Benvido – Bienvenido – Welcome – Willkommen

 
Fragas do Mandeo é unha entidade de custodia do territorio que ten como fin a preservación da biodiversidade na comarca coruñesa de As Mariñas (Galicia, España).

Coa adquisición de fincas de interese ambiental mediante compra, doazón ou legado, e a través de acordos cos propietarios de parcelas, baixo aluguer ou cesión temporal, buscamos conserva-los espazos naturais desta comarca.

Actuamos localmente, pero pensamos globalmente. Custodiámo-las fragas para veciños e visitantes, para as xeracións presentes e as vindeiras. É o noso xeito de coida-lo planeta. ¡Colabora connosco!


O Picoto Pequeno no punto de mira

28 Setembro 2026

 
Hoxe iniciámo-la restauración ambiental do Picoto Pequeno. Xa que logo, temos por diante a dura tarefa de transformar nun bosque autóctono o que actualmente é un extenso eucaliptal situado nun terreo abrupto.

A zona de actuación é unha parcela de 32.222 m2 de superficie, da que é titular o Concello de Coirós. Mediante un convenio asinado no seu día, cedeunos o seu uso e a súa xestión durante medio século. Recibe o nome do Picoto Pequeno por ser un promontorio situado na ladeira norte do monte da Espenuca, reservando o nome do Picoto —tal como indica esta palabra— para o verdadeiro cumio do monte. Este ano a parcela foi deslindada polo concello e consecuentemente podemos inicia-la eliminación dos eucaliptos.

Os principios que van rexer esta restauración son catro. O máis evidente é o de aumenta-la extensión do hábitat natural, para beneficio das numerosas especies que viven no bosque caducifolio, incluídas varias que están ameazadas. O segundo é o de reduci-la fragmentación do hábitat, pois este eucaliptal está no medio dunha fraga, atenuando así o impacto negativo do efecto de borde ecolóxico. O seguinte é o de aumenta-la conectividade, xa que o futuro bosque enlazará a beira do río Mandeo (onde a parcela aínda conserva bosque de ribeira, cualificado como hábitat prioritario 91E0), coa cima da Espenuca (onde xa temos restaurado unha parcela de 2 hectáreas), mediante un corredor de 745 m de lonxitude. Por último, fomentar unha heteroxeneidade que o dote de resiliencia e favoreza a biodiversidade, mediante a plantación dun número elevado de especies arbóreas; deste xeito as estruturas das árbores serán variadas, florecerán e frutificarán en distintos meses do ano, e darán alimento e acubillo a diversos animais moi dependentes de especies concretas.

Os beneficios desta restauración serán múltiples. Dende a recuperación de recursos hídricos (o bosque caducifolio ten unha gran capacidade de almacenar auga) até a de reduci-lo risco de incendios forestais (aminora a intensidade e a velocidade dos lumes), pasando por unha longa lista na que non podemos esquece-la mellora paisaxística da que se beneficiarán veciños e visitantes.

Nesta primeira fase, o obxectivo é arrincar de raíz os eucaliptos pequenos e deixar expedito o terreo. Posteriormente haberá que corta-los exemplares de maior tamaño, retirando aqueles que estean situados en lugares accesibles. Entre a extensión da parcela e a dureza do traballo, pois ten que facerse manualmente, a previsión é a de actuar inicialmente na terceira parte da súa extensión.

A conservación da natureza é un traballo lento e duro. Por ese motivo, non debemos adialo. Está en xogo o noso futuro e a de toda a vida silvestre coa que compartimos este planeta.


Voluntariado na limpeza simultánea de ríos

23 Setembro 2026

 
Como peche da pasada Semana de Custodia actuamos no rego de Fonte Xoán, pois alí había unha montaña de lixo. Malia retirar 707,60 kg de refugallos, o que temos agora e media montaña de lixo. Aproveitando que para o día 4 de outubro está convocada a limpeza simultánea dos ríos galegos, coordinada polo Proxecto Ríos, programamos unha xornada de voluntariado coa esperanza de deixalo completamente limpo. No caso de sobrar tempo, continuaremos eliminando o foco de tradescantia, unha especie exótica invasora procedente de Suramérica.

Imaxe do cartel do Proxecto Ríos 2026As recollidas de lixo e a eliminación de invasoras que facemos periodicamente nos ríos Mandeo e Mendo están logrando a mellora do seu estado ecolóxico nos 55 km de ribeira que apadriñamos en total. De feito, xa temos rematado o repaso de verán no Mandeo (dende a ponte de Entrambasaugas até a ponte de Teixeiro) e no Mendo (dende a ponte das Moas até a ponte de Taibo). No rego das Bouzas traballamos dende a ponte de Porto do Ba até Chelo. Agora fáltanos acaba-lo repaso do rego de Fonte Xoán na ponte da Casela, para así remata-lo treito dende este punto até a súa desembocadura no rego das Bouzas.

De novo, o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos. Non fai falla que leves ferramentas, pero serán útiles unhas luvas de coiro para apaña-lo lixo. Lembra vestir roupa e calzado axeitados, en función do prognóstico meteorolóxico. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres botar unha man na conservación dos nosos ríos, por favor envíanos un correo cos teus datos (nome completo, DNI, móbil, concello de residencia e data de nacemento). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 4 de outubro de 2026.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: Nesta xornada de voluntariado participaron nove persoas. Apañamos 919,35 kg de refugallos, o que para nós é unha cifra récord. Sumados ós da xornada anterior totalizan 1.626,95 kg; aínda así queda lixo semienterrado á espera doutra ocasión. Respecto da tradescantia, non tivemos tempo máis que para retira-la que permanecía no medio dos refugallos (2,25 kg de biomasa). Con esta acción demos por rematado o repaso de verán para recoller lixo e retirar invasoras nos treitos apadriñados dos ríos Mandeo e Mendo (incluída a nosa Reserva do Ollo da Roda), así como dos regos de As Bouzas (tamén chamado Caldeirón) e o de Fonte Xoán. Ter atopado entre o lixo un par de saramagantas lémbranos que incluso regatos modestos como estes son o hábitat de especies ameazadas, polo que debemos conservalos en bo estado ecolóxico.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Balance da XIII Semana de Custodia

22 Setembro 2026

 
As actividades da décimo-terceira edición da Semana de Custodia nas Mariñas desenvolvéronse baixo un tempo soleado, incluso demasiado cálido para traballar no campo. O programa iniciouse cunha andaina na que, afortunadamente, a sombra das árbores e a humidade do bosque atenuaron o rigor que a crise climática ten imposto nestes últimos días do verán.

O percorrido formativo co Dr. Manuel Antonio Rodríguez Guitián iniciouse no cumio da Espenuca, onde os 15 participantes puideron coñecer como a ocupación do monte dende tempos previos á romanización levou á plena deforestación que presentaba a principios do século XX. Pola contra, actualmente a eucaliptización impide gozar plenamente das vistas, salvo no pequeno sector formado polo par de tenzas que temos mercado, nas que obviamente no seu día eliminámo-los eucaliptos. A continuación procedemos a baixar até o lugar do Bocelo, para logo camiñar pola beira esquerda do río Mandeo, completando o percorrido de 7 km na ponte de Teixeiro. As paradas en diversas parcelas nas que temos actuado permitiron explicar os distintos xeitos de aborda-la restauración do bosque e amosa-los resultados en distinto grao de avance: dende a reforestación espontánea tras des-eucaliptizar até a intervención intensiva para lograr que prosperen 20 especies de árbores autóctonas da bisbarra nunha mesma parcela. Tamén deu pé a debater sobre a hipotética composición do bosque antes de sufrir a severa pegada humana que presenta actualmente. As detalladas explicacións e o interese dos asistentes fixeron que a actividade rematara hora e media máis tarde do previsto.

A primeira xornada de voluntariado foi na praia Grande de Miño. As 9 persoas que participaron centráronse na eliminación de especies exóticas invasoras, retirando un total de 207,05 kg de biomasa. O primeiro obxectivo era eliminar totalmente varias especies que xa erradicáramos no pasado, pero que volveron a aparecer: os plumachos (213 macollas), los mioporos (47 exemplares) e as crocosmias (das que desenterramos 104 tubérculos). Pero a maior parte do traballo consistiu en arrincar exemplares de eixerón (165,90 kg), aínda que non temos rematado coa presenza desta planta. Tamén arrincamos outras invasoras, como a acacia negra, e recollémo-lo lixo que atopamos na zona de actuación (165,90 kg). De tódolos xeitos, queda bastante traballo por facer, pois tra-las obras realizadas por Demarcación de Costas no ano 2024, ningún organismo público tense preocupado por manter en bo estado ecolóxico este sistema dunar.

A terceira actividade do programa foi a charla sobre incendios forestais co edafólogo Dr. Serafín González Prieto e co biólogo ambiental D. Xabier Vázquez Pumariño. As complicacións das ocupadas axendas destes dous expertos nos mantiveron en vilo até o día anterior, pero finalmente non foi necesario adia-lo evento. Debido á complexidade do tema a tratar, a conversa foi longa, esperando que axude a desfacer algúns mitos e sexa de interese para a audiencia. Actualmente achégase ó medio millar de persoas, pero irá medrando co tempo pois a sesión da charla está dispoñible en diferido en Youtube.

Como peche do programa fixemos unha segunda xornada de voluntariado. O obxectivo era actuar no rego de Fonte Xoán, pois nel descubriuse un vello vertedoiro incontrolado cando o último campo de traballo retirou o tapiz de tradescantia que o escondía. Aproveitando que apenas levaba auga, os 12 participantes puxéronse a apañar botellas, plásticos, ferros e todo tipo de refugallos ata encher o remolque, pesando un total de 707,60 kg. Aínda así, quedou suficiente lixo e tradescantia como para programar unha nova xornada antes de que as enchentes invernais arrastren refugallos e propágulos augas abaixo.

Hai dous aspectos a salientar nesta Semana de Custodia. O primeiro é a participación feminina, pois nas xornadas de voluntariado chegou a supoñe-lo 76 % e no percorrido formativo o 67 %, o que manifesta un maior compromiso das mulleres coa conservación da natureza. Pola outra banda, este ano a participación total foi inferior a edicións anteriores, asunto a mellorar en futuras ocasións.


Programa da XIII Semana de Custodia

1 Setembro 2026

 
Este ano imos celebra-la décimo-terceira edición da Semana de Custodia nas Mariñas entre os días 12 e 20 deste mes de setembro. Tras unha tempada onde a crise climática manifestouse de xeito extremo na nosa bisbarra, en forma de vagas de calor, de restricións de auga potable e de lumes forestais, decidimos elabora-lo programa de actividades baixo o lema Fortalecendo a resiliencia das nosas fragas.

Imaxe do cartel da XIII Semana de Custodia do Territorio nas MariñasResulta evidente que o bosque autóctono participa na regulación do clima, preserva os recursos hídricos e dificulta o avance dos incendios forestais. Por ese motivo o programa inclúe un debate sobre o sempre ameazante fenómeno do lume; tamén unha lección de campo para avaliar in situ os avances que temos acadado na súa recuperación e, sobre todo, un par de xornadas de voluntariado para fomenta-la participación cidadá na mellora do noso patrimonio natural mediante accións directas.

Por favor, descarga o programa e o cartel da Semana, en formato JPG ou ben en formato PDF, para compartilos no teu entorno persoal e redes sociais: así facilitarás que a información chegue a tódolos interesados en participar.

Para apuntarte nas actividades, por favor, ponte en contacto coa organización no teléfono 981 105 903 ou envía un correo electrónico a correo@fragasdomandeo.org cos teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento, móbil, concello de residencia e actividades nas que desexas participar). Deste xeito terás un seguro de accidentes, recibirás indicacións detalladas por adiantado e facilitarásno-la organización.

Percorrido formativo pola fraga: Consistirá nunha andaina acompañada polo botánico Dr. Manuel Antonio Rodríguez Guitián. Ó longo dun itinerario polo monte da Espenuca e a ribeira do río Mandeo, este especialista nos bosques galegos irá explicándonos as características e valores das nosas fragas. De paso, iremos amosando as actuacións que temos realizado para a súa recuperación e debaterémo-las potenciais maneiras de mellora-los resultados. A participación estará limitada a 15 persoas, polo que se estás interesado deberás inscribirte con suficiente antelación para garantir ter unha praza. Máis datos na folla informativa.
Data: Sábado 12 de setembro, de 9:30 a 17:00 horas.
Lugar: Partiremos dende o Centro de Saúde de Betanzos.

Xornada de voluntariado en Miño: Dende hai máis dunha década apadriñámo-la praia Grande de Miño. As nosas actuacións non se teñen limitado a recollidas de lixo periódicas, pois tamén temos eliminado numerosas especies exóticas invasoras, chegando a erradicar totalmente algunhas destas plantas. Pero, tralas obras da Demarcación de Costas, a praia foi recolonizada por varias delas, sendo a máis numerosa o eixerón. Canto antes eliminémo-los exemplares presentes, máis dificultaremos a súa propagación. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 13 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Partiremos dende o Centro de Saúde de Betanzos.

Charla «Analizando os incendios dende a ecoloxía e o ecoloxismo»: O monte da Espenuca ardeu a inicios do pasado mes de agosto. A pronta actuación dos bombeiros forestais logrou evitar un dano grave, pero persiste a preocupación de que no futuro se produza na nosa bisbarra un gran incendio forestal de consecuencias catastróficas. Conversaremos co edafólogo Dr. Serafín González Prieto e co biólogo ambiental D. Xabier Vázquez Pumariño sobre o fenómeno dos lumes forestais, para coñecer a imprescindible achega da ecoloxía e do ecoloxismo no debate sobre este asunto de tanta actualidade, centrándonos nas características que presenta no territorio galego e as posibilidades de aumentar a resiliencia dos nosos montes e aldeas. A charla será emitida telematicamente co obxecto de darlle maior audiencia, para o que contamos coa colaboración técnica de Roxín Roxal.
Data: Mércores 16 de setembro, de 19:30 a 21:00 horas.
Lugar: Emisión telemática en directo (tamén dispoñible posteriormente en diferido) a través de Youtube na sesión da charla.

Limpeza de ríos: Nesta ocasión a nosa recollida de lixo da Semana de Custodia adiántase tres semanas á limpeza simultánea dos ríos galegos coordinada polo Proxecto Ríos. Iremos ó rego de Fonte Xoán, nas proximidades da Casela (Coirós). Malia que o campo de traballo actuou alí o pasado mes de xullo con gran eficacia, aínda queda moito por facer. Xa que logo, retiraremos todo o lixo que poidamos e tamén unha planta exótica invasora, a tradescantia. Deste xeito evitaremos que as enchentes invernais arrastren refugallos e propágulos de tradescantia augas abaixo, pois rematarían no espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 20 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Partiremos dende o Centro de Saúde de Betanzos.

Este ano non programámo-la eco-regata, por falta de suficientes embarcacións para levar o voluntariado a apañar refugallos na marisma. Pero non desbotamos recuperala en edicións futuras, no caso de que se comprometan patróns dabondo.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


A seca non detén os traballos de conservación

24 Agosto 2026

 
Hoxe rematámo-lo traballo de mantemento do río Mandeo correspondente ó verán. As tarefas realizadas consistiron na eliminación de especies exóticas invasoras e na recollida de lixo ó longo dun treito de 11 km, para o que foi preciso un esforzo de 68 horas.

O baixo nivel do río —causado pola prolongada seca deste ano— fíxonos pensar en que poderiamos localizar moitos refugallos que até o momento terían permanecido ocultos no seu leito. Non foi así, pois unicamente atopamos nel unha roda; pola contra, a meirande parte dos refugallos foron apañados nos sendeiros. Pero, como secou totalmente a canle da área recreativa de Chelo, aproveitamos para apañar nel 205,40 kg de entullos. Esta é a terceira vez que recollemos alí este tipo de residuo, presuntamente procedente da construción hai anos do edificio adxacente. Con esta actuación a canle recuperou o seu aspecto natural.

No referente ás plantas exóticas, eliminamos 9 especies distintas, aínda que sumando pouca cantidade de biomasa, proba de que os nosos repetidos controis están dando froitos. Un curioso fenómeno causado pola seca foi a aparición de numerosos exemplares de tintureira (Phytolacca americana), pois esta planta invasora aproveitou a ocasión para nacer nos bancos de area que quedaron ó descuberto.

Non basta con declarar espazos naturais protexidos: tamén hai que mantelos en bo estado de conservación. Por ese motivo, catro veces ó ano percorrémo-lo treito do Mandeo entre a ponte de Entrambasaugas até a ponte de Teixeiro, dentro da ZEC Betanzos-Mandeo, espazo integrado na Rede Natura. Agora quédanos por facer outro tanto nos treitos que apadriñamos no río Mendo e no rego das Bouzas.


Lume na Espenuca

1 Agosto 2026

 
Hoxe pola tarde ardeu o monte na Espenuca. Afortunadamente, pouca extensión e situada nunha zona de escaso valor ecolóxico.

Segundo os axentes da Garda Civil consultados, a causa foi un accidente na finca dun restaurante que —malia que a herba estaba moi ben cortada— pasou ó monte contiguo. A queima de mato denso e alto provocou unha intensa fumareda que de lonxe facía presaxiar algo peor, pola proximidade á capela e ás casas. A pronta actuación de dous helicópteros, catro autobombas e seis brigadas logrou que a superficie queimada non superara as 4 hectáreas, afectando unicamente ó sotobosque.

No pasado inverno, cando rematámo-la reforestación da parcela A Ruza, unha sombra de temor levounos a pensar que todo ese traballo podería perderse nun instante por culpa dun incendio. Aínda terán que pasar varios anos até que as árbores plantadas pasen do actual porte arbustivo a ter porte arbóreo. Durante ese período non poderán interceptar suficiente luz como para limitar o crecemento do mato no sotobosque, nin crear as condicións de maior humidade e de menor temperatura que dificultan o paso do lume e reducen a súa intensidade. Este é o drama da restauración dos bosques. Precisamente cando máis necesitamos recuperalos, para que nos axuden a atenuar a crise climática capturando carbono atmosférico e aumentando de paso a resiliencia dos montes, máis vulnerables son fronte ás lapas.

Ante o lume hai que amosar respecto, prudencia e previsión. A situación actual lévanos a meditar na necesidade de incidir na formación, na prevención e na adopción de medidas de autodefensa de toda a cidadanía. Necesitamos protexer vidas e propiedades, patrimonio monumental e natural. A diferenza de hoxe, non sempre teremos dispoñible un equipo de profesionais que nos libre do avance dun incendio.


Mercamos dúas parcelas na Espenuca

23 Xullo 2026

 
Fotografía do título de propiedadeEsta tarde estivemos na notaría de D. Óscar Manuel López Doval en Betanzos para asina-la escritura de compra de dúas parcelas no monte da Espenuca (Coirós).

As parcelas suman unha extensión de 5,5 ferrados (2.398 m2), segundo as escrituras, aínda que no Catastro figuran cunha superficie menor. Están situadas na ladeira norte do monte, con pendentes moi elevadas, o que ten permitido que nelas se mantivera un bosque razoablemente ben conservado.

Do mesmo xeito que noutros casos similares, a partir de agora a nosa misión é garantir a súa preservación, vixiando que non aparezan especies exóticas e que nelas o bosque caducifolio siga a proporcionar múltiples servizos ecosistémicos.

Aparte de ofrecer un hábitat axeitado para a biodiversidade local, o bosque ten un papel de especial importancia no ciclo da auga. Tal como conversamos cos vendedores, os ríos están a amosar un caudal moi reducido e xa comezaron as restricións ó consumo doméstico, como consecuencia desta terceira vaga de calor consecutiva durante o que vai de ano. Neste contexto de crise climática, os bosques que acompañan ós ríos son de especial importancia para conservar os recursos hídricos, almacenando auga cando chove e liberándoa lentamente ó longo do ano.

Tamén son relevantes como devasas naturais fronte os lumes, grazas á humidade que crean no seu interior e porque a sombra proxectada polo dosel forestal evita a proliferación do mato. No grave incendio que sufriron as fragas do Eume no ano 2012 quedou demostrada esta eficacia, pois as lapas morreron no seu interior; tamén a súa resiliencia, pois esa zona foi a que se recuperou espontaneamente con máis rapidez. Pero estas capacidades poden verse minguadas se hai árbores pirófitas intercaladas, ou incluso parcelas enteiras de arborado exótico.

Coma sempre, estas adquisicións foron posibles grazas á xenerosidade dos nosos modestos doadores. Se tamén consideras importante a conservación das nosas fragas, por favor, consulta a sección «Colabora», onde poderás coñecer como facernos unha achega para seguir mercando montes e cales serán as deducións fiscais das que vas beneficiarte.


Xornada de voluntariado na reserva do Catorce

12 Xullo 2026

 
Cando creamos no ano 2016 a Reserva de Anfibios do Catorce, estaba inzada de plantas exóticas invasoras. Temos conseguido erradicar 6 especies distintas, pero aínda se nos resiste a xunca olorosa (Cyperus eragrostis). Esta planta de orixe americana produce numerosas sementes moi pequenas, polo que se propaga con moita facilidade. Aínda así estamos preto de conseguir erradicala, pois cada ano aparecen menos exemplares. Para logralo, temos que facer polo menos un repaso xusto nesta época do ano, localizando e arrincando as plantas que teñan nacido.

Nesta ocasión levamos un pouco de retraso con respecto a outros anos, pois as recentes vagas de calor desaconsellaban traballar nun sitio tan exposto ó sol. Como aínda estamos a tempo de arrincala antes de que maduren as súas sementes e se espallen, programamos unha xornada de voluntariado ambiental para o próximo domingo día 19, co obxectivo de arrincar tódolos exemplares que atopemos. Será unha tarefa doada nun enclave de fácil acceso, apta para calquera.

O punto de encontro será de novo o Centro de Saúde de Betanzos. No caso de que decidas ir directamente, lembra avisarnos para non te esperar inutilmente.

Non fai falla que leves ferramentas, pero pode serche útil conseguir uns protectores para os xeonllos e unhas luvas (mellor as de pintor ou de xardineiro que as de coiro). Lembra vestir roupa e calzado axeitados, en función do prognóstico meteorolóxico. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres botar unha man no mantemento desta reserva, por favor envíanos un correo cos teus datos (nome completo, DNI, móbil, concello de residencia e data de nacemento). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 19 de xullo de 2026.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: Malia a proximidade dunha nova vaga de calor, contamos cun tempo razoablemente bo para traballar, pois toda a mañá estivo anubrada. Os 8 participantes —todas mulleres menos un— lograron arrincar 45,50 kg de biomasa de xunca olorosa, completando o repaso de toda a reserva xusto a tempo para remata-la xornada con puntualidade. O total da biomasa retirada, cifra notablemente inferior ás dos pasados anos, apunta a que imos camiño de conseguir erradicala, ou ben de lograr que a súa presenza sexa simplemente anecdótica.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


A eficacia do décimo campo de traballo

11 Xullo 2026

 
Hoxe achegámonos a Coirós para despedirnos dos integrantes da décima edición do Campo de Traballo Monte da Espenuca.

Nesta ocasión foron 13 as persoas que viñeron de lonxe para axudarnos a conserva-lo patrimonio natural da nosa bisbarra. De feito, os 7 mozos e 6 mozas acudiron procedentes de lugares tan diversos como Las Palmas, Toledo, Sevilla, Zaragoza, Valencia, Barcelona e Madrid, sendo soamente dous os galegos.

O pasado día 2 démoslles a benvida no Centro de Servizos Sociais de Coirós, mediante unha charla de presentación na que explicamos os problemas ambientais da bisbarra e a nosa forma de abordalos. Nela detallamos os nosos esforzos na erradicación de especies exóticas invasoras, pois o principal obxectivo do campo ía ser a eliminación dun foco de tradescantia (Tradescantia fluminensis) situado no rego Caldeirón. Deste xeito íamos darlle continuidade ás edicións precedentes, centradas en acabar con esta planta exótica nese rego e no das Bouzas, que xuntan as súas augas para vertelas no río Mandeo á altura de Chelo. Finalizada a charla, achegámonos ó monte da Espenuca, onde puideron coñecer directamente parte do noso traballo de restauración do bosque autóctono.

A eficacia do campo de traballo quedou de novo sobradamente demostrada, pois hoxe rematamos de pesa-los residuos. O balance foi un total de 1.176,20 kg de biomasa de tradescantia, cifra que supera o récord do ano pasado, máis os 107,25 kg de refugallos que apareceron baixo as plantas. Tras carga-los últimos residuos no remolque para o seu transporte, despedímonos agradecéndolles que viñeran de tan lonxe para axudarnos a mellorar o estado dos nosos enclaves naturais e animámolos a que participen, sempre que poidan, en xornadas de voluntariado ambiental nos seus lugares de orixe.

Aínda que as deste ano son cifras moi elevadas, non se deu acabado co foco de tradescantia; tampouco coa enorme cantidade de lixo do que aparenta ser un vello vertedoiro incontrolado. Xa que logo, teremos que programar proximamente unha xornada de voluntariado para remata-lo traballo.

Promovido por Fragas do Mandeo e solicitado polo Concello de Coirós, este campo está organizado pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia. A xestión corre a cargo de Ribeirán Proxectos Naturais, que acompañou en todo momento ó voluntariado cun director e dous monitores de apoio. Non podemos menos que desexar que siga a ter continuidade nos próximos anos, pois a súa eficacia é indubidable.


Un día intenso

18 Xuño 2026

 
Hai ocasións nas que vémonos co día plenamente ocupado en actividades que non están relacionadas directamente coa conservación e a restauración de hábitats. Aínda así non son tempo perdido, pois teñen a súa importancia. De feito, no caso de hoxe significaron un recoñecemento do noso traballo que nos motiva a continuar na mesma liña de actuacións en favor do noso patrimonio natural, liña que seguimos dende os nosos comenzos.

Falando con Suíza

Esta mañá mantivemos unha videoconferencia con Aptenia Foundation. Esta organización privada suíza, de carácter non lucrativo, ten como misión protexer e conserva-la natureza preservando a diversidade natural de plantas, animais, hábitats e paisaxes ó longo do planeta.

Logo de Aptenia FoundationA súa coordinadora de proxectos estaba interesada en coñece-lo noso traballo, polo que na longa charla que mantivemos puidemos explicarlle a nosa visión sobre como hai que aborda-la conservación da natureza na nosa bisbarra, indicando as actuacións que estamos a realizar na súa práctica diaria.

O feito de que unha organización internacional experimentada valore a importancia do noso patrimonio natural, e a eficacia das nosas actuacións no seu favor, abre a esperanza dunha froitífera colaboración.

Un mestrado en espazos protexidos

Xa pola tarde citámonos en San Xulián de Vigo (Paderne) cun grupo de 22 persoas do «Máster en Espazos Naturais Protexidos». Este curso de posgrao ten como finalidade proporcionar unha formación avanzada nos aspectos científicos, técnicos e sociais da conservación destes espazos. Está convocado conxuntamente por tres universidades españolas (a Autónoma e a Complutense de Madrid, máis a de Alcalá de Henares) a través de FUNGOBE e coa colaboración de EUROPARC-España.

Logo do Máster en Espazos Naturais ProtexidosÓ longo da andaina seguindo o curso do río Mandeo até o lugar de Chelo (Coirós), e coa participación dun monitor do CEIDA, fomos explicando os valores naturais que alberga a zona de bosque do espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo e da súa contorna inmediata. Obviamente, tamén comentámo-los distintos problemas de conservación e o xeito en que estamos a abordalos a través da custodia do territorio. A nosa perspectiva serviulles de contraste con outros enclaves do territorio español, pois as peculiaridades da nosa bisbarra obrigan a enfoques disímeis. Un aspecto que sorprendeu moito, tanto a alumnos coma a profesores, foi a estrutura da propiedade, pois descoñecían o seu minifundismo extremo e canto chega a complicarnos as actuacións de conservación.

Esperamos que as nosas explicacións lles teñan servido a alumnos e a profesores para asumir as enormes diferenzas entre os distintos territorios e a necesidade de encarar dende distintos ángulos as potenciais solucións ós problemas de xestión, conservación e restauración, pois sempre deben estar adaptadas ás circunstancias locais.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).