Quincena moi atarefada

4 Setembro 2022

 
Recuperado o ritmo de traballo unha vez rematada a intensa vaga de calor deste verán, nas dúas últimas semanas estivemos moi ocupados con labores de moi distinta índole.

Lancha: Trala botadura inaugural o sábado 20, fixemos dúas saídas para recoller lixo na xunqueira da ría de Betanzos, nas que participaron tres persoas. O total do que levamos recollido empregando a lancha suma xa case media tonelada (466,47 kg). Esperamos mante-lo ritmo dunha saída semanal, pois a cantidade de plásticos, poliexpán e outros refugallos ocultos entre o xunco é enorme.

Rego das Bouzas: O sábado 27 despedímonos dos participantes na sexta edición do campo de traballo internacional Monte da Espenuca, cunha breve charla na que expresámoslles o noso agradecemento polo seu compromiso coa conservación da natureza. Continuando a labor das catro edicións anteriores, dende o día 18 estiveron eliminando invasoras neste pequeno afluente do Mandeo, realizando un esforzo conxunto de 288 horas. O resultado é notable: cerca dunha tonelada (953,4 kg) de tradescantia, 1.170 tubérculos de crocosmia e 92,95 kg de lixo. Dúas persoas regresamos o luns seguinte para avanzar nun tramo no que non puideron traballar, por presentar unha orografía escarpada, eliminando 10,8 kg de tradescantia, arrincando 622 tubérculos de crocosmia, cortando innumerables exemplares de cana negra e retirando 33 kg de lixo.

Ríos apadriñados: O día 31 rematámo-la revisión do verán dos tramos de ríos apadriñados, cunha visita ó Mendo, onde retiramos 4,9 kg de tradescantia, arrincamos 12 tubérculos de crocosmia e recollemos 4,65 kg de lixo. Cada vez atopamos menos invasoras, pero hai que estar vixilantes permanentemente.

Reserva de Anfibios do Catorce: Fixemos unha roza de mantemento o luns 22, necesaria para reduci-los riscos de incendio na zona de bosque. Os seis participantes na xornada de voluntariado do domingo 28 retiraron 50,10 kg de xunca olorosa e 2 kg de áster americano.

Praia Grande de Miño: A revisión das especies exóticas invasoras neste areal ocupounos dúas xornadas, o martes 23 e o venres 2, nas que participaron nove persoas. Retiramos en total 105,05 kg de eixerón e 75,45 kg de lixo. A boa noticia é que non atopamos moitas das especies eliminadas en anos anteriores.

Praia da Alameda: A erradicación dos álamos brancos na zona trasdunar está resultando complicada, pois xa levamos catro días repasando os rebrotes, cun avance moi lento. A enorme dificultade para eliminar esta especie alóctona da nosa comarca leva a meditar na irresponsabilidade de plantar especies inapropiadas en ecosistemas tan delicados como os dunares.

Viveiro: As árbores autóctonas do noso viveiro precisaron atencións continuadas, especialmente nos días calorosos das últimas semanas. Pertencentes a 17 especies distintas, esperamos poder plantar boa parte delas no monte este inverno, para así favorecer a biodiversidade local.

Semana de Custodia: Tras dous anos adiada pola pandemia, estes días estivemos programando a novena edición da Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas, na que contaremos coa colaboración de ARBE e outras asociacións e clubs deportivos locais. O día 17 de setembro pola tarde faremos a eco-regata, participaremos o día 25 na limpeza simultánea dos ríos galegos e o día 22 coñecerémo-la perspectiva do Dr. Joaquín Giménez de Azcárate, botánico da Universidade de Santiago de Compostela, sobre os bosques da nosa bisbarra.


Novas axudas da Deputación

25 Agosto 2022

 
Logo da Deputación da CoruñaA Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia os listados provisionais das entidades sen ánimo de lucro que van beneficiarse este ano do seu programa de axudas, tanto para o desenvolvemento de actividades como para investimentos en medio ambiente. Fragas do Mandeo é un dos destinatarios, polo que as actividades e investimentos que presentamos serán financiados nun 80 % por este organismo, até un máximo de 8.774,24 e 12.536,07 euros respectivamente. Tal como figura nos correspondentes proxectos, estas subvencións estarán destinadas a sufraga-los seguros de voluntariado, traballos forestais profesionais e funxibles varios, no caso das actividades, e no caso dos investimentos para unha embarcación, co seu equipamento, destinada a retirar lixo e invasoras na ría de Betanzos.

Agradecemos á Deputación da Coruña o seu continuo apoio ás entidades que nos preocupamos pola conservación do patrimonio natural da provincia.

Post data: Estas resolucións provisionais foron confirmadas no boletín do día 26 de setembro, tanto a de actividades como a de investimentos.


Unha lancha para traballar na marisma

20 Agosto 2022

 
Esta mañá un grupo de seis voluntarios citouse no porto de Betanzos para facer, ¡por fin!, a botadura inaugural da lancha de Fragas do Mandeo.

Fotografía da lanchaO destino desta embarcación é dotarnos de máis flexibilidade para actuar na ría de Betanzos. Cando na marisma recollemos lixo ou cando eliminamos focos de especies exóticas invasoras, vai facilitarnos acceder a puntos ós que non podemos chegar dende terra firme, e posteriormente transportar comodamente os residuos até o porto.

Nesta xornada inicial centrámonos en proba-lo comportamento da embarcación, así como a autonomía e a potencia do seu motor eléctrico. Aínda así, recollemos en pouco tempo 131,12 kg de refugallos, entre os que podemos destacar unha roda e dúas boias perdidas do balizamento da ría.

Fotografía da lanchaDurante a breve travesía puidemos gozar dunha perspectiva da marisma moi distinta da que vemos decotío dende o seu perímetro. As aves acuáticas non se amosaron desconfiadas, destacando entre elas un par de fermosos cullereiros; incluso unha aguia peixeira estivo cazando cerca. Esperamos que as experiencias directas como esta axuden a crear no voluntariado unha vinculación máis estreita con este espazo natural protexido e, consecuentemente, un maior compromiso na súa conservación.

Para adquirir esta embarcación solicitamos unha axuda á Deputación da Coruña. Tamén temos que agradecerlle a Ideas Medioambientales o seu apoio na creación da campaña de crowdfunding e por dotala cunha doazón inicial. Os fondos recollidos nesta exitosa campaña permitiron complementa-la axuda da Deputación até a totalidade do investimento.

Nas próximas semanas iremos invitando ó voluntariado a acompañarnos nas saídas da lancha, formando pequenos grupos de traballo. Os que queiran apuntarse poden poñerse en contacto connosco (na sección Contacto atoparás o noso enderezo electrónico).


Sexta edición do campo de traballo

18 Agosto 2022

 
Hoxe estivemos no pavillón de deportes de Coirós (A Coruña) dándolle a benvida ós integrantes da sexta edición do Campo de Traballo Monte da Espenuca. De novo volve a ter carácter internacional, pois entre os participantes hai persoas procedentes de Turquía e de Italia. A súa labor en favor do noso patrimonio natural vai desenvolverse até o día 28 de agosto.

Fotografía do voluntariadoNa charla de presentación explicamos os problemas ambientais da bisbarra e a nosa forma de abordalos. Un capítulo no que nos demoramos foi o referido ós nosos esforzos na erradicación de especies exóticas invasoras, pois o principal obxectivo do campo será eliminar tradescantia (Tradescantia fluminensis). Deste xeito van darlle continuidade ás catro edicións anteriores, centradas en acabar con esta planta exótica no rego das Bouzas, o pequeno afluente do Mandeo que desemboca a carón da pontella de Chelo. Finalizada a charla, achegámonos á Reserva de Anfibios do Catorce, onde puideron coñecer unha mostra do noso traballo para preserva-la biodiversidade local.

Fotografía do voluntariadoNesta edición participan nove persoas (dúas galegas, catro doutras tantas comunidades autónomas e tres estranxeiras), con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. Será un punto de encontro de mozas e mozos ―elas son maioría― de moi distinta orixe, onde convivirán e se implicarán na sociedade local, nun entorno no que van fomentarse os valores de convivencia, de tolerancia e de traballo en equipo. Ademais das actuacións de restauración ambiental, o programa contempla actividades complementarias que permitirán ós voluntarios coñece-la nosa bisbarra, visitando espazos naturais e vilas monumentais próximas.

Promovido por Fragas do Mandeo e solicitado polo Concello de Coirós, este campo está organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. A xestión correrá a cargo de Ribeirán Proxectos Naturais, que acompañará en todo momento ó voluntariado cun director e dous monitores de apoio.


Renovando ímpeto no noso XII aniversario

6 Xullo 2022

 
En xornadas coma esta, na que celebrámo-lo noso aniversario, miramos cara atrás para valorar xustamente o que temos feito, pero tamén cara ó futuro, para comprobar que seguimos fielmente o rumbo que establecemos hai máis dunha década. ¿Cales son as nosas arelas máis inmediatas? Recupera-lo ritmo de actividade que tiñamos antes da pandemia e, a ser posible, incluso incrementalo.

Para logralo, hai uns meses iniciamos unha exitosa campaña de crowdfunding que remata hoxe. O seu obxectivo é o de dotarnos dunha embarcación para poder recoller lixo e eliminar invasoras na marisma da ría de Betanzos de xeito sistemático. Xa está mercada a lancha, o motor eléctrico, o remolque e o equipamento de seguridade; tamén está sacada a licencia de navegación. Agora soamente estamos pendentes de recibi-lo motor do fabricante alemá, para poder botala á auga e presentar publicamente o proxecto.

No que levamos de ano xa retiramos 3,8 toneladas de biomasa de invasoras e 1,4 toneladas de lixo. Coas últimas parcelas adquiridas, a superficie que custodiamos roza as 30 hectáreas, cifra que trataremos de superar proximamente.

Todo isto está sendo posible fundamentalmente grazas ás persoas que nos apoian. A meirande parte do traballo faino o voluntariado, pois soamente de maneira ocasional temos contratado profesionais forestais. Tamén grazas ás doazóns de particulares e asociacións, que son o principal sector que da soporte económico á nosa entidade, dado que as axudas da Administración unicamente acadaron o 29 % dos nosos ingresos e as colaboracións de empresas sempre foron limitadas.

Se queres acompañarnos no reto de conservar e mellorar o patrimonio natural da nosa bisbarra, non dubides en participar nas nosas xornadas de voluntariado ou de facer unha modesta doazón. Porque moitas mans xuntas, logran grandes obxectivos.


Mercamos media hectárea no entorno de Chelo

23 Xuño 2022

 
Fotografía do título de propiedadeSe o mes pasado retomámo-las compras de montes de interese ambiental para amplia-la superficie custodiada, hoxe fixémo-la segunda adquisición deste ano.

Esta mañá estivemos na notaría de D. Óscar Manuel López Doval en Betanzos para asina-la escritura de compra de varias parcelas situadas nas proximidades do lugar de Chelo (Coirós). Suman 5.011 m2 de superficie, algunha delas linda co río Mandeo e presentan un estado de conservación variable, dende as que teñen arborado autóctono até outras nas que hai que elimina-los eucaliptos.

De novo temos que destacar que esta adquisición foi posible grazas á xenerosidade dos nosos modestos doadores. Por outra banda, esperamos poder seguir mercando parcelas para así adquirir os dereitos que precisamos para poder restaura-las fragas da nosa bisbarra.


De volta á reserva do Catorce

20 Xuño 2022

 
Pouco avanzamos na eliminación da xunca olorosa na Reserva de Anfibios do Catorce a pasada fin de semana. Aínda que un voluntario achegouse o sábado para adiantar traballo, o domingo unha choiva intensa e persistente non prevista nos prognósticos meteorolóxicos obrigounos a retirarnos a media mañá sen completa-la tarefa programada.

Por ese motivo, aproveitando que o venres é festivo, para esta fin de semana convocamos dúas xornadas de voluntariado, co obxectivo de rematar o arrincado desta especie exótica invasora antes de que as súas flores maduren e esparexan as sementes.

Se queres botar unha man, podes apuntarte a calquera das dúas xornadas, ou incluso ás dúas, enviándonos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Venres 24 e domingo 26 de xuño de 2022.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

Post data: Finalmente o tempo colaborou, pois soamente nos interrompeu un pequeno chuvasco o domingo, permitíndonos así rematar de arrincar toda a xunca olorosa, ademais dalgún eixerón e algún áster americano que atopamos. Tras pesar toda a biomasa retirada, a suma resultou en 369,80 kg. Esta cifra é significativamente inferior á do ano pasado, o que nos indica que estamos avanzando na completa erradicación da xunca olorosa, a especie exótica invasora da reserva que máis traballo nos ten dado.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Xornada contra as invasoras na reserva do Catorce

12 Xuño 2022

 
A xunca olorosa é unha especie exótica invasora de orixe americana que aínda está presente na Reserva de Anfibios do Catorce. Témo-la arrincado en varias ocasións, pero hai que ter paciencia e constancia para lograr erradicala, pois reaparece con facilidade grazas ás moitas sementes que bota.

Os exemplares que naceron esta primavera están empezando a florecer. Por este motivo, para o próximo domingo día 19 temos programada unha xornada de voluntariado ambiental co obxectivo de arrincar tódolos que atopemos.

De novo o punto de encontro será o Centro de Saúde de Betanzos. Non fai falla que leves ferramentas, pero pode serche útil conseguir uns protectores para os xeonllos e unhas luvas (mellor as de pintor ou de xardineiro que as de coiro). Lembra vestir roupa axeitada e calzado robusto, pois o solo aínda está algo húmido. Non esquezas algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres axudar a conservar esta reserva, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, móbil, data de nacemento e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Punto de encontro: Centro de Saúde de Betanzos.
Data: Domingo, 19 de xuño de 2022.
Hora: Sairemos ás 9:30 e volveremos ás 14:00 horas.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Praia da Alameda: rematada a segunda fase

6 Xuño 2022

 
Foto dos voluntariosHoxe completámo-la segunda fase da eliminación do arborado alóctono invasor na praia da Alameda.

Tiñamos planificada para antonte unha xornada de voluntariado corporativo, coa fin de retirar parte da biomasa das árbores eliminadas, pero determinados imprevistos obrigaron a cancelala. Consecuentemente, as quince persoas que participaron na xornada complementaria que programamos para onte, malia que traballaron intensamente, non deron acabado de retirala. Por ese motivo, esta mañá achegáronse catro voluntarios e remataron a tarefa, logrando encher até os topes o contedor contratado. As cifras falan por si mesmas: 30 metros cúbicos de biomasa correspondente a máis de 675 árbores.

Sumando estes resultados ós obtidos na xornada de maio, resulta en máis dun milleiro de árbores eliminadas na trasduna da praia da Alameda. Foto do contedorA súa biomasa ocupou un total de 42 metros cúbicos e pesou máis de tres toneladas, malia estar totalmente seca.

Pero non podemos dar por erradicado este arborado invasor. Agora empeza a terceira fase: o control dos rebrotes. Pero esta xa é unha labor que require máis paciencia que forza.

A conservación da natureza precisa de financiamento. Por ese motivo expresamos o noso agradecemento a CaixaBank, que nesta ocasión fíxose cargo dos gastos do contedor, e ó Grupo Naturalista Hábitat, polo usado o mes pasado. E tamén, coma sempre, ós participantes nestas xornadas de voluntariado. O seu traballo quedou recollido nun ameno vídeo.
Foto dos voluntarios


Voluntariado no Día do Medio Ambiente

28 Maio 2022

 
Para o domingo 5 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, temos programada unha xornada de voluntariado para retirar biomasa de especies invasoras na praia da Alameda (Miño).

A primeiros deste mes, un grupo composto por 19 persoas enchemos até os topes un contedor de 12 m3 coa leña dunha árbore alóctona na nosa bisbarra, o álamo branco, que inzaba na zona húmida da súa trasduna. Como non demos rematado, para esta ocasión contratamos un contedor con maior capacidade. O traballo vai ser doado pois as árbores xa están secas e cortadas, pero levará o seu tempo polo gran número de exemplares.

Para avanzar neste traballo, o día anterior un grupo de voluntariado corporativo convocado por CaixaBank vai botarnos unha man cargando no contedor todo o que poidan.

Non fai falla preocuparse polas ferramentas, pero é recomendable levar unhas luvas de coiro, ademais de calzado e vestimenta axeitados para traballar. Non hai que esquecer algo de picar e de beber para cando fagámo-lo descanso a media mañá.

Se queres apuntarte, envíanos con antelación os teus datos (nome completo, DNI, data de nacemento, móbil e concello de residencia). Así poderemos notificarche cambios de última hora, facerche un seguro de accidentes e facilitarasnos a organización. Na sección Contacto atoparás a información necesaria.

Sumando esforzos podemos mellorar significativamente o estado de conservación dos nosos espazos naturais. ¡Anímate a participar!

Punto de encontro: Praia da Alameda (Miño).
Data: Domingo, 5 de xuño de 2022.
Hora: Empezaremos ás 9:30 e remataremos ás 14:00 horas.

A Deputación da Coruña financiará nun 80 % os seguros de voluntariado.


Uso de cookies: Este sitio web emprega cookies para mellora-la experiencia de usuario. Se continúa navegando consente a aceptación de ditas cookies e acepta a nosa política de cookies (se pincha no enlace obterá máis información).