Debate sobre invasoras

10 Maio 2018

 
Esta mañá achegámonos até a facultade de Bioloxía da Universidade da Coruña para participar nun debate titulado As terribles consecuencias da introdución de especies invasoras.

Logo da Universidade da CoruñaCompartiron a mesa redonda connosco os doutores Alejandro Martínez Abraín e Sergio Rodríguez Roiloa, da área de Ecoloxía da universidade, e Andrés Pereira, vogal do Grupo Naturalista Hábitat.

As especies exóticas invasoras están consideradas unha das principais causas de perda de biodiversidade a nivel planetario. Este problema tamén afecta á nosa bisbarra, agravándose coa aparición progresiva de novas especies e coa expansión incontrolada das xa presentes.

Mágoa que no debate se ocupara demasiado tempo en cuestiona-la existencia real deste problema, malia estar sobradamente constatado pola comunidade científica. Xa que logo, non tivemos tempo para explica-lo traballo que estamos a realizar na súa erradicación e os métodos que empregamos en cada caso. De tódolos xeitos puidemos animar ós estudantes a consideralo en toda a súa gravidade e invitámolos a participar directamente en xornadas de voluntariado para eliminalas.


Terceiro campo de traballo

4 Maio 2018

 
Xa está aberto o prazo de inscrición do III Campo de Traballo Monte da Espenuca.

Foto dun voluntarioEntre os días 16 e 27 de agosto, os voluntarios continuarán a liña de traballo das dúas edicións anteriores, realizando actividades de conservación da natureza no entorno da Espenuca. Nesta ocasión está previsto que volvan a centrarse na eliminación de especies exóticas invasoras no lugar de Chelo.

O obxectivo principal dos 13 participantes, acompañados de 3 monitores, será continuar coa eliminación da tradescantia (Tradescantia fluminensis) no rego das Bouzas, o pequeno afluente do Mandeo que desemboca a carón da pontella de Chelo.

Os voluntarios da pasada edición realizaron un magnífico traballo eliminando no seu tramo final tradescantias e hortensias. Posteriormente, Fragas do Mandeo estivo vixiando a súa reaparición e plantou 80 loureiros na zona que ocupaban as hortensias. Agora toca continuar augas arriba para evitar que as enchentes poidan arrastrar propágulos de tradescantia que logren prender nalgún punto onde xa foi erradicada.

Pero non todo será traballar, pois o programa contempla actividades culturais e turísticas que permitirán ós voluntarios coñece-la nosa bisbarra, visitar espazos naturais e vilas monumentais próximas, e asistir a algúns eventos culturais ou festas tradicionais.

Como nas edicións anteriores, participarán voluntarios procedentes de distintas comunidades con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos (aínda que este ano non será internacional). Xa que logo, o campo de traballo é un punto de encontro de mozos de moi distinta orixe, que conviven e se implican na sociedade local nun entorno no que se fomentan os valores de convivencia, de tolerancia e de traballo en equipo.

Promovido por Fragas do Mandeo e solicitado polo Concello de Coirós, este campo está organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. A xestión correrá a cargo de Ribeirán Proxectos Naturais, contando con Jesús Díaz como director.

Para obter máis información e inscribirse, consulta a ficha do campo de traballo Monte da Espenuca 2018.


Última xornada de voluntariado na Espenuca

18 Abril 2018

 
Finalizada unha longa tempada de choivas, imos aproveitar o bo tempo para achegarnos este domingo día 22 a Espenuca.

En novembro iniciámo-los traballos invernais de mantemento da parcela que estamos a rexenerar ó pé da capela, dentro da campaña fraga da Espenuca. Nesta quinta e última xornada de voluntariado plantaremos árbores autóctonas (aínda que nacen moitas espontaneamente, nalgunhas zonas son insuficientes), poñeremos titores (farémolos cortando leña nunha parcela lindeira) e rozaremos algún toxo que aínda queda (así evitaremos que dificulten o crecemento das árbores). De paso poderemos ver como esperta o monte pola chegada da primavera, coas árbores botando as primeiras folliñas.

No caso de quereres participar, por favor, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos.
Data: Domingo, 22 de abril de 2018.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.


Presentación do Life Fluvial en Chelo

14 Marzo 2018

 
A próxima semana vai presentarse o proxecto Life Fluvial na aula da natureza de Chelo. A Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, organizadora do evento, invitounos a dar unha breve charla que versará sobre a custodia do territorio como ferramenta de xestión do patrimonio natural.

Logo do Life FluvialEste proxecto ten como finalidade mellora-lo estado de conservación dos corredores fluviais da rexión atlántica ibérica, centrándose nos bosques de ribeira de ameneiros e freixos (hábitat prioritario 91E0). Actuará en oito espazos naturais da Rede Natura, dous dos cales están na nosa bisbarra, catro en Lugo, un en Asturias e outro en Portugal. O financiamento procede principalmente da Unión Europea e conta con oito socios de ámbolos dous países.

Aínda que Fragas do Mandeo non forma parte deste proxecto, dado o impacto que pode ter na preservación da biodiversidade local, poñeremos á súa disposición a nosa experiencia en todo o relativo á custodia do territorio como instrumento de conservación.

Lugar: Aula da natureza de Chelo (Coirós).
Data: Xoves 22 de marzo de 2018.
Hora: De 11:00 a 14:00.
Programa: Para máis información, descarga o tríptico da xornada.


Cuarta xornada de voluntariado na Espenuca

22 Febreiro 2018

 
Aproveitando o bo tempo, para este domingo día 25 programamos a cuarta xornada de voluntariado deste inverno na rexeneración da fraga da Espenuca.

Como a parcela que custodiamos é grande (1,6 hectáreas) e con bastante pendente, o traballo de roza-los toxos, xestas e silvas, para que non impidan o crecemento das árbores autóctonas que plantamos no antigo eucaliptal, resulta lento. Pola contra, a eliminación dos eucaliptos que nacen de semente supón moi pouco tempo, pois é fácil arrincalos.

No caso de quereres participar, por favor, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos.
Data: Domingo, 25 de febreiro de 2018.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.


Falaremos nos Encontros Naturalistas

14 Febreiro 2018

 
A nosa primeira intervención pública deste ano será o mércores da próxima semana na Coruña.

Imaxe do cartelO Grupo Naturalista Hábitat invitounos a expoñe-lo noso traballo nos Encontros Naturalistas. Baixo este nome organizan periodicamente conferencias sobre diversos aspectos das ciencias naturais, impartidas por destacados especialistas. Xa que logo, non podiamos rexeitar esta excelente ocasión para difundi-los avances das nosas actuacións entre un público tan comprometido coa conservación da natureza.

Lugar: Local social do Grupo Naturalista Hábitat, na rúa Camariñas 8, baixo (A Coruña).
Data: Mércores 21 de febreiro de 2018.
Hora: 20:30.
Inscricións: Para facilita-la organización hai que inscribirse previamente.


Primeira xornada de voluntariado do ano

19 Xaneiro 2018

 
Para este domingo día 21 programamos a primeira xornada de voluntariado do ano, na que continuaremos coa rexeneración do bosque autóctono no monte da Espenuca.

Foto da camisetaXusto ó pe da ermida custodiamos unha parcela de 1,6 hectáreas, na que estamos a roza-los toxos, xestas e silvas, para que o mato non impida que medren as árbores autóctonas. Tamén retirámo-la vexetación ó redor das árbores que plantamos, pois aínda son moi pequenas, e eliminamos os eucaliptos que nacen de semente (dos que formaron o antigo eucaliptal xa case non queda ningún que rebrote de cepo). Empezámo-lo traballo o día 19 de novembro e continuamos o día 30 de decembro, no marco da campaña Fraga da Espenuca.

No caso de quereres participar, por favor, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento e móbil). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos, onde compartiremos vehículos.
Data: Domingo, 21 de xaneiro de 2018.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.


Conservando a natureza tódolos días do ano

1 Xaneiro 2018

 
Foto do lixoA mellor maneira de amosa-lo compromiso coa conservación da natureza é traballar por ela tódolos días do ano. Así o entendeu un dos nosos voluntarios, que aproveitou o seu tempo libre destas festas para recoller lixo no espazo natural protexido ZEC Encoro de Abegondo-Cecebre.

A xornada de voluntariado do día 16, convocada polo Grupo Naturalista Hábitat, tivo como obxectivo caracteriza-lo tipo de lixo presente no espazo natural, para logo remiti-los datos ó proxecto Libera. Pero unha cuestión quedaba pendente de resolver: ¿Canto lixo hai en total?

Para estimalo, o noso voluntario estivo durante cinco días recollendo lixo na cabeceira do encoro formada polo río Mero, augas arriba da ponte de Seixurra. Foi enchendo sacos co que atopou na zona inundable do encoro (plásticos, vidros, latas, cerámicas, calzado, etc.), que amoreou xunto con outras pezas de maior tamaño (tres rodas e unha batería). Polo seu aspecto, moitos deses refugallos levaban décadas abandonados. O día de ano vello dedicouno a retirar 200 botellas de vidro ciscadas nun camiño preto do encoro. Por último, no día de ano novo transportou e pesou os sacos de lixo, resultando un total de 602 quilos. Foto do voluntarioExtrapolando o resultado a toda a extensión do espazo natural protexido e camiños adxacentes, tras aplicar factores correctores, estimou que hai preto de 4 toneladas de refugallos esperando que alguén os retire.

Hai moito que facer polo medio ambiente da nosa bisbarra. A simple actuación dunha persoa supuxo que máis de media tonelada de residuos deixaran de contaminar Cecebre. Cantos máis voluntarios sexamos máis impacto terá o noso esforzo e máis territorio cubriremos.

Como bo propósito para o 2018, ¿tamén vas propoñerte coida-la natureza?

¡Feliz aninovo!


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).