De volta no Catorce tras a xunca olorosa

4 Xuño 2024

 
Hai oito anos creámo-la Reserva de Anfibios do Catorce co obxectivo de preservar un espazo no que se reproducen 11 especies de anfibios. Para mante-lo hábitat en óptimas condicións, resulta moi importante evita-la presenza de especies exóticas invasoras. Unha delas é a xunca olorosa, unha planta de orixe americana que nos está costando erradicar. Con paciencia imos logrando reduci-la súa presenza, pois a biomasa que retiramos no ano 2022 pesou 597,35 kg e no seguinte baixou a 289,10 kg. O noso propósito é manter este declive.

Foto do voluntariado Nesta ocasión levamos un pouco de retraso con respecto ó ano pasado, pois a auga acumulada nas últimas semanas impedía traballar, polo que xa está en floración. Afortunadamente, aínda estamos a tempo de arrincala antes de que maduren as súas sementes e se espallen. Por esta razón programamos esta xornada de voluntariado ambiental para o próximo domingo día 9, co obxectivo de arrincar tódolos exemplares que atopemos. É unha tarefa doada nun enclave de fácil acceso, apta para calquera.

Tal como facemos habitualmente, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos. Non fai falla que leves ferramentas, pero pode serche útil conseguir uns protectores para os xeonllos e unhas luvas (mellor as de pintor ou de xardineiro que as de coiro). Lembra vestir roupa axeitada e calzado robusto (o máis conveniente son as botas de auga, pois o solo aínda está algo húmido). Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

No caso de animarte a participar, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 9 de xuño de 2024.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Foto do voluntariadoPost data: As condicións meteorolóxicas foron óptimas. Antes de empezar a traballar, os que non coñecían a reserva percorrérona nunha visita guiada. Logo xuntáronse co resto dos participantes para formar un equipo de 18 persoas que arrincou canta xunca olorosa atopou. En total foron 215,45 kg de biomasa, un peso algo máis elevado do esperado, seguramente debido a que aínda había moita humidade, polo que as súas raíces estaban enchoupadas, e a que o seu tamaño era superior ó do ano pasado. O feito de percibirse nesta ocasión menos exemplares e de levarnos menos tempo arrincala, apunta claramente a un descenso da súa presenza e alimenta o noso optimismo. Aínda así, haberá que facer unha segunda xornada dentro dun mes para arrincar aqueles exemplares que non localizamos por seren demasiado pequenos, máis os que nazan nas próximas semanas. Erradica-las especies exóticas invasoras require perseveranza e paciencia.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Encontro galego sobre custodia

1 Xuño 2024

 
Hoxe achegámonos a Lugo para asistir á III Xornada Galega de Custodia do Territorio, organizada pola AGCT. Nela participamos ―presencialmente ou telemáticamente― sete entidades de custodia, coa intención de reactivar a Rede Galega de Entidades de Custodia.Logo da Rede Galega de Entidades de Custodia do Territorio

Dende o noso punto de vista, o panorama para a custodia galega resulta desesperanzador. Consideramos que, por unha banda, o concepto de custodia do territorio está a perder significado, en favor da idea de que calquera actuación de conservación da natureza encaixa nel, esquecendo así as raíces deste movemento que naceu a finais do século XIX. Consideramos que isto está a impedir que se aborden os problemas específicos das entidades que, como a nosa, asumen completas responsabilidades cos terreos nos que se actúa, ben mediante a adquisición de parcelas ou ben con acordos de cesión a longo prazo sobre o seu uso e a súa xestión.

Pola outra banda, boa parte das nosas dificultades proveñen da falta en xeral de apoio institucional, con numerosos obstáculos administrativos no día a día e no acceso a financiamento público. A este respecto, precisamente a propia Fundación Biodiversidad anunciou na súa intervención que aínda vai dificultar máis o acceso de entidades pequenas, como a nosa, ós fondos desta fundación pública dependente do goberno central.

Por último, na xornada evidenciouse a escasa vontade en promocionar a transparencia na xestión das entidades. En Fragas do Mandeo consideramos fundamental que a sociedade poida coñecer con claridade o funcionamento das ONG, pois soamente deste xeito poderemos lograr un claro apoio por parte da cidadanía. Por ese motivo, tal como facemos habitualmente, reservamos un tempo na nosa intervención para espir a realidade da nosa entidade. Proporcionamos información moi detallada sobre a procedencia dos nosos ingresos, a que se destinan, que superficie custodiamos baixo cada tipo de acordo, como se caracterizan os nosos voluntarios, quen fai o traballo de campo, de xestión e de administración, cales son os resultados anuais, etc. En definitiva, datos significativos para que a sociedade poida valorar a eficacia do noso traballo e depositarnos a súa confianza.


Formando futuros monitores de tempo libre

25 Maio 2024

 
Esta mañá tivemos a ocasión de conversar con vinte e un alumnos matriculados no curso de monitores de tempo libre, que está a impartir a Escola de Tempo Libre Fervenza na Casa da Mocidade de Bergondo.

Foto do cursoIgual que noutras edicións do curso, argumentamos que para conserva-lo patrimonio natural da nosa bisbarra é preciso ir máis alá das palabras e realizar actuacións de restauración de hábitats, como as que nós facemos habitualmente. Xa dun xeito máis didáctico, explicámoslles a forma na que, no seu futuro laboral, poden organizar xornadas de voluntariado ambiental para que sexan realmente eficaces e lles resulten satisfactorias ós participantes.

Complementámo-la nosa intervención cunha visita á nosa Reserva de Anfibios do Catorce, para ver un exemplo do proceso de rehabilitación dunha canteira abandonada como lugar de reprodución de once especies de anfibios.


Visita da Sociedade Galega de Historia Natural

12 Maio 2024

 
Hoxe recibimos na Espenuca ós participantes na visita guiada, organizada pola SGHN, ás parcelas que custodiamos no entorno do río Mandeo.

Foto da visitaA singularidade e a eficacia do labor que estamos a realizar fai que cada vez máis persoas estean interesadas en visita-las zonas onde actuamos, para así coñecer en directo os nosos resultados. Pero debido a que o ritmo de traballo non nos deixa tempo libre para programar visitas, a SGHN organizou esta como un xeito de apoiarnos, polo que lle estamos agradecidos.

A andaina empezou no miradoiro, conducida por Belén Couto (técnica superior en xestión forestal e do medio natural), ademais de boa coñecedora das nosas accións de conservación. Alí os dezanove participantes escoitaron as explicacións sobre o proceso mediante o que eliminamos os eucaliptos que impedían gozar das panorámicas sobre o val do río. A continuación baixamos a unha parcela próxima, de case dúas hectáreas de extensión, na que a restauración da fraga xa está moi avanzada, medrando nela dezaseis especies de árbores autóctonas de ecotipo local.

Posteriormente, os excursionistas avanzaron até o lugar de Chelo, coñecendo polo camiño outras parcelas nosas e os valores naturais do espazo protexido. O bo ritmo da andaina permitiulles visitar a última hora a Reserva de Anfibios do Catorce, onde puideron comprobar un tipo distinto de restauración ambiental, pois neste caso centrámonos na transformación dunha canteira abandonada nun espazo óptimo para a reprodución de 11 especies de anfibios.

Esperamos que un mellor coñecemento dos nosos esforzos en favor do patrimonio natural da nosa bisbarra nos reporte un maior apoio por parte da cidadanía.


Rematando a campaña anual de reforestación

21 Marzo 2024

 
Hoxe visitámo-las escolas infantís de Coirós para participar na súa celebración do día mundial da árbore. Levámoslles senllas parellas de bidueiros, de loureiros e de carballos reproducidas no noso viveiro para poñelas nos seus xardíns. Os cativiños observaron con atención a súa plantación e axudaron a regalas. Esta actuación tivo inicialmente un simple sentido educativo. Pero tamén poderiamos dicir que simbólico, pois medrarán a canda eles: A meirande parte dos exemplares teñen a mesma idade que os propios cativos.

Xa fóra do simplemente testemuñal, podemos apuntar que a nosa campaña anual de reforestación está próxima a rematar. Temos actuado en tres enclaves e levamos plantadas 524 árbores, dentro das que se atopan os primeiros acivros e érbedos que temos propagado no noso viveiro. Como en anteriores ocasións, tratamos de recrear unha fraga con alta biodiversidade arbórea, sempre usando especies consideradas como autóctonas da nosa propia bisbarra.

Nas parcelas dos Vellos e da Espenuca reforzámo-lo plantado en anos anteriores. Deste xeito, o bosque da primeira agora conta con 17 especies arbóreas distintas. O segundo cunha menos, pois como non linda co río non poden prosperar nel os ameneiros. Un gran cambio se temos en conta que foron eucaliptais.

Ó longo deste mes estivemos reforestando a última parcela incorporada á nosa reserva do Ollo da Roda. Lindeira co río Mendo, tamén foi un eucaliptal, tendo aproveitado para mercala cando foi tallado. Na xornada de voluntariado de primeiros deste mes eliminámo-los rebrotes dos eucaliptos e preparámo-la para poder reforestala. Coas 236 árbores plantadas agora, ampliámo-la extensión do bosque de ribeira da reserva, composto actualmente por 18 especies distintas.

A estación vai moi adiantada, motivo polo que pronto rematarémo-la campaña deste ano.

Post data: Na última semana do mes plantamos en Penizás (A Espenuca), aproveitando que a finais do ano pasado deseucaliptizamos parte desta extensa parcela. Finalmente, a campaña rematou cun total de 606 árbores plantadas de 16 especies distintas en 4 enclaves, un resultado sensiblemente superior ó do ano pasado.


A Deputación volve apoiarnos

20 Marzo 2024

 
Logo da Deputación da CoruñaA Deputación da Coruña acaba de publicar no Boletín Oficial da Provincia os listados provisionais de entidades sen ánimo de lucro que van beneficiarse este ano do seu programa de axudas, tanto para o desenvolvemento de actividades como para investimentos en medio ambiente. Fragas do Mandeo é unha das beneficiarias, polo que as actividades e os investimentos que presentamos serán financiados nun 80 % por este organismo, até un máximo de 20.000 e de 4.960 euros respectivamente. Tal como figura nos correspondentes proxectos, estas subvencións estarán destinadas a sufraga-los seguros de voluntariado, traballos forestais profesionais e funxibles varios, no caso das actividades, e no caso dos investimentos para repara-lo muro do observatorio ornitolóxico da lagoa de Sobrado e para equipamento vario.

Agradecemos á Deputación da Coruña o seu continuo apoio ás entidades que nos preocupamos pola conservación do patrimonio natural da provincia.

Post data: A confirmación das resolucións provisionais, tanto da axuda destinada a actividades como a de investimentos, foron posteriormente publicadas como resolucións definitivas nos boletíns dos días 5 e 16 de abril, respectivamente.


Vídeo: reforestando biodiversidade

1 Marzo 2024

 
Co obxecto de reforza-la súa biodiversidade arbórea, nas últimas semanas estivemos plantando árbores en varias parcelas que xa tiñamos deseucaliptizado. A planta que usamos procede do noso viveiro, onde estamos a reproducir 18 especies de árbores e unha de arbusto, todas de ecotipo local. Aproveitámo-la ocasión para facer un breve vídeo, titulado Restaurando as nosas fragas, animando a usar múltiples especies autóctonas no momento de reforestar.

Portada do vídeoCando falamos de especies autóctonas referímonos ó ámbito comarcal. Na nosa bisbarra non son autóctonas especies como a faia e o teixo, malia que sexan árbores autóctonas galegas. Noutras palabras, non tódalas comarcas galegas teñen como autóctonas as mesmas árbores. Na sección As árbores autóctonas pode consultarse a lista das que corresponden á nosa bisbarra.

A importancia de ter variedade de especies é que deste xeito facilitámo-la creación dunha ampla base trófica para numerosas especies animais, incluídas aves e mamíferos. Pero tamén para moitas especies de invertebrados, dos que se alimentarán os insectos e os vertebrados que depredan neles, creando así cadeas tróficas con máis elos; en definitiva, máis longas e complexas. Estas cadeas estarán activas na práctica totalidade do ano, pois concaténanse os períodos de floración e de frutificación das distintas especies.

Por outra banda, cando estas árbores medren, as parcelas plantadas servirán de núcleos para a dispersión de sementes das distintas especies. Tras séculos de intervención humana, as nosas fragas teñen visto minguadas moitas das súas poboacións, unhas por sobrexplotación e outras, non sendo de interese, por ser eliminadas para deixar espazo ás máis útiles.

Incrementa-la diversidade arbórea tamén significa favorece-la resiliencia do bosque: se unha praga ou unha seca afecta gravemente a unha especie determinada, as que non sufran ese andazo poden atenua-la súa perda. A presenza de suficientes exemplares das nosas tres especies de folla perenne compensa que a maioría sexan caducifolias, permitindo que as aves atopen nelas refuxio durante os rigores invernais. Tampouco podemos esquecer que co tempo unhas especies medrarán máis que outras, creando unha maior diversidade estrutural no bosque, da que tamén saca partido a fauna local.


Xornada para deseucaliptizar o río Mendo

25 Febreiro 2024

 
O ano pasado mercamos unha parcela lindeira co río Mendo, co obxecto de amplia-la nosa reserva do Ollo da Roda. Antes de vendela, os anteriores propietarios cortaron os eucaliptos que tiña. Agora é tempo de reforestala, plantando arborado autóctono procedente do noso viveiro.

Antes de nada hai que prepara-lo terreo, eliminando rebrotes de eucalipto, arrincando toxos e retirando os paus que quedaron abandonados trala corta. Por ese motivo convocamos para o próximo domingo día 3 unha xornada de voluntariado. O lugar é de fácil acceso, pero o traballo pode ser algo duro.

O punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos ás 9:30 horas, coa idea de rematar ás 14:00. Non te preocupes polas ferramentas, pero leva unhas luvas de coiro se as tes. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

No caso de animarte a participar na ampliación desta reserva, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 3 de marzo de 2024.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: Malia o mal tempo, os trece inscritos na xornada acudiron á cita. Antes de empezar a traballar, informámoslles do que estamos a facer na reserva, recibindo especial atención a descrición das tarefas no noso viveiro para reproducir as árbores autóctonas. Tras explicarlles a técnica de deseucaliptización e o uso seguro das ferramentas, puxémonos ó traballo para completar con éxito a eliminación dos rebrotes e o arrincado dos toxos. Sen máis demora, ó día seguinte iniciámo-la reforestación da parcela coa plantación de 60 árbores, esperando supera-la cifra dos 250 nos próximos días.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Toda unha vida

16 Febreiro 2024

 
Fotografía de DonaHoxe despedímonos de Dona, a nosa querida mascota.

Naceu a carón do río Mandeo a véspera da constitución de Fragas do Mandeo, motivo polo que cada aniversario seu lembrábanos o da nosa entidade. Dende pequena correu alegre diante de nós cando íamos localizar montes para mercalos, observounos pacientemente mentres deseucaliptizábamos parcelas e animou coa súa presenza ós participantes nas xornadas de voluntariado. Incluso fixo de embaixadora da natureza, sendo a protagonista do álbum infantil que publicamos como parte dun exitoso proxecto de educación ambiental. Ós nove anos unha lesión obrigouna a xubilarse, pero non deixou de dar curtos paseos polo monte. Grazas ó seu olfacto, informábase da actividade nocturna dos animais silvestres, sendo testemuña do retorno dos seus parentes montaraces, tras localizar pegadas da súa presenza. Sendo característicos da súa especie e da nosa a intensidade dos lazos familiares e a capacidade de establecer vínculos interespecíficos, era unha ponte entre nós e a fauna dos bosques, entre o noso mundo visual e o universo olfactivo no que se desenvolvía, comunicándose connosco cunha linguaxe non verbal que nos conectaba aínda máis coas nosas raíces evolutivas. Rematado o seu periplo a menos de cinco meses do que sería o seu décimo cuarto aniversario, estimamos que tivo unha vida longa e feliz, regalándonos unha leal amizade.

Fotografía de DonaA vida dun can é curta en termos humanos, do mesmo xeito que a nosa o é respecto das árbores que estamos a plantar estes días. Algunhas delas sairán da adolescencia dentro dun século, cando xa non estaremos para velas no seu esplendor. Namentres outras entidades de custodia do territorio xa son centenarias, a nosa está saíndo da infancia. Sen máis compás que nos guíe que a nosa propia experiencia, vémonos agora no reto de medrar vigorosamente, pois o agravamento acelerado da crise ambiental e climática non admite dilacións. No actual contexto social de indiferenza respecto da conservación da natureza, evitar a melancolía, conservar o ánimo e manter o ritmo de traballo non é doado. Máis aínda diante da habitual insensibilidade dos organismos públicos que deberían velar por ela, manifestada na degradación do noso patrimonio natural que frecuentemente causan, sexa por acción ou por omisión, ou simplemente poñéndonos acotío atrancos cando intentamos reverter a situación. A nosa demostrada eficacia, baseada no coñecemento, nas actuacións directas no medio e na eficiencia no uso dos poucos recursos que temos, merecería un respecto e un apoio por parte da Administración que raramente observamos.

Fotografía do álbumAs conclusións das numerosas investigacións realizadas por prestixiosos científicos ó longo das últimas décadas en todo o planeta non deixan espazo para a dúbida. Os seus prognósticos de agravamento da crise ambiental e climática están a cumprirse sistematicamente. Xa que logo, non hai escusas para evitar mirar de fronte á realidade e actuar en consecuencia.

Soamente podemos mante-la esperanza se hai un decidido apoio da cidadanía ás entidades que nos preocupamos pola natureza. Como socios, voluntarios e doadores; ou incluso simplemente difundindo a relevancia do noso traballo, para así convencer a máis persoas da necesidade de tomarse en serio a situación. Se podes facer aínda algo máis para potenciar a nosa capacidade de actuación, non o adíes: o futuro non espera.

Namentres, nós seguimos plantando árbores para mante-la esperanza.


Mercámo-las primeiras parcelas deste ano

16 Febreiro 2024

 
Fotografía do título de propiedadeEsta mañá estivemos na notaría de D. Óscar Manuel López Doval en Betanzos para asina-la escritura de compra de varias parcelas situadas nunha zona de alto valor ecolóxico do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo, no termo municipal de Coirós.

Nelas prospera o bosque autóctono, sumando un total de 4.446 m2 de superficie. A única excepción é unha parcela na que cortaron os eucaliptos, polo que agora está chea de rebrotes. En canto poidamos, iremos eliminalos e preparala para logo reforestala con árbores autóctonas procedentes do noso viveiro.

Coma sempre, hai que destacar que esta adquisición foi posible grazas á xenerosidade dos nosos modestos doadores. Se compartes connosco a certeza de que é necesario actuar decididamente para restaura-las nosas fragas, aumentado a súa extensión e reducindo a súa fragmentación, consulta a sección Colabora, onde ademais poderás coñecer os beneficios fiscais de facernos unha achega.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).