Rastrillo no Trail Terras do Mandeo

29 Maio 2015

 
Aínda que habitualmente facémo-los rastrillos en Betanzos o primeiro domingo de mes, o próximo vai se-lo sábado día 6 de xuño e situarase no Cantón da praza desta vila. ¿Por qué eses cambios?

Nese día vai celebrarse a terceira edición do Trail Terras do Mandeo, que terá a liña de saída e de meta no Cantón (na praza do Campo, detrás do palco da música).

Tal como informamos anteriormente, grazas á colaboración de Bioetanol Galicia, os organizadores da proba (Campo IV Consulting, Concello de Betanzos e ACEBE CCA) doarán a Fragas do Mandeo o 50% dos ingresos das inscricións, para que os dediquemos a seguir custodiando os bosques de ribeira e a mercar parcelas de interese ambiental que serán destinadas a perpetuidade á conservación da biodiversidade local.

Os nosos rastrillos son unha importante fonte de ingresos que nos posibilita continuar na defensa dos espazos naturais da nosa bisbarra. Pero nesta ocasión tamén vai permitirnos difundi-lo traballo de Fragas do Mandeo entre os participantes e o numeroso público que esperamos asista a este evento. Será unha magnífica oportunidade para explicar como a custodia do territorio é un instrumento moi eficaz para preserva-los nosos espazos naturais.

Non deixes de acudir para aplaudir a estes atletas comprometidos coa conservación do río Mandeo.

E se queres darlles unha segunda utilidade a aquelas cousas que xa non necesitas e prefires non tiralas ó lixo (libros, obxectos de regalo, xoguetes, bixutería, etc.), na sección Contacto tés tódolos datos necesarios para avisarnos.


Aprendendo no Mandeo

10 Maio 2015

 
Foto de estudantesEsta mañá achegámonos ó río Mandeo porque estabamos citados con xente con ganas de aprender.

A primeira parada foi na casa forestal de Muniferral. Alí esperaban os alumnos do Curso de Monitor de Actividades de Tempo Libre, ós que xa lles déramos unha charla na Casa da Xuventude de Betanzos.

As dúas derradeiras xornadas lectivas pasáronas no monte, aprendendo a organizar un campamento. Estando tan preto dunha das nosas parcelas, quixeron aproveita-la ocasión para coñecer en directo o proceso de eliminación dos eucaliptos para rexenera-lo bosque e, de paso, poder aprender un pouquiño máis das nosas árbores autóctonas.

A segunda parada foi na Espenuca. Dous alumnos que estudan a carreira de Educación Social na Universidade da Coruña tiñan que facer un traballo sobre custodia do territorio e voluntariado para unha das materias. Xa que logo querían falar connosco para ter información de primeira man.

Foto dos alumnosNa Espenuca puideron ve-lo que significa o enorme reto de recuperar unha fraga. Os acordos de custodia do territorio son un instrumento que nos permite actuar directamente no medio para restaura-los hábitats naturais e a paisaxe. Pero tamén implican a utilización de moitos recursos económicos e humanos. O voluntariado ambiental é un dos apoios fundamentais cos que poder sacar adiante estes proxectos. Incluso entidades como a nosa dependen dos voluntarios para a administración interna, pois carecemos de persoal asalariado.

Como despedida, encomendámoslles a rapazas e rapaces que sexan embaixadores da natureza nas súas futuras actividades profesionais: ¡Son a seiva nova que precisan as nosas fragas!


Dobre superficie, dobre responsabilidade

5 Maio 2015

 
Fotografía do título de propiedadeHoxe asinamos un convenio co Concello de Coirós para xestionar durante 50 anos a conservación de 92.239 m2 de bosque de titularidade municipal no entorno do monte da Espenuca. Deste xeito, pasaremos a duplica-la extensión que estamos custodiando actualmente.

Un terzo da superficie son parcelas situadas na beira do río. A multitude de especies arbóreas que medran nas proximidades da auga conforman un bosque de ribeira considerado hábitat prioritario. Segundo nos afastamos do río ladeira arriba, van dominando os carballos, constituíndo un bosque denominado carballeira galaico-portuguesa. Dado o bo estado de conservación destas fragas, a xestión vaise centrar na vixilancia de que non aparezan nelas nin eucaliptos ventureiros nin outras especies exóticas.

Fotografía da fragaPola contra, o resto da superficie son eucaliptais situados no alto do monte, preto da ermida. Dada a súa localización, ó impacto paisaxístico que provocan engaden o seu pobre estado ecolóxico. O obxectivo aquí está claro: elimina-los eucaliptos e acacias negras para logo reforestar con árbores autóctonas. Cos anos lograremos unhas fragas que non se distingan das que hai nas outras parcelas, mellorando así o entorno paisaxístico da ermida e do miradoiro, para goce de veciños e visitantes. Pero sobre todo, conseguiremos amplia-los hábitats naturais nos que viven moitas das especies ameazadas presentes na nosa bisbarra.

Aparte do seu potencial cara a unha restauración ecolóxica, estas parcelas presentan actualmente outros valores. Unha delas ten unhas formacións rochosas magníficas. Cando retirémo-los eucaliptos, os domos graníticos amosarán toda a súa fermosura. Outra alberga restos de construcións que precisarán dun exame arqueolóxico que determine o seu valor e permita deslinda-las zonas onde hai que ser especialmente cautelosos nas actividades de corta e reforestación.

Aínda que imos face-las plantacións con voluntariado, teremos que contratar con profesionais os traballos de corta de eucaliptos e preparación dos terreos. Como queremos seguir garantindo a tódolos nosos doadores que as súas achegas destinaranse na súa totalidade a mercar parcelas de interese ambiental, estamos buscando novas fontes de financiamento que permitan sufragar eses gastos.

Fotografía do convenioEste acordo de custodia do territorio é o segundo deste tipo que subscribe unha entidade galega coa Administración, amosando o Concello de Coirós a súa disposición a empregar esta nova fórmula para preserva-la biodiversidade do municipio. A colaboración entre os distintos organismos públicos e as entidades de custodia ten unha enorme potencialidade para a conservación dos nosos espazos naturais. Por ese motivo, tras estes modestos inicios, esperamos que no futuro sexa unha práctica recorrente, de xeito similar ó que acontece noutros países dende hai bastante tempo.

Se queres colaborar como voluntario na reforestación destas parcelas, ponte en contacto connosco e avisarémoste chegado o día. Na sección Contacto tés tódolos datos necesarios.

Nota: Se te achegas ó monte da Espenuca, verás no mesmo cumio varias parcelas nas que cortaron eucaliptos. Esas non están dentro do convenio, pois non son patrimonio municipal. ¡Esperemos que algún día tamén poidamos chegar a un acordo co seu titular!


Correndo polo Mandeo

21 Abril 2015

 
Na terceira edición do Trail Terras do Mandeo os deportistas van correr dobremente polo río. ¿Cómo é iso? Pois porque o trazado desta carreira atlética vai pola súa ribeira e porque ó mesmo tempo con ela van recadar fondos para protexe-los seus bosques.

Foto de corredoresOs organizadores da proba, grazas á colaboración de Bioetanol Galicia, doarán a Fragas do Mandeo o 50% dos ingresos das inscricións, para que os dediquemos a seguir custodiando os bosques de ribeira e a mercar parcelas de interese ambiental que serán destinadas a perpetuidade á conservación da súa biodiversidade.

O entorno do Mandeo cada vez é máis frecuentado polos deportistas. Aparte de seren respectuosos co espazo natural, con accións como esta dan un paso máis no seu compromiso con el, recompensándolle por permitirlles gozar dun ambiente fermoso, saudable e libre de tráfico onde practicar a súa afección.

O mundo empresarial tamén empeza a implicarse na súa conservación a través de actuacións de responsabilidade social corporativa. Este é o caso de Bioetanol Galicia, unha industria de enerxía renovable firmemente implantada na bisbarra, pois inaugurou no 2001 a súa planta de produción en Teixeiro (Curtis), preto do río Mandeo.

A proba será o sábado día 6 de xuño. Os corredores sairán da liña de meta na praza do Campo ás 10:00 horas cara ós Caneiros, para seguir Chelo arriba. Será unha proba dura, pois o percorrido vai por camiños e carreiros de todo tipo, cunha lonxitude de 21 km e cun desnivel acumulado de 900 metros, polo que os corredores terán que ir ben equipados e mellor adestrados.

Os organizadores desta proba son Campo IV Consulting, Concello de Betanzos e ACEBE CCA, contando con numerosas entidades colaboradoras. Podes consultar máis información na web do Trail Terras do Mandeo.


Primeiro rastrillo do 2015

3 Abril 2015

 
O próximo domingo día 5 faremos o primeiro rastrillo do ano na praza do Campo de Betanzos, ó pé do palco da música. Como sempre atenderemos ó público dende as 10:00 até as 14:00 horas, aínda que empezaremos a montalo ás 9:00. O prognóstico é de tempo soleado, co que esperamos afluencia de compradores.

Os nosos rastrillos son atendidos por voluntarios e neles poñemos á venda todo tipo de produtos que nos doan os nosos simpatizantes (libros, obxectos de regalo, xoguetes, bixutería, etc.). Son unha importante fonte de ingresos que nos permite continuar na defensa dos espazos naturais da nosa bisbarra mercando parcelas de interese ambiental para seren destinadas á conservación a perpetuidade da súa biodiversidade.

Non deixes de avisarnos se queres darlle unha segunda utilidade a aquelas cousas que xa non precisas e prefires non tiralas ó lixo. Na sección Contacto tés tódolos datos necesarios.


Marea de scouts en Miño

29 Marzo 2015

 
Hoxe, domingo, as persoas que se achegaron a pasear pola praia de Miño observaron curiosos a un conxunto numeroso de adolescentes moi atarefados.

Foto dos scouts en Miño Grupos scouts de toda Galicia, membros da Federación de Scouts-Exploradores de España (ASDE), están a celebrar esta fin de semana en Boebre a súa concentración anual. Respondendo a unha invitación de Fragas do Mandeo de facer voluntariado ambiental na bisbarra, decidiron aproveita-la ocasión para colaborar na erradicación de especies exóticas invasoras e na retirada de lixo da praia Grande de Miño.

Os 52 voluntarios, entre os que tamén se contaban sete voluntarios de Fragas do Mandeo e cinco empregados do concello que axudaron nos traballos, dividíronse en equipos repartidos polas dunas da praia para arrincar manualmente varias manchas de especies exóticas: Foto dos scouts en Miño uña de gato (Carpobrotus edulis), vinca (Vinca difformis), plumachos (Cortaderia selloana), crocosmia (Crocosmia x crocosmiiflora), margarida africana (Arctotheca calendula), yuca (Yucca gloriosa) e lirio azul (Iris germanica). Deste modo evitaron que estas plantas sigan colonizando as dunas, desprazando no seu avance a vexetación autóctona.

Unha vez rematado o traballo coas invasoras, percorreron a praia recollendo lixo e continuaron polas dunas até deixar limpo todo o areal.

O resultado desta mañá e tarde de voluntariado foron cinco tractores de restos vexetais de invasoras, refugallos e leña. Non se rematou con tódalas especies exóticas invasoras, pero deuse un enorme pulo na mellora do estado de conservación desta praia que está proposta oficialmente para formar parte da Rede Natura na súa futura ampliación.

Tódalas especies exóticas erradicadas son plantas usadas en xardinería. Por iso é moi importante que os veciños tomen conciencia do problema e non tiren restos vexetais dos seus xardíns en calquera lugar, se non que os destrúan e fagan con eles abono para o xardín.

Foto dos scouts en Miño Os scouts son un movemento xuvenil que promove un sistema de valores co obxectivo de construír un mundo mellor, máis xusto e solidario. As actuacións en favor da conservación do medio ambiente forman parte do seu ideario de servizo á sociedade a través da responsabilidade persoal e comunitaria.

Fragas do Mandeo agradece ós scouts —así como ó Concello de Miño e ós voluntarios que se sumaron á iniciativa— o seu esforzo pola conservación dos nosos espazos naturais.


A custodia galega está en rede

19 Marzo 2015

 
Cinco entidades galegas de custodia do territorio, entre as que se atopa Fragas do Mandeo, acaban de asociarse para tecer unha rede que as represente diante da sociedade e da Administración.

Logo da Rede Galega de Custodia do TerritorioA Rede Galega de Custodia do Territorio nace coa ambición de fomenta-la utilización desta estratexia de conservación da natureza e de poñer en valor o intenso traballo que están realizando as entidades que a compoñen. Entre os seus obxectivos figuran os de facilita-la relación con outros sectores da sociedade, proporcionar formación e servir de plataforma para o intercambio de experiencias.

Galicia contará así coa súa propia rede, do mesmo xeito que outras comunidades autonómicas do Estado. Unha das primeiras actuacións será asociarse ó Foro de Redes y Entidades de Custodia del Territorio, no que as entidades galegas xa estaban participando como unha mera agrupación carente de personalidade xurídica.

A primeira actividade pública da Rede Galega é a celebración das Xornadas de capacitación para o fortalecemento de entidades galegas de custodia do territorio. No primeiro día fará a súa presentación pública; posteriormente terá lugar un taller de estratexias para incrementa-la súa incidencia nas institucións, ademais de estimula-lo traballo en rede. Na segunda xornada o obxectivo é debater sobre boas prácticas na custodia e presentar diversas experiencias, entre elas a de Fragas do Mandeo.

Este evento forma parte do proxecto Tejiendo Redes, impulsado polo Foro de Redes y Entidades de Custodia del Territorio e a Xarxa de Custòdia del Territori, coa colaboración da Fundación Biodiversidad e da Obra Social La Caixa.

Máis información descargando o programa.

Lugar: Santiago de Compostela.
Data: 27 e 28 de marzo de 2015.


Boas noticias na declaración da renda

16 Marzo 2015

 
Logo da Axencia TributariaOs impostos non son un tema grato, pero hoxe podemos dar boas noticias respecto deles: Este ano as doazóns a Fragas do Mandeo terán máis deducións. ¡Incluso chegan a duplicarse!

A reforma dos incentivos fiscais ó mecenado comezou a ter efectos o día 1 de xaneiro grazas á promulgación da Ley 27/2014, de 27 de noviembre, del impuesto sobre sociedades. A pesar do seu nome, tamén afecta á declaración do IRPF.

Así, as doazóns que recibamos de particulares durante este ano terán unha dedución do 50% nos primeiros 150 euros. Isto significa que a meirande parte dos nosos doadores recuperarán automaticamente a metade do importe que doen no 2015 na declaración da renda que presenten o próximo ano.

Se a cantidade doada supera os 150 euros, a cifra restante terá unha dedución do 27,5%. Pero se tamén doaches os dous anos anteriores, con importes iguais ou que foron medrando co tempo, será do 32,5%.

No caso das empresas e entidades que declaren o imposto de sociedades a dedución mantense no 35% con carácter xeral, pero sube ó 37,5% se é o terceiro ano consecutivo no que se doan importes iguais ou superiores.

Pero as boas noticias non acaban aquí, pois o próximo ano, as porcentaxes aínda serán mellores.

¡Cada vez quedan menos desculpas para non ser doador!


Futuros monitores aprenden de custodia

28 Febreiro 2015

 
Hoxe, dentro das xornadas lectivas do Curso de Monitor de Actividades de Tempo Libre que se está a impartir na Casa da Xuventude de Betanzos, os alumnos tiveron a oportunidade de descubrir en que consiste a custodia do territorio e de coñecer en detalle o noso traballo en favor da conservación da biodiversidade local.

Fragas do Mandeo impartiu unha charla e respondeu ás inquietudes dos dezaseis alumnos deste curso. Tras estudar diversas materias ―entre elas educación ambiental― nas 350 horas que ten de duración, estarán capacitados oficialmente para seren monitores de actividades de tempo libre.

A nosa mensaxe animounos a que no seu futuro profesional, cando se responsabilicen de campamentos, obradoiros e excursións por paraxes naturais, estimulen á cidadanía a implicarse directamente na conservación deses enclaves que se utilizan como espazos de lecer, pero que tamén son refuxio da nosa biodiversidade e nos provén de servizos ecosistémicos imprescindibles. ¡Debemos devolverlle á natureza os seus favores!

Agradecemos esta magnífica oportunidade de divulgar a nosa actividade á Escola de Tempo Libre Querqus e a Espazo Xove Betanzos.

Foto do curso


Cita no Taller de Empresa e Biodiversidade

28 Xaneiro 2015

 
O 12 de febreiro temos unha cita no Taller Empresa e Biodiversidade: Compatibilización da actividade portuaria e empresarial no territorio da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, organizado pola Fundación Global Nature en colaboración co CEIDA, e contando co apoio da Fundación Biodiversidad e do MAGRAMA.

Nesta xornada vaise debate-la integración da actividade portuaria nun entorno sensible como é o da reserva da biosfera, expoñendo futuras liñas de acción sostibles e propoñendo medidas de conservación da biodiversidade na área de influencia do porto de A Coruña.

Fragas do Mandeo está invitada a participar no terceiro taller, como un dos exemplos das boas prácticas na xestión da biodiversidade, acompañada por representantes das empresas COREMA (Conservación y Restauración Medioambiental S. L.) e de HabitaQ.

Máis información descargando o programa.

Lugar: CEIDA, Castelo de Santa Cruz s/n, Liáns; 15179 Oleiros (A Coruña).
Data: 12 de febreiro de 2015.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).