Benvido – Bienvenido – Welcome – Willkommen

 
Fragas do Mandeo é unha entidade de custodia do territorio que ten como fin a preservación da biodiversidade na comarca coruñesa de As Mariñas (Galicia, España).

Coa adquisición de fincas de interese ambiental mediante compra, doazón ou legado, e a través de acordos cos propietarios de parcelas, baixo aluguer ou cesión temporal, buscamos conserva-los espazos naturais desta comarca.

Actuamos localmente, pero pensamos globalmente. Custodiámo-las fragas para veciños e visitantes, para as xeracións presentes e as vindeiras. É o noso xeito de coida-lo planeta. ¡Colabora connosco!


O rural que queremos

8 Maio 2012

 
Imaxe do programa da I Xornada O rural que queremos

Co título O rural que queremos. Experiencias e propostas para a súa custodia e posta en valor, seguido do subtítulo Asociacións, empresas e veciños para a dinamización do rural, a Comunidade de Montes do Salgueiral (Bora, Pontevedra) vai celebrar unha xornada coa que pretende crear un espazo de encontro, de diálogo e de exposición da diversidade de axentes que están contribuíndo a activar, ó tempo que conservar, os recursos específicos do mundo rural.

Fragas do Mandeo está invitada a expoñe-la súa traxectoria e experiencia, introducindo ós asistentes na realidade da custodia do territorio como unha ferramenta para conserva-la biodiversidade local e axudar a dinamizar o mundo rural.

Estaremos acompañados por representantes de Hifas da Terra, Ancares de Meu, Amigos da Terra, Concello de Pontevedra e Asociación de Veciños do Salgueiral. A organización corre a cargo de Anias Xestión Sociocultural e conta co apoio do Concello de Pontevedra.

Esta xornada forma parte do conxunto de actividades de educación ambiental sobre o río Almofrei e a súa contorna que ven realizando a Comunidade de Montes do Salgueiral na parroquia pontevedresa de Bora, baixo o nome de Aula do Almofrei.

Lugar: Casa de Cultura do Salgueiral, en Bora (Pontevedra).
Data: Sábado 2 de xuño de 9:30 a 14:15 horas.

Máis información descargando o programa ou o cartel.


Rastrillo en Sada o día 17

7 Maio 2012

 
O vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, montaremos de novo o noso rastrillo. Pero nesta ocasión será en Sada, invitados pola organización do “I Mercadillo Solidario”. Esperámosvos na praza dos Irmáns Suárez Picallo, dende as 12:00 até as 19:00 horas.

Aproveitando a relevancia da data, levaremos unha selección de libros en galego, sen esquecer unha escolla doutros obxectos que teñen éxito de venta.

Este evento ten como obxectivo fomenta-la segunda man e o intercambio de obxectos que xa non se usan e poden ser de utilidade a outras persoas. De entrada libre, os postos de venta están a disposición de particulares e asociacións sen ánimo de lucro, previa inscrición. Haberá música en directo e un xantar popular.

A organización anima ós participantes a que doen ás asociacións sen ánimo de lucro os artigos que non dean vendido. Xa que logo, Fragas do Mandeo invitará ós participantes a ser a entidade destinataria destas doazóns, pois aínda nos quedan varios rastrillos que celebrar este ano e precisamos novos produtos.

Esta feira de segunda man está organizada polos colectivos Reciclín & Reciclán, Anam Cara e AUIC, coa colaboración do Concello de Sada, Infusiones Musicales, Rayces e Paris Joel.

Máis información na web da organización.


Éxito do cuarto rastrillo solidario

8 Abril 2012

 
Fotografía do IV rastrillo solidario de Fragas do MandeoHoxe montámo-lo primeiro rastrillo solidario do ano, que ven sendo o cuarto dos que levamos feito. Como sempre, acudimos á praza do Campo de Betanzos a primeira hora da mañá para poñer á venda unha gran variedade de obxectos (libros, complementos de vestir, artigos de regalo e do fogar, xoguetes, etc.), todos eles doados polos nosos colaboradores.

O éxito foi notable, pois superou en ventas ós anteriores. Sen dúbida axudou a xornada soleada que, tras varios días morriñentos, animou á xente a saír á rúa. Pero tamén grazas á dedicación dos once voluntarios de Fragas do Mandeo, nove atendendo o posto e dous máis axudando no transporte e na carga e descarga, que estiveron traballando até as tres da tarde.

Agradecemos ó Concello de Betanzos o permiso e a cesión das mesas. Os ingresos serán destinados á adquisición de fincas de interese ambiental e paisaxístico na bisbarra.


Narcisos en flor

11 Marzo 2012

 
Nestas datas de finais do inverno, xa dende primeiros de febreiro e até mediados de marzo, cando aínda non rebentaron os gromos das árbores caducifolias, podemos ver nas ribeiras dos nosos ríos unhas fermosas flores inconfundibles: os narcisos.

Fotografía de Narcissus asturiensisTamén coñecidos como amarelles, compoñen o xénero Narcissus e forman parte da familia das Amarilidáceas. Teñen unha distribución preferentemente ibérica e presentan moitos endemismos. En Galicia están presentes cinco especies, facilmente diferenciables polo seu aspecto.

¿Cales destes cinco narcisos podemos ver en As Mariñas? En Fragas do Mandeo estivemos esta tempada percorrendo a nosa extensa rede fluvial para tratar de localizalos, pois tres deles están catalogados como especies vulnerables e non se coñece ben a súa distribución na bisbarra.

Fotografía de Narcissus cyclamineus Narcissus cyclamineus é inconfundible. Os seus tépalos (así lle chaman os botánicos ós seus pétalos por non diferenciarse dos sépalos) son dun intenso color amarelo e están revirados para atrás, separándose deste xeito da coroa (esa especie de trompeta característica dos narcisos, que neste caso ten forma de tubo). Atopámolo en moi poucos sitios, pero neles non era escaso. É endémico de Galicia e norte de Portugal, sendo insuficientemente coñecida a súa distribución no noso país.

Pola contra, localizamos con máis frecuencia o Narcissus asturiensis, pero tamén co mesmo patrón de ser abundante nos enclaves nos que está presente —até o punto que podían detectarse dende lonxe—, pero ausentándose en longos tramos de río con hábitat aparentemente óptimo. Aínda que é de tamaño pequeno como o N. cyclamineus, o seu aspecto segue o patrón típico dun narciso.

Fotografía de Narcissus bulbocodiumO terceiro narciso que buscamos, Narcissus bulbocodium, é realmente singular. Destaca pola súa desproporcionada coroa, o que lle vale o nome común de “trompeta de Medusa”. Aparece tamén na beira dos ríos, acompañando a N. cyclamineus e N. asturiensis, sendo realmente máis flexible na súa escolla do hábitat; de feito atopámolo en praderías e carballeiras apartadas dos cursos de auga.

Algo máis tardío en florecer foi o Narcissus triandrus. Non é raro, pois témolo visto até nas cunetas das estradas, pero non resulta tan fácil de localizar coma os anteriores, pois ten unha cor pálida, moito máis discreta, que se confunde facilmente coa vexetación circundante. É unha especie endémica da metade norte da Península Ibérica.

Fotografía de Narcissus triandrusNon atopamos o último dos narcisos galegos, Narcissus pseudonarcissus, pero non descartamos a súa presenza, pois florece máis tardiamente (de marzo a maio). É o narciso máis grande dos cinco, coa forma típica, na que os tépalos son habitualmente dun ton máis claro que a coroa. En Galicia se teñen citado as subespecies nobilis e moschatus.

Os narcisos galegos están protexidos polas distintas normativas autonómica, estatal e europea. No Catálogo Galego de Especies Ameazadas figuran na categoría de vulnerables N. cyclamineus e N. asturiensis, así como a subespecie nobilis de N. pseudonarcissus. Os tres figuran tamén no Anexo II da Directiva Hábitats, acollendo o Anexo IV a N. triandrus e o Anxo V a N. bulbocodium.

O xénero Narcissus está en fase de especiación, ese proceso da evolución que leva a formar novas especies por diferenciación das súas poboacións. Por iso, aínda que dixemos que son fáciles de identificar polo seu aspecto, para os taxónomos (os especialistas en clasificación dos seres vivos) é un xénero complexo do que aínda están a debate-la definición das distintas especies. Un motivo máis para que nos preocupemos da súa protección na bisbarra de As Mariñas.


Cambio de protectorado

23 Febreiro 2012

 
Logo do Diario Oficial de GaliciaO Diario Oficial de Galicia de hoxe, día 23 de febreiro, publica a Orde do 15 de febreiro de 2012 pola que se modifica a adscrición de determinadas fundacións de interese galego e se ordena a súa adscrición ás consellerías competentes para o exercicio das funcións de protectorado.

Esta orde é consecuencia dos cambios na estrutura administrativa da Xunta de Galicia. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza, antes integrada na Consellería do Medio Rural, pasou a depender da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Xa que logo, as fundacións adscritas á Consellería do Medio Rural que teñen como fin actuacións de carácter ambiental ou de conservación do medio natural, como Fragas do Mandeo, coa publicación desta orde pasan a estar baixo o protectorado da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.


Mantemento da finca do observatorio

12 Febreiro 2012

 
Aproveitando esta xornada dominical, catro voluntarios de Fragas do Mandeo acudimos á lagoa de Sobrado dos Monxes, dedicando unha longa mañá de traballo ó mantemento da finca na que témo-lo observatorio ornitolóxico.

Fotografía da poda de salgueiros na lagoa de SobradoAs vistas do observatorio estaban limitadas polos salgueiros que medraron diante, xusto no borde da auga. Precisaron dunha poda e clareo máis intensos do que inicialmente parecía necesario. Torando os troncos máis grosos, aproveitamos para facer un pequeno refuxio para microvertebrados amoreándoos debaixo do propio observatorio. Deste xeito, pequenos animais como píntegas, sapos, musarañas ou incluso algunha donicela, poderán atopar un sitio onde recollerse.

Coma sempre que visitamos Sobrado, varremos e limpámo-lo observatorio, a finca e mailo aparcadoiro. Non nos deu tempo a recolle-lo lixo ó longo do tramo do camiño xacobeo que comunica as nosas dúas fincas, nin tampouco a censa-las aves, tal como facemos noutras ocasións, pero non deixamos de colocar información ornitolóxica.

Fotografía do observatorio da lagoa de SobradoA actuación contou co permiso da Consellería do Medio Rural e coa colaboración do Concello de Sobrado, que amablemente se responsabilizou do transporte e posterior tratamento dos restos da poda.

Quedan pendentes algunhas melloras no observatorio. Hai que reparar varios desperfectos provocados pola acción do tempo e polo vandalismo, ademais de modifica-las fiestras para facilita-la observación con telescopios. Se tes coñecementos de carpintería e queres botarnos unha man, na sección Contacto atoparás a información necesaria.


Unha década por diante

1 Xaneiro 2012

 
Logo da Década pola BiodiversidadeNeste segundo ano da Década pola Biodiversidade, Fragas do Mandeo encara os próximos doce meses con moita ilusión.

Rematamos o ano 2011 cun balance positivo. Duplicáronse con creces tanto o número de doadores como o total das doazóns. A nosa participación en varios eventos públicos deunos a coñecer entre a cidadanía e incrementou as nosas relacións institucionais. Tamén avanzamos nos contactos previos para chegar a acordos de custodia con varios particulares, entidades e organismos.

Neste ano 2012 nos enfrontaremos á materialización deses acordos de custodia. E tamén co reto de aumentar significativamente o noso apoio social, pois, aínda que medrou notablemente, segue a ser insuficiente para as necesidades de protección da nosa biodiversidade.

Para acadar a nivel local os cinco obxectivos do Plan Estratéxico para a Diversidade Biolóxica 2011-2020 das Nacións Unidas, co teu apoio, seguiremos concienciando do valor da biodiversidade e avanzando na custodia das nosas fragas e marismas, da nosa costa e dos nosos ríos. Soamente deste xeito poderemos salvagarda-los hábitats naturais que aínda sobreviven na nosa bisbarra.

Grazas pola túa colaboración. ¡Feliz aninovo!


Mesa redonda en Terractiva

7 Decembro 2011

 
Os días 17 e 18 de decembro vaise celebrar en Arzúa a oitava edición da Feira Ecolóxica Terractiva.

Para o domingo á tarde está programada unha mesa redonda sobre a custodia do territorio en Galicia, na que Fragas do Mandeo participará en compañía de catro iniciativas máis (Ridimoas, AGCT, Adega e Ulla-Deza).

Fotografía da edición anterior da Feira Ecolóxica TerractivaTerractiva é a meirande feira galega de produtos ecolóxicos e da terra, artesanía, terapias alternativas, instrumentos tradicionais e movementos ambientais. Ademais do medio centenar de expositores, o evento contará con actividades para persoas de tódalas idades. Os cativos terán un espazo de lecer na ludoteca, a maiores das actuacións de marionetas e teatro infantil. Os adultos poderán participar en diversos obradoiros, ou asistir ós espectáculos de música, teatro, contacontos, maxia e circo.

Lugar: Recinto feiral de Arzúa.
Data: Domingo, 18 de decembro, ás 17:00 horas.

Máis información na web da organización ou descargando o programa.


Novos visitantes na ría: as avocetas

14 Novembro 2011

 
En Fragas do Mandeo estivemos este outono bastante ocupados coa participación en distintos foros que promoven a custodia do territorio. Tamén dedicamos moito tempo á negociación de acordos de custodia. A semente está botada e esperamos que pronto agromen resultados. Pero non deixamos de visita-la ría de Betanzos para observa-las aves que, no seu viaxe migratorio a países máis cálidos, fan nestas datas unha parada na nosa bisbarra para alimentarse e repoñer forzas.

Este domingo puidemos observar unha especie que non tiñamos visto antes na ría: a avoceta común (Recurvirostra avosetta). Esta fermosa ave é fácil de identificar, pois aparte dun marcado colorido branco e negro, ten o peteiro revirado cara arriba, o que a fai inconfundible.

Fotografía de avoceta común (Recurvirostra avosetta)O vendaval do sueste prometía algunha sorpresa, pois os fortes ventos sempre fan que apareza algunha especie pouco habitual. Así pasou co bando de avocetas que estaba na praia de Fiobre (Bergondo). Eran tres individuos adultos acompañados de dous exemplares xuvenís. Soportaban o vento pousados na orela, de fronte, de maneira que o aire non lles revirara as plumas. De cando en vez un carrán cristado (Sterna sandvicensis) as importunaba. Cerca delas tamén andaban algunhas píllaras cincentas (Pluvialis squatarola), un par de gaivotóns atlánticos (Larus marinus), un bando de 12 píllaras riscadas (Arenaria interpres) e outro de 28 patos rabilongos (Anas acuta), cifra pouco habitual na ría.
As avocetas pronto continuarán a súa viaxe cara ó sur da Península, ou incluso cruzarán a África. Crían noutros lugares de España, en zonas húmidas, pero non en Galicia. Probablemente este pequeno bando veña dalgún dos seus lugares de cría no sur de Inglaterra, da costa francesa, dos Países Baixos ou incluso do sur de Suecia. A forma do seu característico pico axúdalles a atrapa-las súas presas, pois aliméntase de invertebrados acuáticos, varrendo co seu peteiro o fondo en augas pouco profundas.

Canto máis coñecémo-la nosa ría, máis nos decatamos da súa importancia para as aves migratorias. É unha doa máis no rosario de espazos húmidos do litoral galego, unha fonda onde comer e albergarse temporalmente de camiño ás terras do sur. Temos que facer por conservar esta cadea de espazos vital para tantas especies acuáticas migradoras.


Representados no Foro Estatal de Custodia

6 Novembro 2011

 
O pasado día 3 de novembro celebrouse en Madrid o acto de constitución do Foro Estatal de Custodia del Territorio. Esta nova entidade ten como fin impulsar, coordinar e representa-las iniciativas de custodia do territorio de todo o Estado. Nace coa implicación de 13 entidades fundadoras: as sete redes territoriais de custodia, tres entidades de custodia e tres organizacións que apoian a súa creación, aglutinando deste xeito a meirande parte do movemento de custodia.

Fotografía dos participantes na constitución do Foro Estatal de Custodia del TerritorioAs raíces do Foro Estatal parten do ano 2006, cando se celebrou a primeira reunión sobre custodia do territorio, convocada polo Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino. Daquela as organizacións participantes decidiron traballar conxuntamente e de xeito informal, co obxectivo de mante-la comunicación entre as distintas entidades e redes autonómicas, así como actuar de interlocutores entre o movemento de custodia e as diferentes Administracións e ámbitos sociais interesados na custodia. Un dos seus traballos máis destacados foi a inclusión da custodia no Plan Estratégico del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad 2011-2017.

No acto de constitución interviñeron o Director General de Medio Natural y Política Forestal, José Jiménez, e o Director General de Desarrollo Sostenible del Medio Rural, Jesús Casas, que afirmaron que a vontade do Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino é apoiar formas de xestión do territorio que garantan a implicación da sociedade, como é o caso da custodia.

Fragas do Mandeo participou na súa constitución a través da Agrupación Galega de Entidades de Custodia, e estará representada no Foro Estatal pola vogalía que nela ostenta Óscar Rivas, da Asociación Galega de Custodia do Territorio.

Máis información descargando a acta constitucional e os estatutos.


Éxito do I Encontro Galego de Custodia

1 Novembro 2011

 
Tal como anunciabamos hai uns días, participamos no I Encontro Galego de Custodia do Territorio que tivo lugar o sábado 29 de outubro en Santiago de Compostela, con visitas o día seguinte á Reserva Mariña Mar de Lira e á Cooperativa Raíña Lupa.

Fotografía do I Encontro Galego de Custodia do TerritorioCelebrado no excelente marco do Centro Social Novacaixagalicia, o público puido coñecer dez iniciativas de custodia de toda Galicia. Como característica máis salientable podemos cita-la diversidade, tanto no tocante ó tipo de entidades que practican a custodia, coma ás maneiras de afrontala. Con respecto ó ámbito de actuación, vimos experiencias de custodia fluvial, custodia mariña e custodia en parcelas privadas ou en dominio público, en espazos protexidos ou carentes de protección.

Fotografía do I Encontro Galego de Custodia do TerritorioFoi moi instrutiva a intervención de Amaya Sánchez, da Fundación Biodiversidad (entidade dependente do Ministerio de Medio Ambiente), que fixo un repaso á situación da custodia no Estado e ó papel da Plataforma de Custodia como observatorio da súa evolución. Tamén resultaron moi interesantes as explicacións de Núria Llabrés, do GOB Menorca, que se centrou na custodia do territorio enfocada no mantemento de prácticas agrogandeiras sostibles, de maneira que se manteñan os beneficios medioambientais e paisaxísticos que viñan tendo tradicionalmente estas actividades. Na intervención de Fragas do Mandeo expuxémo-lo proceso de constitución da nosa entidade, as características ambientais da nosa área de actuación, os atrancos que estamos atopando e a necesidade de fomenta-la filantropía verde para dotar de estabilidade e recursos ás entidades de custodia.

Os participantes concluíron o encontro destacando a importancia de seguir avanzando na práctica da custodia de maneira independente, pero sen deixar de solicitar apoio por parte da Administración a través de medidas normativas e de financiamento. Quedamos emprazados en volver a xuntarnos no prazo dun ano, esperando que para entonces podamos falar do que temos progresado.

Fotografía do I Encontro Galego de Custodia do Territorio


Participamos no I Encontro Galego de Custodia

26 Outubro 2011

 
A próxima fin de semana celebraremos en Santiago de Compostela o I Encontro Galego de Custodia do Territorio, no que participará Fragas do Mandeo presentando o fondo de conservación da natureza de As Mariñas.

Imaxe do cartel do I Encontro Galego de Custodia do TerritorioCo lema “situación e perspectivas”, ten por obxectivo compartir experiencias e facer un repaso ó panorama actual da custodia en Galicia, coñece-las iniciativas en marcha, as súas expectativas e os atrancos que atopa para avanzar.

Tamén contará coa presenza de varios invitados, os representantes da Fundación Biodiversidad, do Grup Balear d’Ornitologia (GOB) e da asociación portuguesa Quercus.

Tralas conferencias e mesas redondas do sábado, o domingo completarase o encontro coa visita á Reserva Mariña Mar de Lira e á Cooperativa Raíña Lupa.

O evento está organizado por Adega, contando coa colaboración da Asociación Galega de Custodia do Territorio e a financiación da Deputación da Coruña.

Lugar: Centro Social Novacaixagalicia, praza de Cervantes, Santiago de Compostela
Datas: 29 e 30 de outubro de 2011

Máis información na web da organización ou descargando o programa.


Xornada de traballo sobre a custodia

15 Outubro 2011

 
Promovida por Fragas do Mandeo, hoxe tivo lugar a I Xornada de Traballo sobre a Custodia do Territorio en Galicia. O obxectivo deste encontro entre os grupos máis comprometidos coa custodia orientada á preservación da biodiversidade nos ecosistemas terrestres foi poñer en común o coñecemento do que dispoñemos sobre a súa práctica aplicada en Galicia, esbozar unha folla de ruta e chegar a un consenso no tocante ás demandas de apoios normativos e financeiros fronte a Administración.

Fotografía da I Xornada de Traballo sobre a Custodia do Territorio en GaliciaNa longa sesión da mañá dimos repaso á lexislación que fomenta a custodia. Do mesmo xeito analizamos a que lle afecta directa ou indirectamente, como é o caso da regulación do Bantegal, da lei de Montes, da normativa do voluntariado ou a de compensación ambiental. Tamén se dedicou tempo a debate-la casuística da custodia en ámbitos de dominio público hidráulico, marítimo-terrestre, de propiedade militar e montes comunais. A problemática na identificación e localización de titulares, así como todo o referente ó proceso de adquisición de fincas, ocupou bastante tempo. Por último, tamén se tocaron temas de implicación cidadá, das técnicas de recuperación ambiental ou as declaracións de refuxios de fauna.

Retrato de Pablo RodríguezPola tarde visitamos as fincas custodiadas pola Asociación Cultural-Ecolóxica Ridimoas. Guiados por Pablo Rodríguez, puidemos coñece-los detalles do que é a iniciativa pioneira e de maior envergadura de Galicia. A súa historia e realidade cotián nos serven de inspiración, sendo a súa experiencia de máis de dúas décadas unha impagable fonte de formación.

Quedamos en xuntarnos novamente no I Encontro Galego de Custodia do Territorio, programado para os días 29 e 30 de outubro, no que se dará cita a práctica totalidade das iniciativas de custodia que están en marcha en Galicia.


Terceiro rastrillo solidario

11 Setembro 2011

 
Nesta xornada montámo-lo terceiro rastrillo solidario na praza do Campo en Betanzos, onde novamente puxemos á venda os numerosos obxectos doados polos nosos colaboradores.

O tempo non acompañou, e tal como prognosticaron os partes meteorolóxicos, o orballo fixo a súa aparición a primeira hora da mañá. O cambio do tempo e a fin do período estival fixeron que se achegara menos público ó posto, afectando ás vendas.

Con esta terceira edición rematámo-los rastrillos por esta tempada. Novamente agradecemos ó Concello de Betanzos o permiso e a cesión das mesas, así como ós voluntarios que non se arredaron ante o mal tempo.


Segundo rastrillo solidario

7 Agosto 2011

 
Hoxe, por segunda vez, montámo-lo rastrillo solidario na praza do Campo en Betanzos. As numerosas doazóns que recibimos permitíronos ofrecer ó público todo tipo de obxectos, sobre todo libros, cristalería, artigos de regalo e complementos.

Aparte dos sempre benvidos ingresos, a nosa presenza na rúa permitiunos difundi-las actividades e obxectivos de Fragas do Mandeo. Agradecemos ó Concello de Betanzos o permiso e a cesión das mesas, así como ós voluntarios que dedicaron esta mañá de domingo a atende-lo posto.


Felicidades Dona, felicidades Fragas do Mandeo

6 Xullo 2011

 
Onte a nosa mascota Dona cumpriu o seu primeiro ano de vida. Como agasallo recibiu unha chuche canina que, con pracer, mastigou lentamente. Tamén celebra o seu primeiro aniversario Fragas do Mandeo, o fondo de conservación da natureza de As Mariñas, pois foi tal día coma hoxe cando se asinou a escritura pública de constitución.

Fotografía da eliminación da uña de gato (Carpobrotus edulis) na praia da Alameda (Miño, A Coruña)Para celebra-lo, o pasado venres fixemos a presentación pública do balance de actuación e de contas deste primeiro ano de andadura. O aforo do salón azul do Liceo de Betanzos completouse cun público que gozou das proxeccións de fotografías e escoitou atento as explicacións sobre o proxecto de Fragas do Mandeo.

Pero non todo foi falar. Como continuación e tal como estaba programado, o pasado domingo voluntarios e colaboradores participaron na eliminación das especies exóticas invasoras presentes na praia da Alameda, en Ponte do Porco (Miño), que ameazaban cunha expansión incontrolable polo ecosistema dunar.

Fotografía da eliminación dos plumeiros (Cortaderia selloana) na praia da Alameda (Miño, A Coruña)A mata de uña de gato (Carpobrotus edulis), que cubría unha extensión de 30 metros cadrados, foi totalmente arrincada de raíz. Tamén se arrincaron os 61 pes de plumeiros (Cortaderia selloana), pero neste caso non foi tan doado. Aparentemente aínda eran pequenos e o chan areoso debería facilita-lo arrinque. Pero o certo foi que as extensas e fortes raíces obrigaron a traballar duro, e incluso o mango dalgunha pala rompeu. A calor do día non axudou, e traballar con manga corta supuxo que algúns acabaran cos brazos lacerados (as follas teñen un borde serrado e cortante).

Mentres uns arrincaban as invasoras, outros voluntarios recollían lixo. Na praia da Alameda está citado un escaravello ameazado, a Eurynebria complanata. A poboación mundial deste coleóptero está en franca regresión, polo que hai que tomar medidas precautorias. A recollida manual do lixo evita o uso de maquinaria pesada que pode afectar gravemente á poboación presente.

Fotografía do I rastrillo solidario de Fragas do MandeoParalelamente, na praza do Campo en Betanzos, outros voluntarios estaban atendendo o rastrillo solidario. Ademais de ofrecer información sobre os obxectivos de Fragas do Mandeo, nos case 20 metros de posto amosáronse para a venda produtos de todo tipo: libros, cristalería, louza, obxectos de regalo, discos, complementos, etc. As gangas estimularon as vendas e os produtos atoparon un novo destino, facendo realidade a segunda acción do principio das tres erres: «reduce, reutiliza, recicla». Os fondos recollidos serán destinados á adquisición de fincas de interese ambiental na bisbarra.

Temos que agradecer ó Concello de Miño e ós membros de Protección Civil a colaboración no transporte do lixo e dos residuos das plantas invasoras para o seu posterior tratamento; ó Concello de Betanzos por cedernos o salón azul e as mesas para o rastrillo; ás persoas e entidades que nos axudaron dunha ou outra maneira e que doaron os produtos en venda, entre eles a Biblioteca Central Rialeda, as asociacións Eira Vella, Lar de Unta e O Rabo do Galo, Grupo Naturalista Hábitat, Sociedade Galega de Historia Natural, Grupo Ornitolóxico Calidris e ó fotógrafo Manuel Cañás.

Pero sobre todo, agradecer ós 23 voluntarios que traballaron activamente nos preparativos e nas dúas xornadas do evento.


A nosa presentación na prensa local

6 Xullo 2011

 
Logo do xornal “Betanzos e a súa comarca”O xornal Betanzos e a súa comarca recolle na edición de xullo a nova da presentación pública de Fragas do Mandeo nun artigo titulado La conservación de la naturaleza, objetivo de Fragas do Mandeo. Cun texto a páxina completa, informa sobre os fins da entidade, os proxectos inmediatos e as actividades realizadas a pasada fin de semana.

Editado por ACEBE, este xornal ten unha tirada de 15.000 exemplares distribuídos gratuitamente en Betanzos e toda a bisbarra de As Mariñas, polo que esperamos que supoña unha repercusión favorable na difusión de Fragas do Mandeo.


Presentación pública

21 Xuño 2011

 
Dona, a nosa mascota, está preto de cumprir un ano. Chea de forza e vitalidade, encántalle correr polo monte seguindo rastros. Lémbranos que tamén Fragas do Mandeo se achega ó seu primeiro aniversario. É o momento de facer balance e mostralo á cidadanía, polo que temos programada unha serie de actividades públicas para primeiros do vindeiro mes.

Imaxe do folleto de Fragas do MandeoPara difundi-lo evento e os obxectivos da nosa entidade, editamos un cartel e máis un folleto. Se queres colaborar distribuíndoos entre os clientes do teu negocio, os compañeiros de traballo ou entre os membros do teu club deportivo ou asociación cultural, por favor, ponte en contacto connosco. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Acto de presentación

O venres día 1 de xullo, ás 20:00 horas no salón azul do Liceo de Betanzos, falaremos do que é a custodia do territorio e do traballo feito neste primeiro ano de vida do fondo de conservación da natureza de As Mariñas.

Para anima-lo acto, a charla estará acompañada de dúas proxeccións fotográficas de especialistas en retrata-la natureza. A primeira delas será unha sesión de imaxes de aves acuáticas, obra de Álvaro Fernández Polo e Antonio Ramos Souto, que nos permitirá coñecer mellor a avifauna da ría de Betanzos e de Galicia. A segunda estará constituída por fotografías da fauna e flora do río Mandeo, tomadas por Manuel Cañás.

Pasando á acción

Imaxe do cartel da presentación de Fragas do MandeoO domingo día 3 de xullo, das 10:00 ás 13:00 horas en Ponte do Porco (Miño), realizaremos unha actuación de retirada de lixo e eliminación de especies alóctonas invasoras na praia da Alameda: a uña de gato (Carpobrotus edulis) e os plumeiros (Cortaderia selloana). Esta actividade conta cos correspondentes permisos da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Xunta de Galicia) e de Demarcación de Costas de Galicia (Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino), colaborando o Concello de Miño no transporte e eliminación dos residuos.

Solidarízate

Tamén o domingo día 3 de xullo, das 11:00 ás 14:30 horas na praza do Campo (Betanzos), instalaremos un rastrillo solidario para recoller fondos destinados á custodia do territorio en As Mariñas. Podes achegarte a mercar gangas de todo tipo (artesanía, libros, artigos de regalo, etc.), así como para contribuír doando aquelas cousas que tes na casa e que non precises, pero que por estar novas ou en bo uso non te decides a tirar.

Programa

Venres, 1 de xullo:

  • 20:00 h. – Salón Azul do Liceo (Betanzos)
    Noroeste, proxección de fotografías de aves acuáticas, por Álvaro Fernández Polo e Antonio Ramos Souto, da Asociación Ornitolóxica Calidris
    Presentación da entidade e balance anual
    Tesouros Mariñáns, proxección de fotografías de fauna e flora do Mandeo, por Manuel Cañás

Domingo, 3 de xullo:

  • 10:00 h. – Ponte do Porco (Miño)
    Recollida de lixo e eliminación de especies invasoras
  • 11:00 h. – Praza do Campo (Betanzos)
    Rastrillo solidario

A garza pequena, nova especia na ría

29 Maio 2011

 
Fotografía de garza pequena (Ixobrychus minutus)Hoxe domingo, pola mañá, tres voluntarios de Fragas do Mandeo observaron con gran satisfacción unha garza pequena na ría de Betanzos. Non era para menos, pois é a primeira observación da especie neste espazo protexido da que teñamos constancia.

A baixamar foi a primeira hora da mañá, polo que a garza pequena tivo que abandona-lo refuxio das canaveiras de A Cangrexeira e achegarse ó borde da auga para pescar. Co seu lento movemento e a súa fermosa plumaxe ocre clara, pasa totalmente desapercibida entre o carrizo, do que raramente sae. Na orela ía dando pasos medidos como un felino, deténdose a cada rato para posar á maneira dunha estatua, sen deixar de escruta-la auga. De repente lanzaba o peteiro como un arpón contra algún peixiño: normalmente non fallaba. O día soleado, o lugar aberto onde se atopaba e o longo tempo que se deixou ver fixeron da observación un lecer.

A garza pequena (Ixobrychus minutus) recibe o seu nome por ser a menor das especies que compoñen a familia das ardeidas en Galicia. A diferenza das garzas e garzotas, facilmente visibles, a garza pequena é moi difícil de localizar, tanto polas características do seu hábitat coma polos seus hábitos discretos, cor críptica e actividade principalmente crepuscular. Aínda que ten unha ampla distribución mundial, non é abondosa e parece ser que vai a menos. No caso de Galicia, estímase que a súa poboación reprodutora non supera as dúas ducias de parellas, polo que é moi importante conserva-las masas de vexetación acuática e non molestala deliberadamente.

Fotografía de garza pequena (Ixobrychus minutus)Practicamente tódolos fins de semana, voluntarios de Fragas do Mandeo achéganse á ría de Betanzos para censa-las aves acuáticas. Contar e observar detidamente permite detecta-las flutuacións das poboacións e a presenza de novas especies. Así, nos últimos anos puideron constata-la aparición e cría da andoriña dáurica (Hirundo daurica) ou do picanzo vermello (Lanius collurio). Tamén permitiu localizar especies infrecuentes que están de paso, como unha cegoña negra (Ciconia nigra) ou unha garza imperial (Ardea purpurea) en período de dispersión xuvenil.

Esta observación dunha femia adulta de garza pequena a finais de maio, abre novos interrogantes. ¿Ten parella? ¿Está a criar na ría? Sendo un ave estival, ¿a que lugar de África migrará no inverno?

Se tes curiosidade, achégate ó porto de Betanzos e no seu extremo norte atoparás un magnífico lugar de observación. Se non logras vela, a lo menos poderás gozar da visión doutras aves acuáticas, como o rascón de auga (Rallus aquaticus).


Unha flor e un libro

17 Maio 2011

 
Fotografía da orquídea Dactylorhiza elataSegundo vai avanzando o ano, os distintos períodos de floración das especies silvestres marcan un ritmo de matices na paisaxe. Maio leva a fama de se-lo mes das flores, e hoxe, Día das Letras Galegas, queremos salientar unha flor moi literaria, a orquídea, e un libro que nos axudará a coñecelas.

As orquídeas galegas, a diferenza das tropicais, teñen flores pequenas, pero non menos vistosas cando as miramos de preto. Das cerca de 40 especies nativas, a maioría florece en torno a este mes. Amantes dos solos calcarios, onde atoparemos máis diversidade é no sur de Lugo e no nordeste ourensán. Pero na costa, debido a que as cunchas dos moluscos mariños crean condicións idóneas, tamén son frecuentes.

Fotografía da orquídea Dactylorhiza elataA Dactylorhiza elata é unha especie abondosa e facilmente localizable na nosa bisbarra. Agora mesmo podemos observala en flor na zona húmida transdunar da praia da Alameda (Ponte do Porco, Miño). Pero tamén gusta das praderías, coma as da ribeira da ría en Miodelo (Bergondo), e incluso das beiras dos camiños. Fotografía da orquídea Dactylorhiza elataO tallo desta orquídea pode chegar a ser grande, destacando pola súa fermosa cor que vai do rosa ó lila, características que a fan conspicua.

Como non é a única especie coa que podemos atoparnos, recomendamos a lectura da Guía das orquídeas de Galicia, dos biólogos Carlos Cortizo e Elvira Sahuquillo, publicada por Baía Edicións. Este pequeno libro, ademais de permitirnos identifica-las distintas especies grazas ás súas excelentes fotografías e fichas descritivas, tamén serve de perfecta introdución no apaixonante mundo das orquídeas.


Recompensados na declaración da renda

20 Abril 2011

 
Logo da campaña da renda 2010 da Axencia TributariaNestas datas, nas que xa se ten iniciada a campaña da renda do ano 2010, tódolos nosos colaboradores recibiron unha pequena recompensa pola súa xenerosidade. No seu borrador da renda figura a dedución do 25% das súas doazóns a Fragas do Mandeo realizadas o ano pasado. Deste xeito, recuperaron a cuarta parte do importe doado.

Anímate a colaborar con Fragas do Mandeo e tamén poderás deducir até o 25% das túas doazóns no IRPF o próximo ano. No caso das empresas, até un 35% no imposto de Sociedades. Se queres máis información, podes poñerte en contacto connosco, ou directamente consultar a Ley 49/2002 de régimen fiscal de las entidades sin fines lucrativos y de los incentivos fiscales al mecenazgo.

Coa presentación das contas anuais ó protectorado no día de hoxe, podemos falar de ter cumprido o primeiro ciclo anual de actividade con éxito.

Grazas a tódolos colaboradores e voluntarios.


Falaremos de custodia no Aqua Plann

18 Abril 2011

 
Fragas do Mandeo ten sido invitada a falar da custodia do territorio aplicada ó medio fluvial dentro da VII Mesa da Auga: “Manexo de Ecosistemas Fluviais”, enmarcada no proceso de participación pública do proxecto Aqua Plann, financiado con fondos Life+ da Unión Europea.

Logo do Aqua Plann ProjectProgramada para os días 4 e 5 de maio no local social de Figueroa (Abegondo, A Coruña), a nosa intervención terá lugar o xoves día 5 ás 12:00 horas. Nela explicarémo-las bases xurídicas da custodia do territorio, perfilarémo-la evolución no contexto mundial e a súa implantación en España, salientando o traballo da principal entidade galega de custodia. Logo pasaremos a falar da iniciativa de Fragas do Mandeo e detallarémo-las vantaxes deste instrumento xurídico para a restauración e conservación dos ecosistemas fluviais, con especial referencia ós ríos da comarca de As Mariñas.

Pódese consulta-lo programa e a información de contacto en VII Mesa da Auga “Manexo de Ecosistemas Fluviais”.


As cores da fraga

6 Abril 2011

 
Estas datas de finais de marzo e primeiros de abril son unha ledicia para os afeccionados a observa-las aves. Moitas son as especies que están apuradas transportando palliñas coas que face-lo niño, e os machos non deixan de cantar con tódalas súas forzas para marca-lo seu territorio. Nesta época é na que máis facilmente poden contemplarse algunhas especies, pois logo, cando xa estean criando, hanse volver crípticas, para que ningún predador detecte onde agochan os poliños. Así, por exemplo, comendo entre as follas dun mesmo salgueiro podemos observar doadamente catro especies de ferreiriños: o común (Parus ater), o bacachís (Parus caeruleus), o abelleiro (Parus major) e o subeliño (Aegithalos caudatus). Máis adiante soamente os veremos pasar fuxidiamente.

Pero tamén é unha época para admira-la paisaxe natural. As distintas especies arbóreas van botando as follas, e cambiando a cor segundo estas medran. As árbores máis adiantadas foron os salgueiros, cunha cor verde azulada que logo virará a un verde cincento. Os bidueiros amosan un verde gaio que contrasta coa súa cortiza branca. Dos carballos agroman unhas follas cobreadas, que van reverdecendo segundo medran. Os castiñeiros, moito máis retrasados, pois aínda non botaron follas, déixannos ve-la fermosa estrutura das súas copas. Pola contra, os loureiros, como lles corresponde por seren de folla perenne, destacan co seu verde escuro, igual que no resto do ano. Así, situados nun punto no que teñamos un bo panorama dunha fraga, poderemos determinar claramente a composición do bosque autóctono.

Dende o local de Fragas do Mandeo divisamos unha pequena fraga de vellos carballos na que se celebran as festas da aldea. Tralo seu esplendor, álzase na distancia o monte da Espenuca. Non esperedes ver na súa aba oeste ese mosaico de cores. Alí soamente ten presenza a grisalla dos eucaliptos afectados polo gurgullo. A tristeza desta cor continúa monte abaixo até o lugar de Chelo, acurralando o bosque autóctono na beira do río e nas zonas máis escarpadas.

É unha pena que un recanto tan emblemático para a bisbarra, o miradoiro onde se levaba á xente de fóra que estaba de visita para que tivera unha visión do val do Mandeo, non teña quen o defenda. ¿Quen se preocupa de que perdera todo o seu valor paisaxístico? ¿Que entidade ou particular está facendo algo para reverte-la situación?

En Fragas do Mandeo estamos a intentalo. ¡Bótanos unha man!


Primavera turbulenta

21 Marzo 2011

 
A primavera entrou este ano acompañada de noticias de enormes catástrofes naturais, graves accidentes nucleares, convulsións sociais e guerras. Algunhas persoas relacionan todo isto e pensan que é o resultado do mal que estamos a tratar este planeta.

En Fragas do Mandeo non chegamos a tanto. Pero coincidimos no tocante a que non coidamos suficientemente ben o noso planeta. Tanto en lugares remotos, como na porta da casa.

É frecuente sentir falar do bonita que é a natureza, de que é necesario coidala, de preserva-la biodiversidade ou da necesidade de infundir amor por ela nos cativos.

Pero o certo é que poucos fan o más mínimo esforzo. Contados son os que colaboran co seu traballo ou coas súas doazóns.

Pregámosche que fagas o teu balance anual: ¿En cantas actividades participaches para mellora-lo medio ambiente nos últimos doce meses? ¿Canto doaches para protexe-los hábitats e as especies?

Non penses nas veces que fuches de excursión, nas merendas na beira do río, nas setas que colliches no outono, nas horas que pasaches mirando paxaros… Pensa nas veces que fuches limpa-lo lixo que deixan outros, as ocasións en que eliminaches especies invasoras, ou na fauna ameazada que levaches ferida a un centro de rehabilitación.

Fragas do Mandeo é un instrumento para protexe-la natureza na bisbarra de As Mariñas. Pedímosche que colabores connosco como voluntario e con doazóns, co tempo libre de que dispoñas e cos cartos dos que poidas prescindir.

Pero tamén hai outras moitas organizacións con experiencia e efectividade coas que podes colaborar. Para nós o importante é protexe-la natureza. Dunha maneira ou doutra. A do noso país ou a de lugares exóticos. A de terra firme ou a do mar. Coa nosa entidade ou con outras. Escolle a que máis che guste.

¡Elixe implicarte na conservación deste planeta!


Fragas do Mandeo, exemplo da preocupación polos bosques

8 Marzo 2011

 
A declaración do 2011 como Ano Internacional dos Bosques está concentrando a mirada no estado das nosas masas forestais autóctonas.

Logo do diario “La Voz de Galicia”O destacado botánico galego Javier Guitián, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e director da Estación Científica do Courel, publica hoxe no diario La Voz de Galicia un breve artigo titulado Yo me subo a un carballo. Co seu talento habitual, vai da defensa das sequoias nos EE.UU. até a alerta sobre a desaparición dos bosques centenarios galegos, demandando para eles unha maior atención.

Agradecemos ó profesor Guitián escollernos como exemplo da inquietude cidadá polo que está a sucederlles ós nosos bosques.

Non deixedes de le-los artigos da súa agridoce columna –por veces divertida, por veces triste ante a desidia da nosa sociedade– na que amosa tanto a súa preocupación pola conservación da biodiversidade como pola do mundo rural. Aprenderedes moito e gozaredes do seu ameno estilo literario.