E pola tarde unha charla en Teixeiro

28 Maio 2016

 
Se pola mañá estivemos na radio, pola tarde achegámonos ó Centro Etnográfico de Teixeiro a dar unha charla, invitados pola Escola de Tempo Libre Querqus.

Nesta fin de semana está a impartir o bloque formativo de contidos de aire libre e campismo a dezaseis alumnos do primeiro curso do ciclo superior de formación profesional que están a prepararse simultaneamente como técnicos en animación de actividades físicas e deportivas e como monitores de actividades de tempo libre no IES Agra do Orzán.

Na nosa charla informámoslles dos principais problemas ambientais da nosa bisbarra e das actuacións de Fragas do Mandeo para abordalos mediante apadriñamento e custodia do territorio. Insistimos na importancia de dedicar parte do noso tempo libre á conservación da natureza e estimulámoslles a que dentro da súa futura actividade profesional fomenten este compromiso a través das actividades que organicen en concellos, clubs e asociacións, axudando así a preservar os nosos espazos naturais.

Agradecemos esta magnífica oportunidade de divulgar o noso traballo á Escola de Tempo Libre Querqus e ó IES Agra do Orzán.

Foto dos alumnos


Na Radio Galega con Octavio Villazala

28 Maio 2016

 
Hoxe a nosa voz circulou polas ondas hertzianas. O coñecido adestrador de cans Octavio Villazala invitounos ó seu programa Bicherías, emitido pola Radio Galega a partires das 13:00 horas, para falar de Fragas do Mandeo e dos animais silvestres que habitan os montes da nosa bisbarra.

A participación no seu programa foi unha magnífica ocasión para difundi-lo noso traballo. Canta máis xente nos coñeza maior apoio social teremos, o que significará un incremento na nosa capacidade de actuación, sempre insuficiente diante das necesidades de conservación dos nosos espazos naturais.

Foto de Octavio Villazala


A Espenuca un ano despois

7 Maio 2016

 
Esta mañá vintecatro voluntarios estiveron na Espenuca secando eucaliptos. Na parcela que está na aba norte, xusto baixo a capela, repasaron os cepos que aínda non secaran e arrincaron de raíz os eucaliptos que tiñan nacido de semente esta primavera.

Foto dos voluntariosHai un ano asinamos un acordo de custodia do territorio co Concello de Coirós que incluía, entre outras, esta parcela de 16.846 m2. Naquel momento, os eucaliptos afillaran trala última corta e xa eran máis altos que unha persoa. Agora o monte está limpo e soamente medran árbores autóctonas. Unha senda sinalizada cruza a parcela, de xeito que os visitantes poidan visitala, atravesando no seu camiño un tramo de carballeira en bo estado de conservación. Un panel informativo permite identificar nove especies de árbores presentes na zona e un par de bancos rústicos permiten descansar gozando dunhas vistas que antes non existían.

O cambio radical que neste tempo sufriu a parcela demostra a eficacia da custodia do territorio como instrumento de conservación da natureza e a capacidade de traballo de Fragas do Mandeo. Nas actuacións realizadas participaron tanto profesionais (roza inicial, corta de eucaliptos e un par de repasos ós cepos), como voluntarios, que se encargaron do resto do traballo, dende o deseño do cartel até a creación da senda. Por iso queremos agradece-lo esforzo dos 31 voluntarios que destinaron en total 386 horas do seu tempo para a recuperación ecolóxica deste sector da Espenuca.

O traballo non rematou, pois temos diante o reto de recuperar outras dúas parcelas incluídas no convenio. Están situadas na mesma zona e suman unha superficie de 47.082 m2, presentando a dificultade engadida de que están cheas de eucaliptos e o relevo é escarpado.


Convocados para rematar eucaliptos

28 Abril 2016

 
O sábado 7 de maio imos achegarnos ó monte da Espenuca para rematar de secar eucaliptos e arrinca-los que teñan nacido de semente.

O ano pasado empezamos a restaurar esta parcela de 16.846 m2 situada na aba norte do monte, xusto baixo a capela. Poderemos ver como botan as primeiras follas os carballos que plantamos o ano pasado e tamén se prenderon os exemplares de seis especies distintas que plantamos hai un mes.

Pero os eucaliptos non renuncian a librar a súa batalla, pois algúns cepos afillaron e outros naceron de semente. O traballo será sinxelo: cortar cunha macheta os fillos, aproveitando que agora son pequenos, e arrincar de raíz os que naceron de semente.

Logo de Tejiendo RedesCon esta actuación sumámonos ás máis de 30 entidades que están a celebrar o día de axuda a conservar un espazo en custodia que organizan a Obra Social “la Caixa” e a Xarxa de Custòdia del Territori, dentro do programa Voluntariado y Custodia del Territorio, que forma parte do seu proxecto Tejiendo redes para la custodia del territorio en España 2015-2016. O obxectivo deste programa é implicar á sociedade civil na conservación do noso patrimonio natural, difundindo a importancia da súa preservación, os seus valores sociais e como a custodia do territorio axuda a conseguir eses fins.

O punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos. Como igual non chegan as ferramentas para todos, mira de levar unha macheta. Tamén é aconsellable levar unhas luvas de coiro, vestir roupa e calzado axeitados para traballar no monte, e non esquecer algo de picar e de beber para cando fagamos o descanso a media mañá.

Se estás interesado en ser parte activa da transformación dun eucaliptal nunha fraga, apúntate a esta xornada de voluntariado ambiental enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarte cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e nos facilitarás a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Sábado, 7 de maio de 2016.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.


Campo internacional de traballo en Espenuca

22 Abril 2016

 
Hoxe abriuse o prazo para inscribirse no campo internacional de traballo que vai desenvolverse este verán no monte da Espenuca.

Foto dun voluntarioEntre os días 20 e 31 de agosto os voluntarios colaborarán connosco no mantemento das parcelas que temos conveniadas co Concello de Coirós. Os traballos a realizar consistirán principalmente en diversas tarefas de recuperación do bosque autóctono, entre as que se atopan a eliminación de eucaliptos e acacias negras. Pero non todo será traballar, pois o programa contempla actividades culturais e turísticas que permitirán ós voluntarios coñece-la nosa bisbarra. Nel poden participar persoas de entre 18 e 30 anos, téndose reservado algunhas prazas para aquelas procedentes do estranxeiro e doutras comunidades autónomas.

Os campos de traballo son unha ferramenta de educación non formal que abrangue experiencias de participación e de voluntariado. Con eles promóvese a implicación da xuventude na sociedade, facilitan os intercambios entre territorios e buscan fomenta-los valores de convivencia, de tolerancia e de traballo en equipo.

Promovido por Fragas do Mandeo e solicitado polo Concello de Coirós, este campo está organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. A xestión correrá a cargo de Ribeirán Proxectos Naturais, contando con Jesús Díaz como director.

Para obter máis información e inscribirse, consulta a ficha do campo de traballo Monte da Espenuca.


Traballo en Sobrado

17 Abril 2016

 
Foto do observatorioNa lagoa de Sobrado custodiamos en propiedade un par de parcelas. Nunha delas está o observatorio ornitolóxico. Cada certo tempo achegámonos por alí para limpalo e de paso recolle-lo lixo que aparece nas parcelas, nas beiras da lagoa e no tramo de camiño xacobeo que pasa a carón dela.

O pasado domingo atopámonos con que o vento tirara varios salgueiros. Aínda que non romperon nada, quedaron apoiados contra o tellado do observatorio, cegando a visión a través das súas fiestras. Por este motivo un par de voluntarios volveron hoxe a Sobrado para retiralos e así recupera-la súa funcionalidade: Os afeccionados ás aves o agradecerán, especialmente cando chove.


Vigo coñecerá o noso traballo

15 Abril 2016

 
A próxima semana vai celebrarse en Coruxo (Vigo) unha xornada sobre a eucaliptización titulada De Asturias a Coruxo: Endemismos, fragas e moitos eucaliptos, organizada polo Colectivo Matogueira e o Grupo Naturalista Hábitat.

Fragas do Mandeo está convidada a explicar en qué consiste a custodia do territorio e, baseándonos na nosa experiencia, amosa-lo potencial desta fórmula de conservación da natureza ante este fenómeno. Nos últimos anos temos eliminado eucaliptos en varios montes que custodiamos mediante compravenda ou cesión a longo prazo, co obxectivo de transformar parcelas sen rendibilidade forestal en hábitats óptimos para as nosas fauna e flora autóctonas.

Ademais de representantes das entidades organizadoras, participarán David Álvarez, da Universidade de Oviedo, e Antón Masa, da Asociación para a Defensa da Ría de Pontevedra.

Máis información descargando o programa.

Lugar: Local da Comunidade de Montes de Coruxo, subida á capela de San Sebastián nº 23, Fragoselo (Vigo).
Data: Sábado, 23 de abril de 2016.


Semana activa

28 Marzo 2016

 
Foto dos voluntarios Aínda que onte non celebrámo-lo habitual rastrillo do domingo de Semana Santa, pois o prognóstico meteorolóxico era desfavorable, non por iso estivemos parados os últimos nove días.

Primeiro rematamos de secar cepos de eucaliptos no monte que temos en Os Vellos (Coirós). Logo fixemos nel barreiras para deter a potencial erosión nun par de puntos e, posteriormente, catro experimentados voluntarios estiveron cortando un grupo de eucaliptos que aínda quedaban en pé. Con parte da madeira elaboraron uns bancos para poder descansar comodamente baixo a sombra dos carballos en futuras xornadas de voluntariado ambiental, e o resto será utilizada nas prácticas dos cursos de monitores de actividades de tempo libre que organiza un dos nosos colaboradores.

Foto de mióporoTamén pasamos polas praias da Alameda e Grande de Miño, onde revisamos a presenza de especies exóticas invasoras. Na primeira arrincamos 51 plumachos e 2 mióporos; na segunda eliminamos media ducia de plantas pequenas de uña de gato e outras tantas de crocosmia, pero o máis do tempo dedicámolo a arrinca-la vinca que reapareceu nos tres focos nos que traballamos o ano pasado. É importante repasar con frecuencia as zonas onde se ten actuado, para así cortar canto antes calquera reaparición.

Por último, na parcela que está na aba norte do monte da Espenuca, baixo a capela, un voluntario reforzou con 80 árbores autóctonas a plantación que fixémo-lo ano pasado. Os 40 carballos, 25 loureiros, 13 sabugueiros, un sanguiño e un estripeiro plantados son de ecotipos locais, pois proveñen dunha parcela da bisbarra onde naceron espontaneamente. Quedaron ben regados pola choiva caída esta fin de semana, polo que esperamos que prendan ben, medren con forza e formen unha fraga de arborado diverso que dea acubillo a múltiples especies de flora e fauna.

Resumindo, unha semana moi frutífera.


Carral interésase pola custodia

16 Marzo 2016

 
Invitados pola Asociación EcoCultural Lacrar, imos achegarnos a Carral este venres para explicar en que consiste a custodia do territorio e expoñe-lo avance das campañas que ten en marcha Fragas do Mandeo en favor da conservación da biodiversidade de As Mariñas. Ó remate da charla, haberá un tempo para que os asistentes poidan facer aquelas preguntas que consideren oportunas para afondar nos aspectos que máis lles interesen.

Lugar: Cervexería IVI’S, Carral.
Data: Venres, 18 de marzo de 2016.
Hora: 20:00.


Voluntarios realmente eficaces

13 Marzo 2016

 
Foto dos voluntarios

Está mañá un grupo de 20 voluntarios estiveron traballando nas parcelas que custodia Fragas do Mandeo na ribeira do Mendo para celebra-lo Día das especies autóctonas, promovido polo proxecto Tejiendo Redes, da Xarxa de Custòdia del Territori e a Obra Social “la Caixa”.

O día parecía escollido, pois amenceu soleado e cunha temperatura grata. Os voluntarios iniciaron a xornada cun itinerario para coñece-las parcelas custodiadas. Así puideron observar nelas as delicadas flores dos Narcissus asturiensis, especie catalogada oficialmente como ameazada, e a calidade do bosque de ribeira, un hábitat prioritario.

Rematado o paseo, os voluntarios dividíronse en grupos e colleron as ferramentas para poñerse a traballar con decisión. Os resultados superaron totalmente as expectativas. Na parcela de 3.465 m2 onde medraban os eucaliptos, agora non queda ningún, malia que medían máis de catro metros e o monte estaba cuberto de silvas que dificultaban o traballo. Na beira do río, arrincaron preto de 60 ligustros asiáticos Ligustrum ovalifolium e canta Crocosmia x crocosmiiflora atoparon. Tamén cortaron os 5 exemplares de Platanus x hispanica. Pola contra, a fraxilidade da Tradescantia fluminensis enganounos, pois aínda que aparentemente é sinxelo arrincala, en realidade custa moito precisamente por romper facilmente ―cada cachiño pode prender e producir unha nova planta― e non se puideron usar anciños por culpa das silvas e das poliñas caídas dos eucaliptos.

Os que recollían lixo non se quedaron atrás, enchendo até os topes un remolque de 4,8 m3 de volume con todo tipo de refugallos: un retrete, tres rodas, os asentos dun coche, unha moto despezada…

Resumindo: unha xornada moi produtiva que demostra que os voluntarios poden facer moito pola conservación da natureza. O noso agradecemento a todos eles.

Queda para o futuro rematar de elimina-la tradescantia, secar varios pés de Robinia pseudoacacia e cortar uns eucaliptos de gran tamaño que hai noutra das parcelas, para así dar por concluída a erradicación de especies exóticas neste enclave.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).