Derradeira xornada de voluntariado do 2017

27 Decembro 2017

 
Está a piques de rematar un ano funesto para os montes galegos. Xa que logo, nada mellor que despedilo traballando na rexeneración dos nosos bosques.

Foto dos voluntariosOs meteorólogos anuncian para o sábado unha breve pausa do tren de borrascas, deixando unha mañá de temperatura suave e co ceo parcialmente cuberto. Imos aproveitar esta oportunidade para achegarnos de novo a Espenuca, a continua-lo traballo que iniciamos o pasado día 19 de novembro na parcela de 1,6 hectáreas que custodiamos ó pé da ermida. O obxectivo é elimina-los eucaliptos que teñan quedado e rozar toxos, xestas e silvas, para que o mato non impida que medren as árbores autóctonas. Tamén haberá que limpa-la vexetación ó redor das árbores que plantamos, pois aínda son moi pequenas.

Para coñecer en detalle o que estamos facendo neste monte, podes consulta-lo apartado da campaña Fraga da Espenuca na nosa web.

No caso de quereres participar, por favor, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos.
Data: Sábado, 30 de decembro de 2017.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Foto dos voluntariosPost data: Tal como prognosticaron os meteorólogos, a ducia de voluntarios que se achegaron a Espenuca gozaron dunha magnífica mañá. Lograron completa-la corta de toxos e xestas no terzo inferior da parcela, ademais de arrincar algúns eucaliptos e acacias negras. Con esta acción na véspera de fin de ano demostraron o seu firme compromiso pola conservación das nosas fragas. A inicios do 2018 convocaremos una nova xornada para continua-lo traballo no resto da parcela.


Analizando o lixo de Cecebre

16 Decembro 2017

 
Foto dos voluntariosEsta mañá achegámonos ó espazo natural protexido ZEC Encoro de Abegondo-Cecebre invitados a participar nunha xornada de voluntariado ambiental organizada polo Grupo Naturalista Hábitat.

O lugar elixido foi a cabeceira do encoro formada polo río Barcés, no entorno de As Táboas. Unha ducia de voluntarios recolleu rapidamente todo o lixo da zona indicada. Nembargante, o lento e tedioso foi clasificala.

O obxectivo non era retirar un gran volume, se non caracterizar detalladamente a composición, orixe e tamaño dos residuos para remitir esa información ó proxecto Libera que está desenvolvendo SEO/Birdlife e Ecoembes. Estas dúas entidades queren coñecer a fondo o fenómeno do littering, o emporcallamento xeneralizado debido á presenza de lixo por todas partes, pois está a afectar gravemente ó medio ambiente.


Pontevedra coñece o noso traballo

25 Novembro 2017

 
Imaxe do cartelHoxe estivemos en Pontevedra presentando o traballo de Fragas do Mandeo nun marco destacable, a I Xornada Galega de Patrimonio Natural e Biodiversidade. Organizada pola sección pontevedresa da Sociedade Galega de Historia Natural e celebrada na Escola Universitaria de Enxeñaría Forestal, contou coa participación de 11 relatores que abrangueron multitude de temas, dende os incendios forestais até software de seguimento de fauna, pasando pola información ambiental ou os problemas ambientais que causan os microplásticos. Unha xornada moi interesante que contou con numeroso público e da que os organizadores confían en darlle continuidade.


Recuperando a fraga da Espenuca

19 Novembro 2017

 
Esta mañá once voluntarios visitaron a aba norte do monte da Espenuca, para traballar na parcela de 1,6 hectáreas que custodiamos por 50 anos. Situada ó pé da ermida, hai dous anos que iniciámo-lo proceso para transforma-lo seu eucaliptal nunha fraga.

Foto dos voluntariosNa primeira metade deste ano fixemos dous repasos para elimina-los eucaliptos que naceron de semente (xa quedan moi poucos que afillen de cepo). Co verán os fieitos, os toxos e as xestas dificultaban localizalos e incluso acceder a eles. Tampouco puidemos rozar, pois a seca facilitaba que prendera lume calquera chispa da desbrozadora. Nin era aconsellable, pois na intensa calor deste verán, a vexetación daba sombra e proporcionaba humidade ás árbores que tiñamos plantado.

Hoxe aproveitámo-lo tempo solleiro, agradecendo que a vexetación non amencera mollada polo resío. Un voluntario terminou de limpa-los camiños interiores, labor que xa comezara un par de días antes. O resto estivo arrincando os eucaliptos e cortando os toxos e as xestas (moitas delas medían máis de dous metros de alto).

Liberadas de toda esta vexetación, os voluntarios puideron localiza-las árbores que plantáramos e aquelas que naceron espontaneamente de semente. A inicios da próxima primavera non atoparán dificultades para medrar dereitas. Tamén comprobaron como o solo cubriuse de musgo e de vexetación de menor porte, unha magnífica defensa contra o risco de erosión nunha parcela con tanta pendente. A mellora do hábitat vai notándose tamén na fauna, pois traballando atoparon unha píntega (Salamandra salamandra) e un sapo común (Bufo spinosus).

Aínda quedan varias xornadas máis para rematar estas importantes labores silviculturais: Restaurar un bosque é moito máis que plantar árbores. Se queres participar nas próximas convocatorias e aínda non estás na nosa lista de correos, ponte en contacto connosco. Na sección Contacto tés tódolos detalles.


Atarefados na reserva do Catorce

29 Outubro 2017

 
Hai un mes celebramos a sexta edición da Semana de Custodia, na que o intenso traballo dos voluntarios produciu uns resultados realmente satisfactorios. Pero xa era hora de acometer tarefas que tiñamos pendentes.

Foto dos voluntariosHoxe pola mañá, dez voluntarios foron traballar á reserva de anfibios do Catorce. O primeiro dos obxectivos era renovar unha das pozas. Aproveitando que a seca baixoulle moito o nivel da auga, puidemos retira-lo exceso de vexetación. Deste xeito seguirá mantendo unha zona coa superficie totalmente despexada, gañando así unha diversidade que favorece os requirimentos ecolóxicos de distintas especies.

Foto dos voluntariosTamén había que dar un repaso a dúas especies exóticas invasoras que aínda non demos erradicado. Os voluntarios acabaron co eixerón (Conyza canadensis) en toda a canteira, enchendo once sacos de 100 litros. Pola contra, soamente eliminaron o xunco Cyperus eragrostis na terraza superior. Segundo evolucione nesa zona, decidiremos se é factible erradicalo tamén na explanada inferior, onde é moi abundante.

Por último, rozamos cunha desbrozadora os toxos na linde oeste, pois estaban a medrar moito, impedindo o paso.


Retornando ó cotián

12 Outubro 2017

 
A sexta edición da Semana de Custodia do Territorio foi todo un éxito, pero xa ten rematado e a natureza segue precisando dos nosos esforzos.

Foto do lixo recollidoAproveitando a data festiva, hoxe un dos nosos voluntarios achegouse ó río Mandeo para revisa-la reaparición de especies exóticas invasoras no tramo entre a pontella de Chelo e a ponte de Teixeiro, e de paso recolle-lo lixo ciscado con excesiva frecuencia neste transitado treito.

Localizou unhas poucas plantas de crocosmia e de tradescantia, pero buscando lixo atopouno dabondo oculto no monte preto do camiño: 71 botellas de vidro, dúas rodas, unha batería de coche e refugallos variados cos que encheu un saco de 100 litros.

Todos podemos facer algo pola natureza. Se queres estar informado das próximas xornadas de voluntariado ambiental, ponte en contacto connosco. Na sección Contacto tés tódolos detalles.


¿Que fixemos na VI Semana de Custodia?

2 Outubro 2017

 
Tal como estaba programado, a xornada inaugural da sexta edición da Semana de Custodia Custodia iniciada o sábado día 23 contou coa presenza en A Senra (Bergondo) de tres conferenciantes de elevado nivel que nos transmitiron os seus coñecementos sobre as praderías mariñas, a restauración da vexetación dunar e a plastificación dos océanos. Mágoa dalgún problema técnico e do reducido número de asistentes (25 persoas), compensado polo gran interese nos distintos temas amosado nas preguntas realizadas e nos longos desprazamentos dalgúns membros do público. Isto fainos pensar na necesidade de mellora-la comunicación do evento nas próximas edicións.

O domingo día 24 o prognóstico meteorolóxico de bo tempo fallou. Malia choiva, 15 persoas pasaron a mañá mellorando o estado ecolóxico da praia Grande de Miño. Un grupo de catro voluntarios dedicouse a corta-los mioporos próximos á ponte. Coas pólas e troncos fixeron dúas grandes moreas; para transportalas, os traballadores do Concello de Miño precisaron facer tres viaxes co tractor. O resto dos voluntarios estivo repasando todo o sistema dunar na procura de especies exóticas invasoras e de lixo. Cos refugallos soamente encheron unha saca tipo big bag (a campaña municipal de limpeza estival rematou recentemente). En canto a invasoras, encheron dúas sacas cos restos de 5 especies. Dúas delas reapareceron tras ser erradicadas en anos anteriores, pois atopamos dúas manchas pequenas de uña de gato e catro plumachos. Tamén esperamos ter erradicado definitivamente a vinca, pois tras dous anos eliminándoa, soamente apareceron catro exemplares. As outras plantas eliminadas foron o eixerón e o áster.

Xa que logo, o balance do traballo realizado dende marzo de 2015 na praia Grande é:

uña de gato (Carpobrotus edulis)
plumacho (Cortaderia selloana)
vinca (Vinca difformis)
eixerón (Conyza canadensis)
áster (Aster squamatus)
crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora)
mioporo (Myoporum laetum)
margarida africana (Arctotheca calendula)
yuca (Yucca gloriosa)
lirio azul (Iris germanica)

O luns un par de voluntarios eliminaron dúas ducias de plumachos na zona norte da marisma, aínda que deixaron por arrincar cinco matas de gran porte, das que primeiro retiraron as inflorescencias e logo cortáronas polo pé. Tamén cortaron os mioporos nesta zona, polo que agora unicamente quedan os que forman unha sebe na beira da estrada.

Con isto non remata o traballo, pois na zona dunar están presentes diversas árbores exóticas (robinia, acacia negra, chopo híbrido, eucalipto, plátano de sombra) e algunha herbácea invasora como é a grama americana (Stenotaphrum secundatum). Na marisma tamén quedan outras como o senecio (Senecio mikanioides) ou o té americano (Bidens aurea). Pero imos avanzando.

Finalmente, a choiva respectou ós voluntarios cando a última hora da mañá gozaron dun momento de convivencia charlando mentres degustaban unhas viandas subministradas pola organización.

O sábado día 30 un grupo de 21 persoas limpamos o río Callou (Bergondo); de paso tamén eliminamos algunhas invasoras. Non foi o ano no que máis camiñamos (soamente 2 km), pero si no que máis lixo recollemos. Preto do inicio do itinerario estaba a maior concentración de lixo de todo o percorrido, polo que tiñamos pedido ó Concello de Bergondo que nos instalara alí un contedor industrial. Tivemos que empezar retirando a tradescantia (Tradescantia fluminensis) que cubría os refugallos, pois é unha invasora de orixe suramericana. Ó pouco de poñernos a traballar, xa tiñamos cheo o contedor. Para aproveita-lo tempo, mentres a empresa de tratamento de residuos levábao e traía outro baleiro, continuámo-la ruta. En tres puntos máis atopamos vertidos, principalmente plásticos e ferros, pero en menor cantidade. Ó final do itinerario arrincamos varios pes de ligustro asiático (Ligustrum ovalifolium) e recollemos dúas pranchas de uralita. Paralelamente, tres voluntarios foron percorrendo o río polo leito, retirando refugallos e apuntando a localización das especies invasoras. Xa de volta ó punto de partida, enchémo-lo segundo contedor. Como remate da xornada de traballo, degustámo-las viandas e as bebidas que proporcionámo-los organizadores. O balance foi de aproximadamente 11 m3 de lixo e de entullos, máis 2 m3 dos restos vexetais das invasoras.

Onte, domingo día 1, celebramos a cuarta edición da eco-regata para limpar deportivamente a marisma de Betanzos. Reunímonos pola maña no porto, ameazando o orballo con arruinarno-la xornada. Pero pronto parou e as 62 persoas inscritas dividímonos en equipos para dirixirnos en barca á punta da Ostreira a bordo do Froján, a Chico, o Bicho, a Sin Frenos e o Arguider. Unha vez desembarcados, un equipo marchou ó punto onde se acumulaba máis de medio cento de rodas de camión e o resto púxose a apañar lixo nos tramos asignados. Coa axuda dunha grúa subimos á estrada 65 rodas e as sacas cargadas coas bolsas de refugallos apañados nas proximidades, coas que enchemos a rebordar un contedor industrial de 10 m3. Sumando o acumulado noutros puntos, en total retiráronse 14 m3 de lixo e 72 rodas (62 de camión, 1 de tractor e 9 de coche).

O balance: 26,5 m3 de residuos, 72 pneumáticos e 19 m3 de restos vexetais de especies exóticas

Paralelamente, no porto de Betanzos os cativos e un par de adultos encheron un contedor urbano e recolleron 3 rodas de coche. Cando chegamos de volta tiñan feito unha cara sorrindo con refugallos. Cansos e famentos como viñamos, os voluntarios non esperamos ó resultado do concurso de refugallos máis orixinais, botándonos á comida e á bebida dispostas no porto e compartindo as tres empanadas dos premios. Momento de falar das aventuras e de rir coas incidencias que se solucionaron cunha ducha e unha lavadora.

Hoxe un par de voluntarios achegáronse á tarde para completa-lo traballo, avaliando os resultados e recollendo as uralitas que quedaban no esteiro e nos noiros. En total foron 1,5 m3 de cachos dun material que contén amianto contaminante.

Así rematou a Semana, na que temos que agradecer ós voluntarios todo o seu esforzo (¡incluso sete deles viñeron de Santiago!), ós conferenciantes, ós concellos colaboradores (especialmente ó de Bergondo pola súa gran implicación, pero tamén ós de Miño e de Betanzos), ós equipos de Protección Civil de Bergondo e de Betanzos, e a Comercial Vicente de la Fuente.

Queda pendente para outras ocasións continuar coa eliminación das especies exóticas invasoras na praia Grande Miño, eliminar no río Callou os numerosos focos de tradescantia, volver á ría a recoller unha ducia de rodas que quedaron alí por falta de tempo e para continuar a limpeza en máis tramos. ¡Todo se andará!


Todo listo para a VI Semana de Custodia

7 Setembro 2017

 
Xa temos todo preparado para celebrar a finais de setembro a sexta edición da Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. En liña de continuidade coas edicións anteriores, complementaremos a xornada de conferencias con tres de voluntariado.

Imaxe do programa da VI Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo O programa deste ano está centrado no noso litoral, moi afectado pola intensa presión que causa a gran densidade poboacional da franxa costeira. A xornada de charlas amosará tres facetas distintas da nosa ría, o que nos permitirá coñecer mellor o seu estado de conservación e as ameazas sobre os hábitats que alberga. Nas xornadas de voluntariado actuaremos directamente fronte a dous graves problemas ambientais, as especies exóticas invasoras e o lixo que acaba no mar, no que destacan os plásticos.

A Semana volve a estar organizada conxuntamente entre a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e Fragas do Mandeo. O financiamento corre totalmente a cargo da primeira, pois nós destinamos o 100 % das doazóns que recibimos a mercar montes de interese ambiental e, xa que logo, non dispoñemos de medios económicos propios para actos deste tipo.

Por favor, descarga o programa, o cartel da Semana e o cartel da eco-regata para compartilos no teu entorno persoal e redes sociais: así facilitarás que cheguen a tódolos interesados en participar.

Para apuntarte nas actividades, por favor, ponte en contacto coa organización no teléfono 981 105 903 ou envía un correo electrónico a correo@fragasdomandeo.org cos teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento, móbil e actividades nas que te apuntas). Deste xeito terás un seguro de accidentes e recibirás indicacións detalladas por adiantado.

Xornada sobre a necesidade de conserva-la costa: Como acto central da Semana programouse un conxunto de charlas titulado A necesidade de conservar o noso litoral mediante custodia do territorio. Trala apertura a cargo da alcaldesa de Bergondo, Dª. Alejandra Pérez, e do presidente da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, D. José Antonio Santiso, faremos un breve resumo dos logros acadados por Fragas do Mandeo nestes sete anos de andadura, nos que estivemos a traballar intensamente na restauración dos nosos bosques autóctonos e na conservación dos ríos, da marisma e das praias.

Imaxe do cartel da IV Eco-regata Ría de BetanzosA primeira conferencia correrá a cargo da bióloga mariña Dª. Verónica García, investigadora da Universidade da Coruña, que nos explicará a importancia ecolóxica das praderías mariñas, uns hábitats conformados na nosa ría por tres especies de fanerógamas (plantas con flores) subacuáticas, que tamén aloxan algas e innumerables seres mariños, facendo delas indicadores da calidade do ecosistema. O segundo bloque de charlas comezará trala pausa de media mañá. Primeiro intervirá o paisaxista e biólogo experto en restauración ambiental D. Antón Bouzas, para transmitirnos o seu coñecemento sobre os areais da nosa bisbarra, a composición da súa flora e o nivel de degradación que sofren, explicando as técnicas de restauración que poderían aplicarse. Por último, o oceanógrafo químico Dr. Jesús Gago, investigador do Instituto Español de Oceanografía en Vigo, explicará a extensión e gravidade da contaminación por plásticos que están a sufrir tódolos mares do planeta e a maneira como afecta ós distintos elos da cadea alimentaria.
Data: Sábado 23 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Centro Multiusos A Senra (Bergondo).

Voluntariado en Miño: A primeira xornada de voluntariado ambiental estará centrada na eliminación da flora exótica invasora que ameaza a biodiversidade da praia Grande de Miño. Como sempre, retiraremos de paso todo o lixo que poidamos. Nos últimos tres anos temos arrincado nesta praia uña de gato (Carpobrotus edulis), plumachos (Cortaderia selloana), crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora), vinca (Vinca difformis), margarida africana (Arctotheca calendula), yuca (Yucca gloriosa) e lirio azul (Iris germanica). Revisaremos a reaparición destas e doutras novas que teñan aparecido. Igual que nas ocasións anteriores, contamos coa colaboración do Concello de Miño. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 24 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Praia Grande de Miño.

Imaxe do cartel da VI Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do MandeoLimpeza simultánea de ríos: Este ano é a décima edición da limpeza simultánea de ríos de toda Galicia que coordina o Proxecto Ríos. Para nós será a quinta edición na que colaboramos (farémola a véspera da xornada oficial por razóns organizativas). O ano pasado participamos 762 persoas de 59 entidades, e logramos retirar case 13 toneladas de lixo en 48 tramos de río. Este ano cambiamos de río, pois imos achegarnos ó río Callou coa intención de recoller canto refugallo atopemos no tramo comprendido entre as proximidades da estrada N-VI e a súa desembocadura en Miodelo. Son 3 km de percorrido por un bosque diverso que sobrevive nun entorno moi urbanizado. O traxecto non é dificultoso, pero convén vestir calzado e roupa axeitados para andar polo monte, ademais de levar luvas. Por favor, ponte en contacto connosco previamente no caso de quereres participar. Máis datos na folla informativa.
Data: Sábado 30 de setembro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Partiremos dende o Centro de Saúde de Betanzos.

Eco-regata na ría de Betanzos: O lixo que recollemos na marisma nas tres edicións anteriores encheron cinco contedores industriais, sumando un volume total de 40 m3. Ademais de volver a apañar tantas botellas, plásticos e refugallos varios como en anos anteriores, nesta ocasión témo-lo obxectivo engadido de retirar medio cento de pneumáticos ciscados ilegalmente na marisma. Para conseguilo apelamos á sensibilidade da cidadanía, animando a todo o mundo a participar nesta competición lúdica na que a rivalidade será por coida-la ría. As embarcacións partirán cos equipos de voluntarios do porto de Betanzos con rumbo a Mariñán, onde haberá que afanarse para poder se-lo que máis lixo recolle e o que atope o refugallo máis singular. No porto haberá comida, bebida, música e actividades infantís. Colaboran Amigos dos Ríos de Betanzos, Asociación Ría do Pedrido, Lar de Unta, Roxín Roxal e Casa Castillo Betanzos. Tamén colaboran os concellos de Bergondo e de Betanzos, Protección Civil, restaurante Casa Vidal e comercial Vicente de la Fuente. Ponte en contacto connosco se queres participar, aínda que non teñas lancha. Máis datos na folla informativa.
Data: Domingo 1 de outubro, de 9:30 a 14:00 horas.
Lugar: Porto de Betanzos.

A axenda cultural local está chea de actividades ó longo do ano. Pero a Semana de Custodia é un evento único, pois proporciona ás persoas preocupadas polo patrimonio natural da nosa bisbarra a oportunidade de actuar de xeito directo, eficaz e coordenado na súa conservación.

Non deixes pasar esta ocasión. ¡Paga a pena!


Menos xardinería no río

7 Setembro 2017

 
Nos últimos días estivemos eliminando especies exóticas no entorno do Centro de Interpretación de Chelo e do muíño de maquía. Ademais de invasoras como o ligustro asiático (Ligustrum ovalifolium) ou a hortensia (Hydrangea sp.), tamén retiramos catro especies exóticas coas que hai tempo se axardinou a beira do río: o evónimo xaponés (Euonymus japonicus), a madreselva china (Lonicera ligustrina ssp. yunnanensis), a celinda (Philadelphus coronarius) e a roseira gabeadora (Rosa sp.). Todas estas plantas exóticas, con independencia do seu carácter invasor, están ocupando espazo nun hábitat cualificado como prioritario pola Unión Europea (91E0 Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior) no que teñen que dominar ameneiros, freixos, dentabrúns e outras especies autóctonas. Precisamente a importancia deste hábitat deu lugar á declaración de espazo natural protexido para o río Mandeo.

Foto dos voluntariosNon foi fácil, debido á pendente do terreo, ó substrato no que imperaban as pedras e ó gran tamaño dalgúns exemplares, cuxos restos ocuparon 5 m3. Pero con esta actuación rematamos coa eliminación dos últimos representantes que quedaban destas especies exóticas no tramo de 6 km de lonxitude que apadriñamos no río Mandeo, comprendido entre o pozo do Caneiro e a ponte de Teixeiro.

Tamén dedicámoslle tempo a repasa-la presenza da tradescantia (Tradescantia fluminensis), tanto nas zonas onde a erradicamos coma onde actuaron os voluntarios do campo de traballo internacional. Pero aínda nos queda faena: o próximo domingo continuaremos coa súa eliminación nas ruínas do sanatorio do Bocelo.

Como o río leva moi pouca auga a causa da seca, aproveitamos para recoller cachos de ladrillos, tellas, azulexos, vidros e outras formas de escombro no pequeno brazo de río da área recreativa. Aínda que son elementos inertes, restan naturalidade a este espazo no que a beleza tamén é un aspecto importante. Por iso ninguén botará de menos o escombro co que enchemos oito esportas.

Dado que estamos no tempo en que as abeleiras frutifican, estivemos recollendo abelás para sementar cando chegue o momento axeitado nos montes que estamos reforestando.

Por último, hoxe, para non esquecernos do litoral, tres voluntarios volveron á praia da Alameda co obxectivo de repasa-las invasoras e recoller lixo. Tendo en conta que a última xornada nela foi o 18 de xuño, sorprendeunos os poucos refugallos que atopamos. Tamén foi gratificante comproba-la escaseza de eixerón (Conyza canadensis) e de Aster squamatus onde tiñan traballado os voluntarios. Localizamos unha reaparición de crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora) nun dos aparcadoiros e soamente atopamos catro pequenos plumachos (Cortaderia selloana). Aínda así, rematamos cargando con 6 sacos de restos vexetais, pero satisfeitos recordando como era esta praia antes de que a apadriñáramos, limpáramos e elimináramos nove especies exóticas invasoras.


Volveremos a eliminar tradescantia o día 10

3 Setembro 2017

 
Para o próximo día 10 programamos a terceira xornada de voluntariado ambiental co obxectivo de elimina-la tradescantia (Tradescantia fluminensis) presente nas ruínas do balneario do Bocelo. Nas dúas xornadas anteriores conseguimos acabar con ela no interior dos dous edificios e no exterior a carón deles, pero falta eliminala no espazo que os separa. ¿Seremos capaces? De xuntarse xente suficiente, conseguiremos erradicar definitivamente este foco, un dos dous últimos que quedan desta especie exótica invasora no tramo de 6 km que apadriñamos no río Mandeo.

Como esta planta sudamericana é moi doada de arrincar, non se utilizarán outras ferramentas que algún anciño. Soamente se precisan unhas luvas delgadas (serven as de pintar ou as de fregar) e tamén poden ser útiles uns protectores para os xeonllos. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

No caso de quereres participar, por favor, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Se queres coñece-los avances na eliminación de invasoras, podes consulta-lo apartado da campaña Ríos na nosa web.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos.
Data: Domingo, 10 de setembro de 2017.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Foto dos voluntariosPost data: Unha temperatura agradable e a ausencia de choiva permitíronnos ás doce persoas que participamos nesta terceira xornada de voluntariado ambiental rematar de eliminar a tradescantia nas ruínas do balneario do Bocelo. Agora toca revisa-la zona periodicamente para evitar que reapareza. Para outra ocasión queda o foco situado no entorno da minicentral do Zarzo, o último que queda desta especie exótica invasora no tramo que apadriñamos no río Mandeo.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).