínda non se asume este grave problema.

Posteriormente amosamos un balance dos nosos resultados e describimos as dificultades que haberá que atenuar se queremos que as entidades ambientalistas sexamos máis eficaces na loita contra as invasoras. Para finalizar, explicamos a nosa estratexia, as tácticas aplicadas e as técnicas desenvolvidas en base á experiencia adquirida en numerosas xornadas de traballo, coa esperanza de que foran de utilidade para o público.


Segunda xornada de Naturgy

27 Outubro 2019

 
Empregados da empresa Naturgy e familiares seus achegáronse hoxe á praia da Abeleira (Paderne) para botarnos unha man na eliminación de especies exóticas invasoras e na recollida de lixo. Esta praia forma parte xunto coa da Alameda do ecosistema da desembocadura do río Lambre, dentro do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo, motivo polo que nos interesa moito mantela en bo estado de conservación.

O grupo de 16 persoas composto por sete cativos, oito adultos e un voluntario noso, repartiuse o traballo. Os nenos, acompañados por unha das nais, dedicaron o tempo a apañar refugallos na praia, xuntando boa parte dos 107 kg que pesou en total o lixo. O resto do grupo centrouse na eliminación de invasoras. Ó final da mañá contabilizáronse 341 kg de biomasa de invasoras, principalmente de tradescantia, pero tamén unha budleia, dous plumachos e 235 tubérculos de crocosmia.

Agradecemos a Naturgy ter promovido entre os seus empregados esta segunda xornada de voluntariado ambiental.


Menos tradescantia no Ollo da Roda

29 Setembro 2019

 
Foto dos voluntariosA última vez que estivemos traballando na reserva do Ollo da Roda localizamos un foco de tradescantia. Medraba nun lugar lamacento, onde era difícil arrincala, e ameazaba con expandirse por toda a zona húmida. Agora, tras a seca do verán, o terreo está seco. Por ese motivo hoxe achegámonos 15 voluntarios para erradicala antes de que as choivas outonais volvan a encharca-lo lugar.

Entre que ameazaba con poñerse a orballar en calquera momento e que había persoas que tiñan que marcharse pronto, os voluntarios traballaron arreo, conseguindo rematar co foco. Os resultados falan por si mesmos: foron retirados 419 kg de biomasa. Como o obxectivo era liquidar a tradescantia, non se dedicou tempo a recoller refugallos, pero aínda así o lixo pesou 42 kg, no que se incluía unha batería.

O bosque aluvial do Ollo da Roda conforma un hábitat prioritario onde prosperan os anfibios e medra unha flora especializada. Por ese motivo resulta especialmente importante evitar que sexa colonizada por especies exóticas invasoras.

Foto dos voluntarios


Unha limpeza de ríos sistemática

28 Setembro 2019

 
A oitava edición da Semana de Custodia do Territorio rematou o día 22 cunha recollida de lixo no Lambre. Foi a nosa maneira de participar na limpeza simultánea de ríos que se celebra mañá por todo o territorio galego. Nós adiantámola para que puidera formar parte do programa da Semana.

Pero non nos contentamos co logrado o pasado domingo. Así que durante estes días estivemos percorrendo os tramos de río que apadriñamos.

Limpámo-lo Mandeo dende O Tope, augas arriba da minicentral do Zarzo, até a ponte de Teixeiro. Son aproximadamente 6 km de río no que retiramos 11 kg de lixo diverso. A cifra resultou reducida porque ó longo do verán fixemos varias limpezas, necesarias pola elevada afluencia de visitantes no entorno de Chelo.

No Mendo percorremos o tramo dende a ponte das Moas até a ponte de Taibo, cunha lonxitude de aproximadamente 8 km. Recollemos 63 kg, dos que 15 kg eran lixo miúdo e o resto tres rodas, unha delas coa llanta.

Se o domingo limpamos un treito no Lambre, iniciado augas arriba da minicentral de Güimil e rematado na ponte de Fandiño, hoxe continuamos até Ponte Lambre, o que significan aproximadamente 5 km. Sumando o recollido nos dous días, foron 243 kg en total (dos que 114 kg eran lixo diverso e o resto catro rodas, dúas delas as traseiras dun tractor).

Resumindo: 317 kg de lixo retirados en 19 km de río, concentrada nos puntos máis concorridos, na contorna das pontes e nos tramos onde o leito avanza paralelo a algunha estrada.

Os resultados indican que nas limpezas iniciais recóllese moito lixo, aquel acumulado ó longo de décadas de forma dispersa ou concentrado en vellos vertedoiros incontrolados. En anos sucesivos atópase pouco e habitualmente aparece nas zonas máis frecuentadas, correspondendo a refugallos como cascos de refrescos, envoltorios plásticos de lambetadas, paquetes de tabaco, produtos de hixiene persoal, envases de produtos deportivos, etc. O certo é que, grazas á xeneralización do servizo municipal de recollida de lixo doméstico e á progresiva concienciación cidadá, cada vez se tira menos lixo ós ríos.

Todo isto foi grazas ós 18 voluntarios que percorreron os tres ríos polas dúas beiras, sumando máis de 40 km de camiñada, boa parte deles cargados co lixo recollido. O seu traballo seguirá sendo necesario, mentres a Administración non asuma que os ríos, igual que as rúas, hai que mantelos limpos.


Positiva avaliación da VIII Semana de Custodia

23 Setembro 2019

 
Rematada xa esta oitava edición, paga a pena face-lo resumen do que nela ten acontecido.

Na xornada inaugural 31 persoas escoitaron con interese a tres conferenciantes de enorme valía. Mágoa que non trouxeran boas novas respecto do futuro das catro especies que están en maior perigo de extinción na nosa bisbarra.

O Dr. Pedro Galán expuxo os resultados do seu último proxecto de investigación sobre dous dos nosos endemismos ibéricos, prognosticando que no período 2041-2070 a distribución da saramaganta vai reducirse até a metade e que lamentablemente nese mesmo período vai extinguirse en todo o planeta a lagartixa da serra. A continuación D. César Ayres informou do mal estado das poboacións galegas de sapoconcho europeo, do que non se teñen evidencias de que sobreviva actualmente na ría de Betanzos. Por último, D. Emilio Martínez explicou a situación da escribenta das canaveiras iberoccidental. Este paxariño está en grave perigo de extinción, pois soamente quedan 110 parellas en todo o mundo, 20 delas en Galicia e o resto en Portugal. Está prognosticada a súa extinción para o ano 2023, polo que é necesaria unha urxente acción conxunta entre Galicia e Portugal para evitalo. Obviamente, o reto de recupera-las poboacións locais destas catro especies está fóra da capacidade de actuación de Fragas do Mandeo, pois para iso precisaríamos dun decidido apoio institucional, situación que non se está a dar actualmente.

Na primeira xornada de voluntariado ambiental participaron 16 persoas que se desprazaron ó lugar de Chelo (Coirós) co obxectivo de erradica-lo último foco de tradescantia no tramo de 6 km de río Mandeo que apadriñamos. Non lograron rematar con el, pois está nun lugar onde a herba alta, as silvas e os arbustos dificultaron moito o traballo, pero aínda así retiraron 207 kg desta planta exótica invasora. Convocaremos unha nova xornada para eliminala definitivamente.

O día da eco-regata foi o pasado sábado. O prognóstico meteorolóxico era preocupante e seguramente desanimou a moitos. A primeira hora da tarde orballaba, o que obrigou a despregar lonas coas que cubri-la mesa na que se inscribiron 38 persoas. Partiron do porto cinco lanchas (Isamar, O Petelo, Arquider, Riandola, Chico e a pneumática Vill) con destino á ribeira dereita da ría, nun tramo no que non se recollera lixo en ningunha das cinco edicións anteriores. A zona resultou ser algo difícil, pois os baixos de esteiro non lle permitían a varias embarcacións achegarse ás zonas encomendadas. A concentración de refugallos tamén era menor que noutras ocasións, así que había que cubrir máis superficie de xuncal para enche-los sacos. Aínda así, ó final da xornada encheron un contedor industrial de 7 m3 con refugallos de todo tipo: dende unha bota de viño até a tapa dun retrete, pasando por dous tambores de lavadora, un frigorífico, un televisor, catro rodas e dúas cadeiras de cafetería. Finalmente, o tempo colaborou, os voluntarios non se mollaron e puidemos celebra-lo remate da eco-regata cunhas viandas e bebidas no porto.

A terceira actuación de voluntariado ambiental foi onte, no río Lambre. Aínda que prognosticaban choiva durante toda a mañá, os 18 participantes non se botaron atrás e percorreron o tramo medio do río, dende a ponte de Fandiño até augas arriba da central de Güimil. En realidade o treito de río no que recolleron lixo reduciuse a 2,5 km, pois non puideron andar todo o traxecto ó estar pechados varios carreiros que seguen as súas beiras. En total foron 225 kg menos de refugallos na natureza, entre os que destacaron catro rodas (dúas delas as traseiras dun tractor, estimadas en 60 kg cada unha). Así que remataron contentos dunha xornada na que gozaron dun tempo magnífico camiñando pola ribeira dun fermoso río que apenas coñecían.

A Semana de Custodia do Territorio ten a dobre finalidade de que os interesados poidan informarse asistindo á xornada de conferencias e de permitirlles colaborar en actuacións que melloren o estado dos nosos espazos naturais. Un ano máis, cumpriu os seus modestos obxectivos, coa participación de 78 persoas distintas cun total de 104 asistencias.


Traballos no observatorio de Sobrado

20 Setembro 2019

 
Un par de voluntarios visitaron varias veces a lagoa de Sobrado nos últimos meses. Alí custodiamos dúas parcelas que nos doou a Sociedade Galega de Historia Natural. Nunha delas está o observatorio ornitolóxico, polo que periodicamente temos que facerlle traballos de mantemento.

Como este inverno parte da cuberta de cobre apareceu arrincada, tivemos que instalar un par de vigas novas e repoñer toda a cuberta con pranchas de aceiro de cor verde. De paso que fixemos ese traballo, limpamos os refuxios de morcegos e as caixas niño integradas na construción, pois estaban atacadas do musgo que nelas introduciron os ferreiriños que alí aniñaron nos últimos anos. Tamén amañamos algunhas deterioracións nas fiestras, repuxémo-los enganches que permiten mantelas abertas e lavámolas, fregámo-lo interior do observatorio e incluso desmontámo-lo panel sobre a vexetación da lagoa para poder limpalo. Tamén eliminamos con alcohol unha pintada no metacrilato que protexe un dos paneis informativos interiores. Máis traballo deron as pintadas nas paredes, pois houbo que cepillar e lixa-la madeira. Dado o nivel de incivismo, non durarán moito sen que volvan a estar esborranchadas.

Por último instalamos de novo o vello cartel que alí colocou a SGHN hai máis de dúas décadas. No seu día retirámolo, para que unha voluntaria puidera restauralo na súa casa, lixándoo, vernizándoo e pintando as letras con paciencia. Houbo que poñerlle postes novos, pois os orixinais estaban totalmente podres. Agora loce como no primeiro día, lembrando unha iniciativa de custodia que foi pioneira no noso país.

Por último, tal como facemos sempre que podemos, recollémo-lo lixo nas parcelas que custodiamos, no aparcadoiro, en toda a contorna transitable da lagoa e no tramo de camiño xacobeo que pasa a carón dela.

Foron moitas horas de traballo, pero pagou a pena.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).